off
Cedeira, COVID-19, Educação, Galiza, Saúde, Xente — 7 Xullo, 2020 at 12:42 p.m.

Magdalena Rey, profesora de bioloxía: “Non recibimos ningunha diretriz nin comunicado e non esperamos recibilo dada a falta de comunicación que mantivo a administración durante toda esta crise”

by

Falamos con Magdalena Rey, profesora de bioloxía no IES Punta Candieira de Cedeira e parceira do colectivo “Profesorado en pé”  que con afouta amenidade  partillou connosco as angueiras e reivindicacións lexítimas das profesoras e a súa vivencia docente e  familiar durante o confinamento,  deitando luz á hora de propor alternativas,  ainda que ides ver a continuación que van alén. Porque está lonxe de ser aceitábel que o direito fundamental á cualidade da escola pública (das alumnas, das nais, dos pais e dos cidadáns, de todos os cidadáns e non só do profesorado) sexa desleixada e abandonada á súa sorte. 

Como foi o contacto coas alumnas e alumnos durante o confinamento? Como organizaches a materia?

Co alumnado compartía os materiais e as tarefas a través de plataformas dixitais, que xa viñamos usando na parte presencial do curso como complemento ás clases e, para as comunicacións, tirei moito de correo electrónico; o ordenador e o móbil fervían a todas horas con dúbidas, preocupacións, entregas de tarefas, correcións e contacto coas familias, coas que tamén falaba por teléfono pois en moitos casos o mail non resultaba operativo e necesitaban un contacto un pouquiño máis próximo.

Ademais, posto que a Consellería non cubriu as baixas de profesorado durante o confinamento, tocoume programar e avaliar o traballo de dous grupos dunha compañeira que se atopaba de baixa, un deles de bacharelato. A situación foi aínda máis extrana pois con moitos deles non falara nunca en persoa…

As reunións cos compañeiros/as foron telemáticas. No confinamento tiven que “facer un pouco á miña maneira” como tod@s, ao principio tivemos que asegurarnos de que todo o mundo tivese conexión a internet e que non houbese “desconectados”. Unha vez resoltos os problemas de conexión, houbo que organizar a nova forma de traballar, botándolle horas e facendo un pouco de equilibrio para conciliar a vida familiar co traballo. Despois das primeiras semanas de case tolear, decidín contestar dúbidas e contactar coas familias polo día e facer a maior parte das correcións e preparación de tarefas polas noites. Os veciños podían ver as luces acesas ás catro da mañá moitas veces pois era cando máis concentración atopaba pero o problema viña cando ás sete despertaba o terremoto da casa pedindo marcha como todos os días. Vaia, que foron unhas vacacións moi desexadas as deste ano! (penso que para tod@s!)

O que peor levei foi que  co traballo a distancia deixas de lado a parte emocional da profesión; aínda que ía preguntando que tal o levaban ou como estaban de ánimo, sei que houbo familias que o estaban a pasar mal. Por suposto, levei fatal a burocracia! ao final pasabas tanto tempo facendo informes para a inspección e para o centro, adaptando programacións, etc. coma traballando para as clases. As instrucións da administración foron insuficientes (e incongruentes) e chegaban sempre no último minuto polo que fixeron moi difícil calquera planificación e o ensino precisa ser planificado e non improvisado. Parecía que o último no que se pensaba era no alumnado e na preocupación das súas familias.

O O alumnado en xeral soubo adaptarse moi ben á nova situación. Merecen o noso recoñecemento, en especial os que estes días están enfrontándose ás ABAU.

 

Tres meses de curso  marcados pola incerteza e pola necesidade de adaptarse rapidamente a unha situación completamente nova e cambiante, mas houbo  algún medio que tiraba titulares, como este de La Voz,dicindo que «los profesores no quieren volver al colegio este curso».Que é e que quer a plataforma ‘Profesorado en pé’?

O alumnado en xeral soubo adaptarse moi ben á nova situación. Merecen o noso recoñecemento, en especial os que estes días están enfrontándose ás ABAU. La Voz e outros medios aprovéitanse do tirón que teñen os titulares coma ese, non se dan conta de que cada vez perden máis credibilidade entre a sociedade por vender sensacionalismo. O que lea un pouco máis aló do titular pode ver claramente que non é así. Non queríamos (nin queremos) volver á presencialidade sen as garantías de seguridade necesarias pero coincidimos en que a presencialidade non é substituíble por ningunha plataforma dixital nin clases online e resulta fundamental no noso nivel educativo. O colectivo «Profesorado en pé» xurde dun grupo de profesoras e profesores de Lugo e a Terra Chá e exténdese por toda Galiza para amosar o malestar existente nos centros de ensino diante do abandono da administración educativa e para visibilizar a preocupación e inquedanza do profesorado ante a organización do próximo curso. Profesorado en pé pide:

– Seguridade: para o alumnado e para todos os traballadores do ensino, tranquilidade e garantías para as familias, ratios axeitadas, protocolos de seguridade, incremento de profesorado, distancia de seguridade.

– Igualdade: de dereitos e deberes, igualdade de oportunidades para todo o alumnado (que só é posible co ensino presencial) e compensación dos distintos ritmos de aprendizaxe.

– Prioridade: do ensino público para garantir a formación de todas as persoas, prioridade nos investimentos e prioridade do ensino para sermos cidadanía libre.  

 

A escola pública ten un papel fundamental: debe eliminar toda desigualdade entre o alumnado e garantir a igualdade de oportunidades para tod@s. Que cando un alumno entra pola porta do instituto sexa un máis, que non sexa o fillo de tal familia da vila ou desta outra. Por iso entre outras cousas encántame o meu traballo e por iso deberíamos defender a pública por riba de calquera outro modelo de escola.

 

A experiencia debeu servir para tirardes unha imaxe completa da situación real dos medios con que contan as alumnas,o sistema educativo galego e as familias, o impacto da fenda dixital,….

A escola pública ten un papel fundamental: debe eliminar toda desigualdade entre o alumnado e garantir a igualdade de oportunidades para tod@s. Que cando un alumno entra pola porta do instituto sexa un máis, que non sexa o fillo de tal familia da vila ou desta outra. Por iso entre outras cousas encántame o meu traballo e por iso deberíamos defender a pública por riba de calquera outro modelo de escola.

A fenda dixital quedou de manifesto con esta crise sanitaria. Xa non falo só de alumnado sen ordenador nas súas casas (iso sí tivo solución parcial co reparto de dispositivos), senón de diferenzas no acceso á cobertura, sobre todo no entorno rural, que en moitos lugares dificultaron que o alumnado puidese seguir as clases con normalidade. E principalmente das diferentes situacións que ten cada fogar para permitir o estudo: mentres que algúns alumn@s se atopan nunha situación ideal con ordenador propio, espazo propio para favorecer o traballo tranquilo e a concentración, outros teñen que compartir espazos e medios e ser partícipes das situacións complicadas polas que pasan seus pais a nivel laboral, familiar e económico.

 

A fenda dixital quedou de manifesto con esta crise sanitaria. Xa non falo só de alumnado sen ordenador nas súas casas (iso sí tivo solución parcial co reparto de dispositivos), senón de diferenzas no acceso á cobertura, sobre todo no entorno rural, que en moitos lugares dificultaron que o alumnado puidese seguir as clases con normalidade.

 

E a ratio.É de supor que se xa é difícil traballar con trinta alumnas en presencial, en liña pódese dar boa atención a todas?.

A atención presencial é insubstituíble, de aí a necesidade de voltar ás aulas. Sobre todo se falamos de alumnado con necesidades especiais, que precisan un seguemento diario e moi individualizado.As ratios xa son elevadas na modalidade presencial e agora fíxose máis visible aínda a necesidade de reducilas para poder dar unha atención adecuada.

 

Na Mariña a situación epidemiolóxica volve ser complicada. En setembro dará comezo o novo curso sob o que desde o goberno español  denominan “nova normalidade” na que se debe tentar combinar o normal funcionamento do sistema cunha serie de medidas de prevención que impidan os contaxios. Porén, parece ser que aínda se descoñece como será a volta ás aulas na Galiza. Recebestes da Consellería de Educación algunha diretriz ou comunicado no que se prevea  un plano de actuación para o curso 2020-2021 no marco da pandèmia?

Non recibimos ningunha diretriz nin comunicado e, o que é peor, non esperamos recibilo dada a falta de comunicación que mantivo a administración durante toda esta crise. Seguramente se o recibimos será no último minuto e a través da prensa, que vén sendo o medio habitual polo cal o profesorado recibe a información da Consellería. Calquera que lles bote unha ollada ás supostas instrucións da administración verá que son frases vagas e sen concreción e que deixan vendidas ás direccións dos centros en materia de seguridade. A única medida concreta que se prevé polo momento é a separación de 1,5 m, pero coas actuais ratios sería imposible de manter. Sen acometer obras, implantar protocolos de seguridade, ampliar profesorado e reducir ratios a seguridade da volta ás aulas quedará moi bonita sobre o papel pero será totalmente ficticia.

 

 E preparar todo en liña e en presencial, preparar repasos porque o curso pasado foi como foi, adaptar as programaciòns, e mil cousas máis….

Considero que o profesorado está capacitado para planificar o próximo curso, que será atípico e deberá incluír os reforzos necesarios da materia que deixamos sen ver este ano mais para facelo será necesario modificar as programacións e para iso precísase tempo. Coñecendo o modus operandi teremos que facelo dun día para outro e aí sí que virán os problemas.

 

Arestora, sábese  se teredes que dar clase con máscara? Para os de idiomas vai ser complicado, non si?

Aínda o falaba cunha compañeira de francés o outro día, a importancia da vocalización e da xestualidade nas súas clases, era algo no que eu non reparara mais ela sí consideraba a máscara como un impedimento. Coas ratios que temos actualmente e sen intención de baixalas, a distancia de seguridade non se poderá manter así que o máis probable será que teñamos que usar as máscaras durante as clases.

 

Non contaremos con programas de PMAR (Programas de mellora do rendemento e aprendizaxe) para o próximo curso, nin en segundo nin en terceiro de ESO.

 

 

Neste contexto de incerteza, cal é a problemática especifica do  IES Punta Candieira? (no educativo mas tamén no estructural, na dotación de efectivos de limpeza, se contades cun protocolo próprio de seguridade,etc)

Polo de pronto, non contaremos con programas de PMAR (Programas de mellora do rendemento e aprendizaxe) para o próximo curso, nin en segundo nin en terceiro de ESO. A Consellería non permitiu flexibilizar os criterios de acceso para os PMAR a pesar da situación excepcional que vivimos polo que o alumnado que podería ter disfrutado de grupos reducidos e materias unificadas en ámbitos non o vai poder facer este ano.

En canto ás instalacións, faltan aulas. Non dispoñemos de espazos para poder desdobrar os grupos e xa nos advertiron no claustro de fin de curso que poderían quedar materias de libre configuración sen poder ofertar por falta de aulas para impartilas todas ao mesmo tempo. O protocolo de seguridade pasa por dispensadores de xel hidroalcoólico nas distintas aulas e espazos comúns e uso obrigatorio de máscara para a mobilidade polo centro (o profesorado tiña á súa disposición na conserxería máscaras se as precisaba). Considero que faltan directrices para actuar de forma conxunta e segura desde o inicio de curso, tanto nas aulas como na biblioteca, na cafetería, nos laboratorios e talleres, nos corredores e, sobre todo nos recreos e nas entradas e saídas, pola aglomeración que se da neses momentos e neses espazos.

 

Magda, para irmos rematando. Falemos da Covid-19!. Que millorou  no ensino coa a situación de crise sanitaria, educativa e social provocada pola pandemia?

Eu son positiva por natureza, creo que disto coma de todo podemos aprender cousas. Neste caso melloramos en xeral a nosa competencia dixital. Polo demais, estou desexando voltar ao laboratorio co alumnado a diseccionar, a practicar e a ensuciar as batas! Ese é o noso lugar e non detrás dunha pantalla.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off