off

Quen somos?

A revista Ollaparo saiu  do prelo  no orwellián ano de 1984, produto do activismo nado ao abeiro da Sociedade Cultural Chirlateira de Cedeira (Galiza). Ao suroeste dos Açores formábase o ciclón Hortensia,  Kundera publicaba A insustentabel leveza do ser  e Ferrín De Pondal a Novoneyra. Emerxía o colectivo poético De amor e desamor e  Galicia louvaba o Mamasunción de Chano Piñeiro. Nacían tamén as I Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia do Carballiño e  Woody Allen presentaba a irreverente Broadway Danny Rose ,  Win Wenders París,Texas e os irmans Coen,  Blood Simple. Presidía a Xunta Xerardo Fernández Albor, creábase a Compañía da Radio Televisión de Galicia e acumulabamos 3 folgas xerais por mor da reconversión naval.  1984 vai ser tamén o ano do traslado de Castelao a Bonaval polos que se confesaban non nacionalistas, a unha Galicia sen dereito de autodeterminación. Daquela quixemos informar para inconformar e remover a pasividade. Renegábamos do mito da equidistancia.  Eramos novos , mais o simples feito  de coser un feixe de follas mecanografadas cun fato de problemas e problemáticas, mesmo sen opinión explicita, abondaba para amosar a vontade de resolvelos. Aprendiamos a loitar contra a pasividade da nosa contorna, dende a escola, a escrita e a vida. Protestar contra os petrucios que viñan do franquismo  non vai ter o seu alicerce nas reivindicacións explícitas como  daquela pensabamos, senón no dereito fundamental de sermos escoitados e recoñecidos como iguais no debate público .  Esta súbita intrusión  na vida cedeiresa vai ser a verdadeira política porque vai comprometer a orde social preconstituida na que cada quen tiña o seu lugar asignado. Ollaparo fixo así  posible escenificar un territorio para o conflito simbólico …e case acabou por se converter na principal forza política da oposición. Ollaparo era a condensación metafórica da arela de desmantelar a herdanza franquista na vila de Cedeira nun momento de transformacións sociais no que todo o que se solidificaba dábase  por feito ( a vella falacia naturista segundo a cal compre derivar do que hai o que hai que facer)  e que segue  máis vixente ca nunca baixo a capa desa nova lei da gravidade chamada constitucionalismo. Daí a teima por acusarnos de termos un “plan segredo”, de sermos uns hooligans, de que non eramos unha asociación cultural porque o noso verdadeiro obxectivo era outro.  E tiñan razón, ainda que nós non o sabíamos, ou se cadra, si. Porén, estabamos en proceso dun autorecoñecimento que puña a proba a vitalidade interior fronte á violencia simbólica que criminalizaba calquera agromo de activismo social.

A primeira capa de Ollaparo, obra de Laxeiro

Leopoldo Rubido e outros medianeiros, caído o franquismo, emerxía como cínico e pragmático conservador que rexeitaba calquera expresión de “quixotismo”, é dicir, quería xogar ao xogo da  despolitización, desactivando o potencial explosivo de tirar do prelo unha revista que, polo simples feito de editarse, puña en cuestión o imaxinario social, cultural e político que dominaba a vila.  Mesmo chegou a soster o pícaro que os ollaparos  tiñamos un comportamento “non democrático”, que coa nosa acción de visibilización e difusión manipulabamos a realidade, quer dicir,  o encaixe da súa realidade á nova situación sociopolítica. Velaquí a verdadeira política: o intre no que unha reivindicación específica (cultural, artística, ecolóxica…tomar consciencia das próprias raices)  non é un elemento máis na negociación  de intereses, mas apunta cara algo máis,  comeza a funcionar como metáfora da reestructuración do espazo social dende o momento no que se afirma a necesidade de establecer formas de relación, de comunicación nas que o outro se recoñecía como diferente e como fin en si mesmo. Compria denunciar a suposta asepsia  (asepsia morena, dicia o Belliño) ou neutralidade valorativa  dunha cínica (e nova) legalidade baseada  no “como si”.

Qué ficou de todo aquilo? Qué efectos sociais, morais- emancipatorios ou integrados – provocou? Que gardamos nós de todo aquilo que nos permita ainda seguir falando e escribindo? Ao noso entender duas cousas: a) un novo (ainda, agora)  xeito de entender a política e o país dende o galeguismo, o ecoloxismo e a loita social de sempre e b) unha radicalidade na intervención práctica nese campo. A interpretación da política  encetábase como é sabido da análise da institución patóxena que herdabamos do franquismo, as institucións sociais dende a óptica da dominación e a competencia, a sobreabundancia de control social, a transmisión de mensaxes contradictorias e o establecemento de ligazóns dobres que neutralizaban as diferencias. Eramos ambiciosos porqué calquera proxecto de liberdade é de seu ambicioso. Queriamos facer país dende Cedeira.

