off
Cedeira, Editorial, Galiza, Historia, Movementos sociais — 30 Novembro, 2019 at 4:58 p.m.

Chegamos tarde

by

A memoria reformada, acorda. Os xubilados tórnanse apaixonados do voluntariado nun surto de localite aguda. Algún mesmo exerce de concelleiro voluntario con adesión propia  de tarsicio na adoración nocturna. É de xustiza que os fusilados o 18 de decembro do 1936 teñan o seu memorial  ou que unha praza ou rúa, ao fin, leve o seu nome. Non foi sen tempo.

Xa o dixemos moitas veces, que chegamos tarde, porque moitas das persoas que nos podían ter axudado desapareceran e non puideron pechar lutos e comezar a lembrar en común selando así vincallos trasxeracionais e continuidade emocional. Chegamos tarde, e a demora acabou por silenciar as experiencias en primeira persoa dos últimos testemuños dunha das etapas máis escuras e vergoñentas do país. Chegamos tarde e as homenaxes que se fixeran, incluindo a proposta que se levou esta semana a pleno ordinario municipal para nomear “18 de Decembro” a actual “praza dos cabalos-  aproveitando que se cumpren 73 anos do asasinato por fusilamento de 14 persoas, tres deles representantes eleitos- volven a chegar tarde, recaindo nas mesmas eivas, ao noso ver, por un excesivo protagonismo de parte, debedor dun certo sectarismo na sua concepción e axir orixinario, unha vez que a iniciativa non se abriu en nengún momento a participación de todos os veciños e veciñas, da esquerda para a direita, substanciandose apenas desde acima. O primeiro memorial situado rente o campo de concentración dos marouzós non foi dirixido a todas as vítimas do franquismo, sendo mais unha reparación institucional e partidaria cara un colectivo, sen dúbida, necesaria, do que un recoñemento pleno da infamia histórica sofrida. Mas era un comezo esperanzador. Podía ser o inicio dun proceso de visibilización do  que permanece cuberto baixo os tapetes máis selectos. E sería necesario non só como fonte de información necesaria para a sociedade, senón porque, por desgraza, en Galiza, e no Estado, a única reparación moral que tiveron moitas vítimas é o que puideron fornecer os historiadores locais e o bo xornalismo denunciando os seus casos. E compria continuar tirando velos, divulgando e informando (Nomes e voces) con ética e estética da empatía.

A novísima Asociación da Memoria Histórica Democrática de Cedeira deu La Voz de Galicia por convocante orgánico. A revista Ollaparo é conciencia crítica da recuperación da memoria antes que o PSOE de Zapatero lexislara sobre ela. Da Sociedade Cultural Chirlateira abrollou parte substancial da inflexión cultural e política de Cedeira e a normalización dunha ollada de noso que podemos considerar soberanista. Nen chegou comunicado de prensa nen fomos convocados nen considerados parceiros en  diálogo nengún. Esqueceran quen foi o primeiro que subiu a unha escada para realizar aquela simbólica e necesaria retirada de nomes fascistas das ruas de Cedeira? A semana pasada foi condenado a medio ano de prisión. Ainda escravos do franquismo, alguns progresistas perden empatia cando ao adversario lle é aplicado o dereito penal do inimigo. Paira certo tabu e unha inércia que non quere remover a merda, coa falsa teoria que divide a sociedade e reabre feridas.  O feito de que só se fale de vítimas mas non de vitimarios deita unha idea da resistencia a falar, mesmo a lembrar, prisioneiros ainda daquela lei de ponto final tal que a Lei de Amnistía de 1978. Porque se houbo vítimas é porque houbo verdugos.

A memòria històrica é e ten de ser incòmoda  e ten de ser, como dicía Walter Benjamin, a dos silenciados e esquecidos, porque xera relatos complexos que toleran mal as simplificacións. Cando excluinte,a memoria só é propaganda e asegura un determinado relato, nomeadamente o do poder. Seremos quen de contruirmos un relato de noso que, alén de deixar constancia das atrocidades do franquismo e dos Borbóns, tamén explicara o que agocharon os Pactos da Moncloa e o piñeirismo, que López Cortón enriqueceu coa compra-venda de escravos, que o narco financiou partidos  e que entre nós as checas tanto de vítimas como de carrascos eran galegos, e amiúdo da mesma clase social? Que as purgas tamén afectaran ás clases populares e que algúns profesionais e burgueses non morreran por burgueses mas por galegos e moitos mariñeiros, labregos e operarios foron falanxistas.Que ainda temos que explicarnos a nós mesmos como un franquista como Fraga foi presidente da Xunta e que uns socialistas tomáronos o pelo co seu galeguismo 2.0. entanto algúns soberanistas desconfiaban do pobo soberano.  Bon, adiamos o tema por imposibel, porque manda unha crítica que non deixa espazo a autocrítica. Cando chegou a democracia e o estatuto, arranxárono socialistas e alianzapopulares  nos 80 cando repartiron o bolo da autonomia e a hexemonia cultural.  E continuamos asín, practicando a indixencia cultural como forma de vida. Uns espaventan diante a estreleira e outros acedan o rosto cando usmen a loita de clases. Uns non nos queren nacionalistas mas soerguen a nova esquerda española, que non se quer nacionalista mas fala de patria (española, madia leva!). Os outros, quer querian que atrás da bandeira española fóramos todos con cega teimosía, mas cando toca a desobedecer apañan a primeira faragulla institucional con Madrid.

Se concordamos que o traballo de memoria supón un enorme traballo que temos pendente, causa pasmo que se continue a chegar tarde. Evitando que esta nación non sabe pensarse como nación con contradicións e disidencias. Os símbolos continúan na rúa, o estado español é o segundo país do mundo con máis desaparecidos despois de Camboia e os crimes nunca puideron ser xulgados. Entanto que na CRTVG e na imprensa xeral nunca foi un tema recorrente e necesario e como nas televisións españolas as reportaxes sobre o réxime franquista sempre foran moi escasas e procuraron un equilibrio hipócrita e ridículo entre ambas partes en conflito. Quen acredite, no entanto, que presentando unha moción á carta, mudando un nome ou no tempo que dura un pleno se  compensan 40 anos de amnesia programada polo réxime de 78 (o dos 227 condenados por corrupción desde 1996 –139 Aznar, 62 Zapatero, 16 Rajoy), vive nunha miraxe. O PSOE vén de branquear, mais unha vez o franquismo e a restauración borbónica despois ter apoiado  o PP na aplicación do 155 na Catalunya e condecorar e premiar a torturadores franquistas, ter en nómina a asasinos formando a policía e desleixar calquer recoñecemento integral, xurídico-político da xente represaliada. Subvencionar a Fundación Franco durante décadas e despois ir aleccionando ao personal (o escudo franquista na vidrieira do consistorio da Coruña mantívose durante os 5 mandatos absolutos do PSOE). E teimamos en quen pasen outros 40 sen reflexionarmos sobre o que acontecer fora e dentro do escenario. O fascismo combátese, tamén hoxe, nas rúas. Sen pose. A ver se chega Godot.

 

Xustiza para Pintos!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off