off
COVID-19, Movementos sociais, Opinião, Política — 25 Abril, 2020 at 7:42 p.m.

O virus da resignación

by

«Non podemos aceptar que haxa

mensaxes negativas, ao cabo, falsas»

(Isabel Celaá, ministra de Educación)

 

A papeleta é mesmo colosal. A austerización da crise desabada en 2008 polos gobernos do PSOE e do PP trouxo o 15-M e a súa divisa «PSOE-PP, a mesma merda é». En consecuencia, a ruleta do vaivén electoral foi desaloxando sucesivamente a un e outro partido do poder. Primeiro caeu Zapatero e logo Rajoy, cada cal polos seus feitos coñecidos. Así se vapuleó, pero non noqueó, ao duopolio dinástico hexemónico. A sociedade civil reaccionou cun movemento de indignación que transcendeu etiquetas políticas e sinais ideolóxicos. A xente saíu a salvar á xente.
Logo, cousas ten a vida, un dos actores desaloxados volveu onde adoitaba en inusitada compaña. Podemos, un grupo de figurantes daquela movida nos campus, tendeu a man ao reciclado PSOE de Pedro Sánchez. Naceu así un goberno <rotundamente progresista>. Unha coalición de esquerdas de amplo espectro, que non só integraba ao grupo socialista e ao colectivo liderado por Pablo Iglesias, senón mesmo a Esquerda Unida, cunha representación alícuota no consello de ministros de varios dirixentes do PCE. Un auténtico fito histórico desde a constitución da fronte popular na Segunda República.
Agora, ese flamante executivo escarabella no mesmo suco que levou á poboación a saír á rúa ao berro «non nos representan». Asimilados ao maistream transversal, acumulan erros, incompetencias e mentiras na xestión da pandemia, saga á que unen os atropelos a dereitos e liberdades argallados no confinamento forzado e o distanciamento social. Até o punto de militarizar as emerxencias e as roldas de prensa teledirigidas para explicar á cidadanía as medidas adoptadas. Resultado: un ermo das constantes democráticas abruptamente devaluadas e a negra perspectiva dunha intervención económica. Regresións que se tentan agochar instando a reeditar os Pactos da Moncloa nunha sorte de unicidade que encobre de facto o troquel do «partido único».
A pregunta, ao final da escapada, é: e agora que? Resignámonos, porque xa esgotamos as reservas políticas e ideolóxicas convencionais? Mercamos o coche de segunda man que xenerosamente non ofrece o poder coa quilometraxe perigosamente trucada? Ou os mandamos pra o carallo porque xa sabemos de que vai a leria que con tanta fanfarria orquestraron? Evidentemente a conxuntura non é moco de pavo. E máis nesta xeira, en que traumatizados pola letalidade sobrevinda e domados na xugada securitaria do acuartelamento autoritario, moita xente está a preferir a inxustiza ao anatemizado <desorde>.
E con todo, esta vez a sorte está lanzada. Xa non hai máis cera ca que arde. As fontes nutricias do sistema vomitan esterco. Ou tomamos definitivamente as rendas da nosa existencia, preparándonos a unha longa camiñada para recuperar a vida mentida, sen delegar a nosa experiencia en tribunos, popes e mandangas, ou marchamos cabeza baixa cara ao noso solpor como humanos. Non hai «contrato social» que non poida desfacer-se se o custo supera ao beneficio ad nauseam. Por moi difíciles e adversas que sexa a conxunturas. Hai 25 séculos, os gregos deran luzada a democracia nun discurso fúnebre tras caeren derrotados e decimados na Segunda Guerra do Peloponeso. E entre nós, a primeira constitución liberal veu grazas á intelixencia e afoureza dun grupo de españois comprometidos nas Cortes de Cádiz, mentres as tropas de Napoleón arrasaban o país e a febre amarela estragaba a cidade andaluza.
A outra opción «realista» non admite dúbidas, é unha autoestrada clara, iluminada, directa, obvia, simple e evidente. Nela, punto de saída e meta están asegurados sen máis incidencias das que o mando impor. E está libre dos atrancos, dificultades, complexidades e contratempos que supón a congostra que conduce a unha democracia con demócratas. Representa que nos representen do berce á tumba. Que nos dean o contrasinal como viático. Mais non vale o que promete. Poderán bendicilo como queiran. Quer polo noso propio ben. Quer  coa dereita sería peor. Que se as circunstancias obrigan. Quer isto , quer aquilo. Mas non é polo noso ben que non haxa test suficientes un mes despois de declararse a pandemia. Que os sanitarios continuen <caendo> como soldadiños de Pavía porque se fornecen máscaras fake. Que se sancione como multas terroríficas a persoas que saíron á rúa por encima das súas posibilidades. Ou que teñamos que asistir día após día outro  ao embarazoso circo dunhas roldas de prensa orwellianas onde se filtran as preguntas dos medios; escóitase a uns señores uniformados dar o seu diario parte de guerra sobre unha poboación civil uncida á súa conta de resultados; censúranse denuncias sobre o control gobernamental de noticias que critican ás institucións; ou, señor, señor, que teñamos a santa paciencia de ouvir a unha primeiro espada do Exército iniciar o seu soliloquio cotián co estúpido slogan «outro día máis na Operación Balmis». Francisco Javier de Balmis e Berenguer, o médico militar alacantino que entre 1806 e 1809 levou a vacina das varíola ao Novo Mundo despois de que decenas millóns de indíxenas morreran a causa do virus importado polos conquistadores durante a súa cruzada polo Imperio cara a Deus.
Portanto, para que arriscar a cara? Para que as persoas todas, sen denominación de orixe, sexan a medida de todas as cousas. Para que a saúde sexa un dereito positivo inalienábel no marco dunha Sanidade con maiúscula, pública, gratuíta, universal, competente e dotada. Para que a crise económica derivada do impacto epidemiolóxico non se converta noutra pandemia social. Para que os dereitos e liberdades sexan os valores inevitábeis que informen unha democracia que faga honra ao seu nome. Para que os coidados e os respectos de tod@s e para tod@s a lei suprema da comunidade. Para que as xeracións futuras non herden un planeta devastado pola cobiza de imperativas empresariais, financeiras, comerciais ou estatais. Para que ningún ser humano careza do necesario. Simplesmente: para que podamos ollarnos ao espello sen avergoñarnos. Mudaar o Mundo, recuperar a Vida.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off