Após vintecinco anos non están resoltas as cuestións identitarias básicas,  persisten moitas daquelas angueiras perante as condicións subalternidade de Galicia , outras mesmo se agravaron (sobretodo  a dificultade de constituir unha voz de interlocutor lexítimo e a falla de masa crítica)  e continuan a proliferar grande cantidade de “vacas multicolores”  e de coleópteros.  Goberna a mesma persoa,  e o mesmo partido, en Cedeira e no país, e o proceso de normalización política e cultural de Galicia semella  ir ao pairo. Nesta situación, mesmo sabendo que son moitos os que en todo este tempo procuraron liquidar a herdanza cultural. Como non imos escribir dende o tempo no que vivimos? Non hai futuro sen o coidado e transmisión da herdanza cultural recebida.

A vila de Cedeira non se decatou ainda do alto tributo social que estamos a pagar polo  dominio das  forzas conservadoras,  todas elas herdeiras dos vencedores da Guerra Civil, en todo o período que nos levou da dictadura á democracia.  Un indicador disto é que permaneza como candidato/alcalde do PP Rubido Ramonde ad maiorem gloriam suam.  Perdeuse o consenso da língua  e calquera vontade de afondar na autonomía, e o parque humano semella máis submiso ao poder e máis conforme coa información  só porque procede dos centros de poder.

Queriamos outra cousa, outra plenitude, e non o que acabamos por receber,  a despolitización e  o cinismo  postpolítico co que hoxe semella estar de acordo todo o mundo. Mália as traizoadas ilusións, algo mudou neste tempo. Nesta nova xeira, agora xa co potencial deslocalizador da internet, retomamos aquel compromiso coa língua de noso e coas palabras que Kapuscinski quería clandestinas e rebeldes, libres de uniformes de gala e deprovistas de carimbo oficial. Non somos os mesmos, tamén nós  mudamos.  Quizais ficou a intención:  tentar provocar algun tipo de cambio, sen falsa neutralidade. Porén, pensamos que o regreso á substancia do proxecto pode ser nutritivo. Nada novo, unha vella pulsión primitiva que teñen os organismos vivos, que os impulsa a ollar cara adiante para fracasar mellor.  Como antes, mesmo nun equilibrio precario e provisional,  non disimulamos os nosos principios: o voluntarismo gozoso, a dignidade e o servizo á xustiza social,  á soberanía do pobo galego e ás liberdades. En Cedeira, na rexión performance de Ortegal, en Galicia, ese estado fisiolóxico.

Colaboradores de outrora e de sempre,   xa de noso  en  todos os futuros:

Laxeiro, Ramón Martínez López,  X.A. Villar Piñón,  X.A.Brocos,  X.F.Nebril, Ferrín, Casares, Masito, Manuel María,  Carvalho Calero, Permuy, Neira Vilas, Rafael Usero,  Siro,  M.Beiras García,  O Sabino, Chano Piñeiro,  Elixio Villaverde,  Vicente Loureiro,  Henrique Rabuñal,  Gabriel Beceiro, Manuel Bustabad,  Pepe Riola, Montero Santalha, Belliño, F.Lourido, Xesús López Pintos, Bernardo Máiz, Gelo do MoureRafael L. Loureiro “Calel”,  X.A.Brocos,  X.Manuel Suárez, X.L.Vergara, O gourmet de VillaMéjico, Quintana Martelo, Xavier Rodríguez,   Avelino Pousa Antelo, Fernando Igrexas, Xan Iglesias,  Felipe Senén, Justino Fernández, Antón Avilés de Taramancos, Julie Guravich,  Xosé Casal,  X. M.Beiras Torrado, Michiyuki Takahashi, Francisco de Sotavento, Manuel Villar,  Ramon Valcarce, Vicenç Galea i Montero,  Emilio G. Ramonde, Carlos e Antom LabranhaEmilio Ramil,  Xosé M. Cortizo, Antón P.Cribeiro , Antonio del Real,  J.A. Álvarez Barbeito, Richi,  D. Xohán Cabana, , Andrés López”Willy”,  Roberto Alifano, Xosé A. FragaMaría Montserrat García, Filipe Diez,, Rafael CidAna PontónPilar Fernández, Bernardo Valdês

Hogano, os animadores do proxecto somos: Fernando Igrexas e Gabriel Beceiro

ollaparo.gal
correu: ollaparo@ollaparo.gal

2 Comentarios

  • Aínda hai pouco lin en público un fragmentiño dun vello Olláparo. Foi nun acto cultural do concello de Arteixo. Entre o público estaba Henrique Rabuñal, que logo veu -emocionado- lembrar aqueles tempos nos que tiña colaborado. Partillamos saudades.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: