O tema da memoria histórica quéimanos. Mália a recente investigación historiográfica, a Lei da Memoria Histórica, a información do sumario do xuiz Baltasar Garzón, as xornadas monográficas ( “A represión franquista en Galicia” de Narón en 2003 e a Semana da Memoria Histórica de Cedeira en 2007), a necesaria aínda que serodia, insuficiente e imprescindibel homenaxe aos represaliados asturianos do Campo de Concentración de Presentados e Prisioneiros organizada polo Concello de Cedeira, o Principado de Asturias, a Asociación Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán en outubro de 2010 ou o terlle posto acaidamente o nome de “República” a unha rúa, Cedeira segue sen subirse ao tren da historia, a que se escribe coas mans da dignidade e da solidariedade e non coas mans da infamia e do esquecimento. Certo é que nos últimos dez anos abríronse portas que non poden nen deben volver a ser entornadas polo desleixo institucional.
Agora que sabemos o que pasou, non podemos pasar páxina sen primeiro tela lido, unha débeda moral que nos lembran a decote as palabras de Marcos Ana ou os cabodanos (o 17 de agosto do 36 foi executado Alexandre Bóveda) e os fillos e netos dos represaliados de noso.
O infeliz deseño do paseo marítimo foi un grave desatino ao guindar unha enxurrada de cemento sobre o que foron os restos da fábrica de salgazón e Campo de Presentados e Prioneiros sen que agromara unha só palabra de lembranza ou un xesto de dignificación daqueles muros, que por fin chegou no 2010. Non hai moito, Gelo do Moure lembrábanos que a xusta homenaxe aos prisioneiros asturianos tamén sirveu para amosarnos como os fusilados (paseos) e represaliados (procesos extraxudiciais) de Cedeira seguían no esquecimento. De feito, impúxose na práctica un plano sistemático e planificado para aterrorizar aos cidadáns polas súas ideas políticas. “Un proceso sistemático e planificado”, segundo veñen de revelar os estudos de historiadores coma Henrique Barrera, Bernardo Maiz, Eliseo Fernández, Manuela Santalla, Dionisio Pereira e o cedeirés Xosé Manuel Suárez (velaquí a súa listaxe de fusilados e paseados na zona de Ferrol ( 1936-1939) , que en Cedeira levou por diante a dúas dúcias de demócratas aos poucos dias do golpe de estado, entre deles o alcalde Manuel Fernández Freijeiro, fusilado canda o seu fillo no castelo de San Felipe de Ferrol canda outras 11 persoas.
Mália o precedente da homenaxe aos represaliados asturianos e de dispormos de documentadas listaxes de fusilados locais, arrepía que aínda non se teña constituido un Memorial Democrático de Cedeira con ampla participación cidadán para a recuperación da memoria histórica e o seu patrimonio. Non podemos seguir a soterrar a verdade do acontecido con medias verdades. Que a placa de homenaxe aos presaliados asturianos esté íntegramente redactada en castelán (tamén había galegos e doutras zonas do Estado) ou ben amosa ás claras quen levou a iniciativa ou ben que non hai xeito de normalizar o idioma que falaban as víctimas de noso, nen tendo coma co-organizador á administración local. Cómpre repetilo, hai portas que non poden nen deben volver a ser entornadas polo desleixo institucional. Excluir a língua galega do texto escrito desta homenaxe é soterrar máis unha vez a verdade da represión.
En Cedeira, apenas encetada a Guerra Civil, cando aínda a percepción do alcance do alzamento militar franquista era difuso, os veciños e veciñas de Cedeiras foron víctimas da represión institucional desatada polo réxime franquista. Todas esas persoas, con nomes e apelidos deberían ficar na memoria de todos nós. A millor forma de facelo a máis das listaxes historiográficas, seria achar ubicación para unha placa-mural de ferro laminado e planchas que lembrara os nomes e idades de todas as persoas fusiladas e paseadas e das que padeceron tortura,confinamento e cárcere através de procesos extraxudiciais. Cómpre lembralo, máis unha vez, que no estado español non se xulgou nen un só caso dos centos de milleiros de crimes cometidos. Así nolo recorda o informe de Amnistía Internacional Casos cerrados, heridas abiertas. El desamparo de las víctimas de la Guerra Civil y el franquismo en España, publicado o 9 de maio de 2012:
“non se garante ás víctimas e ós familiares da Guerra civil e o franquismo ningún dos dereitos humanos relativos ao acceso efectivo á xustiza, que inclue a obriga do Estado de pescudar, o dereito a saber e o dereito a unha reparación. Pola contra, a pauta de actuacion dos xuices e fiscais ten sido a desestimacion xeral das denuncias apresentadas”
Até o de agora os esforzos amosados polo Concello de Cedeira teñen sido mínimos e non supuxeron a dignificación e homenaxe dos seus veciños/as víctimas da Guerra Civil e a postguerra. Se o Concello non o fai, cecais o teña que facer a cidadanía a través dunha Plataforma de ampla participación. O ciclo biolóxico é terribel e as perdas irreparabeis, razóns para non adialo outros trinta anos.


















