off
Cedeira, Galiza, Historia — 16 Xaneiro, 2020 at 10:40 a.m.

O Concello de Cedeira asinará un convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio que garanta a continuidade dos traballos arqueolóxicos no Sarridal

by

[Pingota Comunicación] É a resposta da administración galega á petición formulada desde o Concello no sentido de buscar apoio financiero e técnico para desenvolver un proxecto que resulta “prioritario” para a posta en valor e a difusión do patrimonio local, segundo apuntou o rexedor municipal, Pablo Moreda Gil, á saída da entrevista coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua. Participaron tamén no encontro o xefe de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena Puente, e María Xosé Rodríguez López, concelleira do BNG na corporación municipal, arqueóloga de profesión e persoa coa que quere contar o goberno municipal “polos seus coñecementos e a súa implicación no arranque dun proxecto que é de toda a corporación”, dixo o alcalde.


A sinatura do acordo implica o compromiso explícito do Concello de seguir investindo no xacemento, coa “dificultade” de que “non sabemos ata onde pode chegar”, segundo apuntou Moreda Gil. Seguiranse a presentar tamén traballos tanto do que se leva realizado como do que está proxectado para o presente ano. Neste sentido, o alcalde apuntou que os traballos máis inmediatos consistirán na consolidación da muralla, a construción dun peche perimetral e a difusión da riqueza patrimonial do xacemento entre o alumnado do colexio Nicolás del Río e do IES Candieira.
O alcalde, que valora e agradece a boa disposición atopada entre os responsables da Xunta, entende que o proyecto de Sarridal é de “gran relevancia” tanto para o presente como para o futuro de Cedeira, considera que o coñecemento do patrimonio local axuda a crear comunidade e pon de manifesto o total compromiso do executivo local na posta en valor deste potencial como referencia “dunha Cedeira histórica pero con futuro”.

Pola súa banda, a concelleira do BNG, María Xosé López, mostrou o seu total compromiso a seguir colaborando na consolidación e prolongación do traballo arqueolóxico do Sarridal, “tanto por interese persoal e profesional como por ter participado no inicio dun proxecto posto en marcha polo anterior goberno do que eu formaba parte”.

One Comment

  1. X. Antonio Suárez Aneiros

    A colaboración é moi importante, máxime tratándose da concelleira María Xosé, arqueóloga, que sabe do tema. Aplaudo a iniciativa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off