off
Europa, Música — 27 Decembro, 2019 at 9:22 p.m.

2020 será o ano Beethoven

by

Alemaña celebrará o Ano de Beethoven con milleiros de eventos en todo o país para lembrar que en 2020 pasarán 250 anos dende o nacemento do xenio de Bonn.

O 17 de decembro celébranse 250 anos do nacemento do compositor da Novena Sinfonía. De feito, o que se sabe é que ese día en 1770 foi bautizado Ludwig van Beethoven. Segue sendo un misterio cando naceu exactamente. Alemaña deu
por comezada a efeméride de Beethoven a semana pasada: unha conmemoración que comezou o 16 de decembro en Bonn e que pechará o 18 de decembro de 2020 na Konzerthaus de Berlín.

A cerimonia de apertura celebrouse na Opera de Bonn, unha cidade do oeste do país, perto de Colonia, que foi a capital da República Federal de Alemaña (RFA) desde a división do país e até a súa reunificación, en 1990. o ano do 250 aniversario, a orquestra Beethoven de Bonn elixiu a obertura número 3  Leonora. Forma parte da única ópera do compositor, Fidelio.

A ministra alemá de Cultura, Monika Grütters, subliñou ao comezo do Ano Beethoven que o compositor a miúdo se instrumentalizou “para demostrar a superioridade da cultura e o espírito alemáns en tempos do nacionalsocialismo” e, antes, como base “para o nacionalismo Alemán do século XIX “. Grütters cre que o 250 aniversario é unha oportunidade para celebrar con Beethoven alguén que “coa súa música chega, move, emociona e une á xente máis alá das fronteiras”.

En palabras da ministra, percibíase a vontade do representante do goberno federal alemán de europeizar o compositor, afastándoo de calquera vínculo nacionalista que puidese usar a ultradereita alemá, que agora está en auxe. Foi un aceno da Oda a alegría, que se converteu no himno da Unión Europea (UE) en 1985 – desde 1972 era o himno do Consello de Europa.

Revisitar Beethoven
A cidade de Bonn foi iluminada para acoller o Ano de Bethoven. Estas primeiras semanas do Ano Beethoven, os medios de comunicación e a rúa preguntáronse até que punto debe adicarse un ano especial a un compositor tan coñecido. A Novena Sinfonía co cerne de Oda á alegría, Para Elisa, a sonata de Claro de Lúa, a Quinta Sinfonía … son obras que forman parte da vida cotiá cultural occidental. Beethoven preferiu composicións de motivos breves e repetitivos en vez de temas longos. Segundo os historiadores, o compositor de Bonn era un perfeccionista. Quizais por iso compuxo só nove sinfonías, que retocou e revisou até o final, mentres que Wolfgang A. Mozart escribiu máis de corenta.

Inspirado precisamente no Ano Mozart, a Asociación de Amigos de Beethoven comezou a solicitar no 2014 que se estableza unha asociación pública-privada específica para organizar o Ano Beethoven, tal e como se fixera en 2006 con Mozart. Dous anos despois, fundouse Beethoven Jubiläums GmbH. Entre o goberno federal alemán, a rexión do Renania do Norte-Westfalia, á que pertence Bonn, o distrito Rin-Sieg e a cidade de Bonn investiron perto de 25 millóns de euros para o Ano Beethoven.

Durante todo o ano organizaranse milleiros de eventos de todo tipo, salientando os seguintes aspectos do compositor: cidadán, artista sonoro, humanista, visionario e amigo da natureza. Os concertos ocupan o alicerce, mas non son as únicas actividades: exposicións, encontros, visitas guiadas a Bonn e os seus arredores desde a ollada de Beethoven, festa cidadá en agosto do ano que vén na súa cidade natal, edificios e esculturas iluminadas, presentacións de libros, Beethoven para nenos, etc.

Beethoven quería chegar a moita xente. Con este obxectivo, o programa inclúe até 2.500 concertos en casas particulares, tendas, clubs, igrexas … Moitos destes concertos privados celébranse en forma de maratón de dous días antes da apertura oficial na segunda-feira 16 de decembro.

Outra proposta social dentro do Ano Beethoven é «Beethoven Moves», un proxecto para agosto do próximo ano arredor da Quinta Sinfonía que convida a ex nenos soldados de Medellín (Colombia) a actuar coa Orquestra Beethoven de Bonn e con mozos de Bonn a súa maneira de relacionase coa música, a danza, o rap e o graffiti.
Alén da Alemaña, os organizadores do ano Beethoven participarán na programación noutros lugares do mundo. A 9 Sinfonía, que Beethoven compuxo xa completamente xordo, foi escolleita para un proxecto audiovisual que amosa como se tocou con múltiples estilos e moitos lugares diferentes: desde China a Brasil, pasando polo Congo e Xapón. O Proxecto Pastoral de Beethoven ten como obxectivo concienciar sobre a protección do clima en todas partes. E entre marzo e abril de 2020, un barco de carga circulará entre Bonn e Viena, porque se Bonn sería a cidade de 2020, Viena será en 2027: o 200 aniversario da morte de Beethoven o 26 de marzo desde 1827.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off