off
Politica espanhola — 19 Setembro, 2012 at 7:02 a.m.

Carrillo

by

O ex-dirixente do Partido comunista español finou nesta terza feira aos 97 anos. Carrillo coincidiu en 1947 con Castelao coma ministro sen carteira do goberno  de José Giral. A primeira vez na que o nacionalismo galego participou nas institucións da República no exilio. O comunista español Santiago Carrillo e o nacionalista galego  Daniel R. Castelao entraban no gabinete en representación do PCE e do PG, dous partidos que ficaran fóra do primeiro goberno de Giral e que viñan afortalar  a feble estructura do goberno da República no exilio. Esa ampliación viña reparar unha ausencia  que non podía agochar tanto agravio ( non houbo tempo de aprovar o Estatuto) e procuraba a maior representatividade  de forzas. Moitos foron os que se opuxeron,  sobre todo os socialistas de Indalecio Prieto que manobraron decididamente contra aquela ampliación (no Sempre en Galiza p.166, exprimense as causas e responsabilízase a Prieto de non ter carteira de ministro no primeiro goberno Giral). A oposición á entrada de Carrillo tamén hai que enmarcala nas liortas internas do Partido Socialista  (que xa tiñan pactado coa monarquía) entre os prietistas  -que atacaban á estratexia de amplo expectro de Giral- e os socialistas de Negrín.

De Castelao só lle escoitamos dicir en 2009 :  “Teño unha grande lembranza  de Daniel, Castelao, que foi o meu  compañeiro de Goberno no exilio”.  Se ben os dous representaron o fundamental da loita antifranquista, mália o seu precoz pasamento o galego  forneceu un soño de liberdade para moitos que o convertiu en icono dunha Galiza liberada e dona do seu futuro. De Carrillo houbo quen dixo que afundira o PCE  e, andado o tempo, quen o louvo coma enxeñeiro de convivencia; o asturiano aceptou a monarquía bourbónica adiando así a reivindicación dunha terceira República (esquecéndose de paso da guerrilla antifranquista, de  Manolo Vello, Líster,  Luís Soto e Marrofer…), sendo abenzoado e validado após pola mesma maioría nacional española que teima en anular e insultar as minorías nacionais e fixo da “memoria histórica” unha segunda transición ao servizo da ocultación.

En xaneiro de 2011, na promoción do seu derradeiro libro, lembrouse dos galegos: “Non hai futuro para España sen que os catalán, vascos e galegos se sintan cómodos”.

Cecais a millor homenaxe que se lle poida facer a éste corazón de esquerdas, a quen foi máis pragmático ca teórico (mália o seu intento falido por artellar o eurocomunismo nunha contorna liberal-democrática),  sería non seguir a mitificar até o estañamento estéril  a sacrosanta “transición”, tan presente no presente  que semella que non é posibel pensar porque xa  houbo quen pensara por nós. Unha vez dixo que “fixo o que tiña que facer”. Fagamos tamén nós o que teñamos que facer.

Que a terra lle sexa leve porque a historia halle de ser implacabel

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off