Levando a Bruxelas unha delegación do sector pesqueiro galego para integrar a Rede Europea de Mulleres na Pesca.
Unha delegación galega de mulleres do sector pesqueiro e marisqueiro, organizada pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, viaxará a vindeira semana a Bruxelas para participar nas xornadas europeas Mulleres na Pesca, que se celebrará no Comité Económico e Social Europeo – CESE. “Coñecer as situacións laborais específicas e dificultades das mulleres no mar, visibilizar o seu traballo e poñelo en valor de forma que teñan un papel activo na toma de decisións no sector pesqueiro desde a igualdade é o principal obxectivo destas xornadas”, salienta Miranda.
A delegación galega quere dar voz a unha ampla representación das mulleres que traballan no sector pesqueiro e marisqueiro galego, polo que está integrada por representantes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), a Federación Galega de Redeiras O Peirao, -en ámbolos dous casos coa presenza das respectivas presidentas-, a Asociación de Mariscadoras de Carril (Amarcarril), a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, a Asociación cultural de mulleres do mar de Cesantes (Amarturmar), así como a Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda
As xornadas, que se celebrarán desde o luns 24 de febreiro ao mércores 26, permitirán desde o primeiro momento o intercambio de experiencias entre mulleres procedentes de distintos países europeos. Deste xeito, xa o luns pola tarde terá lugar un encontro da delegación galega cos grupos de mulleres do sector pesqueiro de Croacia, Chipre, Irlanda, Italia, Reino Unido e Azores.
O martes 25 a delegación galega participará no seminario europeo sobre “Os procesos da toma de decisión na pesca polas institucións europeas tendo en conta a perspectiva de xénero”, así como nun encontro multilateral con representantes das institucións europeas e nunha mesa redonda sobre a situación da pesca e o marisqueo en Galiza desde unha perspectiva de xénero.
Finalmente, o mércores 26 terá lugar a asemblea xeral da Rede Europea de Mulleres da Pesca (AKTEA), que ten como obxectivo propoñer solucións sobre o trato desigual entre homes e mulleres nas diferentes actividades da pesca, desde o emprego, as condicións de traballo, o salario, os activos de la empresa (incluso as cotas de pesca) e a propiedade (incluídos os buques e os equipos de pesca). Este evento permitirá que as mulleres do sector pesqueiro e marisqueiro galego formen parte de forma activa desta rede europea.