off

Por que Ollaparo ?

Porque sentimos que é un tempo en que temos que volver a defender as cousas mínimas, a sanidade e a educación públicas, o traballo e a dignidade, o idioma e o territorio…porque aínda estamos vivos, porque aínda non nos despedimos malia as existencias nesgadas e as empresas interrompidas.

Porque sentimos que somos una xeración que non pasou guerra nengunha porén perdeu todas as batallas.

Porque non nos imos tomar tan en serio malia as caricaturas que a nosa época produce.

Porque os mortos chaman por nós. Porque ainda non fomos quen de encher tanto silenzo.

Porque sempre fomos fotoxénicos e sempre nos gustou o arrebato frente ao anonimato dos despachos e o calor do rebaño.

Porque temos gañas de ser como queremos ser.

Porque todo é posibel e todo é desexabel.

Porque fariamos feliz un congreso de psiquiatras.

Porque somos oportunistas: nós tamén nos indignamos.

Porque xa sabemos que o mundo vai á merda, mentras non chega o momento…,  ponlle outra e bebe ti o que queiras.

Porque hai cousas que non poderemos perdoar na puta vida.

Porque reivindicamos a incoherencia esporádica: temos todos os vicios.

Porque desmitificamos, pode e debe haber alternativas.

Porque aínda que somos perversos, e un pouco cadelos, hai unha certa comunidade en Cedeira á que non disgustamos de todo…

Ao cabo, porque o espazo que estamos a ocupar témolo que gañar

Niso confiamos, coa colaboración de todos/as

Dícianos Carlos Casares no 1984 (Ollaparo  num.2) que o noso heroismo era o da normalidade, a xenerosidade, a vontade e a paciencia para facermos realidade  – dicía el- os soños de hai vinte anos. Pasaron outros vinte, cecais máis. Os conflitos non diminuiron e os anxos grises de a diario continuan a estaren aí coma o dinosaurio de Augusto Monterroso.

Non sabemos se se perdeu o  a tensión heróica do romanticismo idealista, ou se ésta só era a expresión do próprio desexo  de Casares  hai vinte anos, cecais máis.

Porén, continuan a preocuparnos as cousas do país, de Cedeira, e do mundo. E queremos continuar pingando a nosa pinga…até furar a pedra (como nos dicía Méndez Ferrín no albor do Ollaparo num.1).

Sempre aspiramos a inserir o local no nacional e alén. Nun sistema político superior e nas correntes creadoras daquí e máis dacolá. A racionalidade nacionalista que albiscara Viqueira (do que era parente  o cedeirés Xosé Pascual López-Cortón, impulsor dos primeiros Xogos Florais de Galicia de 1891)  foi sempre a do progresismo e a universalidade e ese é o noso habitat e dominio, o noso Pozo da Auga,  o noso laño e o noso berce, de Eixil a Burneira e alén Chirlateira, a nosa porta e a nosa fiestra natural ao mar,  ao mundo.

Entendemos que hai moitos portais de internet para a información xeral de noticias e deportes, poucos en galego se ben a nosa blogoesfera é  activa e cada vez máis interesante. Polo tanto, a nosa non é unha alternativa á información. Procuramos opinión dende Cedeira e dend o Mundo. É verdade que moitos de vós pensaredes nos blogs persoais e nas redes sociais, a sección de opinión dos xornais, e mesmo nas conversas  produtivas  dos bares, moito máis diversas que as que de vez en cando aparecen nas televións, con todo, o proxecto de edición dixital do Ollaparo abranxe esta revista que estamos a enfornar.  Ollaparo dixital pretende ser un formato que non só contará  co noso punto de vista  dos tema s de actualidade ou de que nos pete, senón que se propón retomar a liña dos primeiros ollaparos, é dicir, ter coma colaboradores e parceiros aos veciños e veciñas de Cedeira, Ortegal, de Galicia e do mundo, profesionais de todos os sectores  que queiran achegar a súa visión e o seu rigor a este proxecto local/global en galego.

As posibilidades das TIC e de internet abren portas á comunicación que apenas se albiscaban en 1984. O paradigma dixital está a mudar as formas de ler, de escribir e de informarse. As posibilidades de infotoxicación tamén son moitas e a fenda dixital unha evidencia que está xerar unha nova forma disparidade no acceso aos recursos da sociedade da información. Xa dicía o Nietzshe que aquilo que non me destrue fortaléceme. Compre darmos una reviravolta, facer balanzo,  ofrecer espazo para respostas alternativas multidisciplinares, traballar as resistencias, destacar os funtos fortes, afortalar os febles. E, sobretodo,  facilitar o acceso aos máis novos á serie completa de revistas que se van publicar entre os anos oitenta e noventa e que, en moitos casos, ou ben non saben da súa existencia, ou ben son dífíciles de atopar.

O proxecto Olláparo dixital proxéctase por primeira vez neste blogue de acción inmmediata aberto a simpatizantes e detractores, articulándose en tres eixos de acción:

  1. A activación do blogue do Olláparo: https://ollaparo.gal
  2. A divulgación no blogue das edicións anteriores de  Ollaparo, todas elas en papel,  en formato pdf.
  3. A edición do novo Olláparo dixital,  en tres pasos de implementación:

3.1. Procurar software para o proxecto

3.2. Deseñar a revista  a partir do tema WPZOM Magazinum de WordPress

Ollaparo dixital é un proxecto aberto. Que ninguén se sinta excluído. Podedes achegar  as vosas propostas, chatas, suxestións, comentarios, emendas…ao correo-e: ollaparo@ollaparo.gal ou directamente no espazo de abaixo.

3 Comments

  1. Unha ledicia para min ver renacer o vieiro que mantivo aceso un fachiño da luz de liberdade, contribuindo a mantermos unha conciencia colectiva e popular en terras de Cedeira e da súa diáspora.
    Parabéns!

  2. Ooooopaaaaiiiii!!!!! Xa traballamos na edición impresa, xa fixemos ,coa chilrteira, o Samain(antroido: rosquilas orellas, ..).
    Espero que con esta edición dixital todo vos vaia de cine

  3. vexo con bos ollos esta nova andaina de este proxecto, ollàparo dixital xa era hora de que alguén espertara do seu sono a este breogan acomodado e durmido , ainda hoxe podemos repetir despois de tanto tempo as verbas de castelao “esta terra non e nosa” os putos especuladores, os ladrons que puxemos na politica ,nas caixas e bancos eu penso que os galegos “polo menos alguns merecemos outra cousa, temos que facelarevolusionn xaaaaaa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off