off
Normalização linguística, Política, Politica espanhola — 8 Marzo, 2012 at 7:30 p.m.

A inmersión

by


A resolución   do  contencioso administrativo do  Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC) ainda que desautoriza ao Supremo, abre as portas a rachar o modelo educativo e de cohesión que acadara o proceso inmersión lingüística.  O tribunal admite excepcións permitindo que todas as familias que o pidan poderán seren escolarizados en castelán coma língua vehicular, como é o caso das familias que presentaron o recurso. Agora ben, que o o tribunal poña condicións ou algunha tañeira á inmersión non é outra cousa que ratificar e preservar o modelo educativo. Cómpre ainda comprovar se se vai traspasar a líña vermella que trazou no seu dia a sociedade catalana e cal vai ser o alcance das excepcións. En calquera caso a resposta á demanda de que o castelán sexa veicular no ensino é que non. Os xuices coñecen ben a realidade catalana e saben ben que o panorama non é o dos abecedarios da meseta.

Que a inmersión funciona en Cataluña non é outra cousa que o éxito dun país e dunha sociedade que se mobiliza cando agreden os seus dereitos e trazos de identidade. Que se produzan casos como o de Galicia bilíngüe ou recursos coma este non fan máis que amosar a  anormalidade dunha democracia á que lle costa asumir que o estado español é plurilíngüe. Por outra banda, a inmersión é a estratexia defendida pola sociolingüística coma a máis existosa para recuperar línguas que precisan especial protección. 

Velaí unha razón (que é un paradoxo): a sentencia vai ser redactada só en castelán. Velaí outra: non coñezo catalán ningún que non entenda ou saiba falar en castelán.

En Cataluña fálanse perto de 300 línguas, portanto, é o catalán a língua que pode garantir a cohesión social. Doutro xeito, todas as línguas son iguais – se por igual entendemos que teñen a mesma capacidade para expresaren pensamentos complexos- mas os seus falantes non. Éstes poden ter máis ou menos poder político e económico que, expresado últimamente co eufemismo de “liberdade de escolla”, pode agochar unha diferencia conflitiva, a desigual situación de dúas línguas e dos dereitos dos seus falantes.  Os que aínda temos memoria só vemos cinismo no executivo de Rajoy cando convida ao “binlingüísmo integrador”. Sóalles ? Si, o mesmiño discurso de Galicia Bilíngüe: de pouco sirve estar en contacto coa realidade cotiá, de pouco, saber que o galego está sen normalizar e os seus falantes a non teren o dereito de facer  a súa vida na  língua  que leva o nome do país. É a política do abandono. Non é un episodio máis, queren unha Galicia residual. Qué sorte temos os galegos de termos ao políglota  Rajoy en Madrid!

One Comment

  1. Tomemos nota do que acontece en Cataluña. Creo que esa politica de inmersion linguistica e boa.
    ¿Seria posible facela aqui? Eu coido que si.De feito co bipartito xa habia un avance.
    Coidemos e mimemos a nosa lingua. E unha riqueza de valor incalculable.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off