off
Cedeira, Política local — 2 Outubro, 2019 at 7:00 p.m.

Endesa: non marchen o mellor aínda está por chegar

by

Na nosa acordanza, as torres hiperbólicas das Pontes advertian ao lonxe da existencia un espacio urbano extraterritorial, que tamén trazaba unha xeografía laboral paralela. Suspendido no espazo e no tempo do “desarrollismo” as hiperbólicas encenaban un simulacro superverde con un exótico zoolóxico ao pé da enorme chaminé

Feira cabalar en Cedeira. Todo en orde, todo no curro. Como cando a etapa de “la  Vuelta” na Capelada . O alcalde responsabel de medio ambiente feliz e mais que contento co ambiente cabalar malia a enxurrada de plástico. Neste pais, nomeadamente se es do PSOE ou do PP, pódese defender unha cousa e mais a contraria. Celebrar como grande logro a eficiencia enerxética dunha estacion de bombaxe ou dunha pequena depuradora por teren minimizado a emision de CO2 e ao tempo defender a continuidade da central termica mais contaminante de Europa.E coma Moreda, o resto de alcaldes da contorna. Ollo á espreita con este ambientalismo chic

Endesa anuncia feche e os alcaldes  Moreda (Cedeira) e Formoso (As Pontes), ambos os dous do PsG-PSOE (o segundo, presidente da Deputación) maniféstanse prestos na rúa como se o seu partido – un dos alicerzes do rexime do 78, especialista en transacións de todo tipo e responsable de grande parte das  politicas enerxéticas que se aplicaron até o de agora- non gobernara nunca en ningures. Se cadra non foran os líderes do PSOE quen traballaran polos intereses das eléctricas  e dos seus propietarios. Desde o propio Felipe González (Gas Natural Fenosa) até Ángeles Ámador e Miguel Boyer (Red Eléctrica) ex ministros de Sanidade e de Economia, Joan Majó (Endesa) exministro de Industria e Elena Salgado (Endesa) ex ministra de Economia, por citarmos apenas algúns. Como antes fixeran Rodolfo Martín Villa e a metade dos últimos ministros franquistas repartidos nos consellos de administración de Endesa, La Caixa, Telefónica ou Iberdrola.

As torres hiperbólicas e o zoolóxico

Formoso e Moreda, entre outros, súmanse a dar todo por ben feito. Un capítulo máis da tentación  demagóxica na que non deberían caer as formacións da esquerda soberanista. Unha desfeita sen antagonismos sociais nen territoriais. De eleición en eleición, queimando carbón. Deixas unhas semanas de ler a prensa e de osmir nas redes sociais e, cando voltas, descobres que, na breve ausencia, a sensibilidade medioambiental do  “goberno galeguista de progreso”, se temos que dar crédito á terminoloxía do voceiro informativo da cousa, o xornal  ‘La Voz’, xa é leria dun pasado moi lonxano e, entre selfie e selfie, comprendes o que significan os indisimulados propósitos de gobernar “sen ideoloxía”. Xa que do que se trata é de verse e autofotografarse  en todas partes para dicir “eu estiven alí (presencialismo, a política como turismo). Un narcisismo paradoxal, entre o cinismo e a demagoxia acrítica perante unha política enerxética na que non valen as verdades a medias para expresarmos que durante décadas a rapacidade extractiva de Endesa na central térmica das Pontes deu como único retorno para o país  os postos de traballo.

De sempre, na nosa acordanza, as torres hiperbólicas das Pontes advertian ao lonxe da existencia un espacio urbano extraterritorial, que tamén trazaba unha xeografía laboral paralela. Suspendido no espazo e no tempo do “desarrollismo” as hiperbólicas encenaban un simulacro superverde con un exótico zoolóxico ao pé da enorme chaminé abeirada dunha monstruosa fochanca que acabou por encherse con 547 millóns de m3 de auga. O resultado de construir unha contorna “verde” nun hábitat natural devastado. Que caste de conversión ecolóxica é posibel nun lugar artificial na que os dereitos foran submetidos ao imperio do mercado e a especulación medioambiental?

O problema á hora de procurar un contexto complexo é que tamén se poderia utilizar a propósito de, por exemplo, a própria Endesa: após tirar altísimo rendimento da mina das Pontes e receber axudas estatais de todo tipo, pode acabar curtindo e chupando tamén da chamada transición ecolóxica e da economía verde, representante da nova fronteira do liberalismo salvaxe, o expolio dos recursos doutras partes do mundo. Non deberiamos recoñecer que Endesa, a través da súa filial de renovables Enel Green Power España, é a forma greenwash que adopta, e presume diso, o liberalismo extremo? A cuestión non é apenas se os agravios (perda de postos de traballo) que condiciona hogano as mobilizacións son o único alvo, mas o proxecto ecónómico e, portanto, ideolóxico-político que xurde como reacción contra o devalo de actividade industrial no marco desa transición enerxética. En primeiro lugar, non é certo que ninguén se refire á responsabilidade do statu quo na orixe deste devalo? Non foi amplamente debatido? En segundo lugar,  non deberiamos falar sobre o declínio da esquerda convencional, tan poderosa desde o ano 78? O feito de afirmar que todo é responsabilidade exclusiva do Estado, non implica aceitar unha posición totalmente pasiva dos traballadores das Pontes e da comarca e, por extensión, dos galegos e galegas como vítimas culpables, cidadáns pasivos que suportan  sen opor resistencia? E ainda que en certo modo é verdade, non exclue a urxencia de combater unha esquerda falsaria aliada da dereita na impostura de torcer a favor das grandes eléctricas (á espreita coas reconvesións secretas) agás cando período eleitoral. Debemos ter en mente que é precisamente o esforzo de manter a bonanza ocupacional de As Pontes a calquer prezo, como foi o naval en Ferrol, que xera o mesmo mundo que estamos tentando de nos protexer agora coa chamada transición ecolóxica. Eis a circularidade e o paradoxo: cando máis obedeces, mas culpabel te sintes.

As oportunidades do Acordo de París, u-las?

Hai tempo que cientistas anunciaran que os territorios máis  perxudicados serian os de grande dependencia  dos recursos naturais. A redución das emisións de efecto invernadoiro e ir cara a un modelo enerxético máis sustentabel abre un gran mercado para as oportunidades laborais. Así o defendeu a Organización Internacional do Traballo (OIT) nun relatorio que estima que a transición enerxética baseada no Acordo de París podería crear 24 millóns de empregos en 2030. Esta cifra é catro veces máis postos de traballo que serán destruídos pola substitución do modelo enerxético. Polo tanto, a OIT estima que se xerarían perto de 18 millóns de empregos netos para o 2030 se se conseguise o obxectivo global de manter o aumento da temperatura media por baixo dos 2 ºC, tal como Acordo de París, asinado en 2015.

Que tipos de emprego se crearán? A OIT identifica oportunidades de traballo en áreas como o desenvolvemento de enerxías renovables, mas tamén na xestión e planificación da eficiencia na produción, consumo e conservación de bens e recursos. É por iso que tamén resalta as oportunidades da automoción, por exemplo, que retoma o negocio cara ao coche eléctrico e, polo tanto, arrastra a toda a industria de compoñentes na órbita. Tamén se identifica na agricultura, na transición cara á agricultura de conservación. Só mundando o modelo produtivo actual a unha circular centrada na reutilización e a reciclaxe, a OIT calcula que pode xerar uns 6 millóns de empregos en todo o mundo. Mas que é o que fixeran na Galiza os sucesivos gobernos de Feijoó, Zapatero, Rajoy e Sánchez? Non aconteceu algo parecido co naval? E non tornará a pasar coas pasteiras e a eucaliptización sen límite?

Máis concretamente, a OIT acredita que no sector das enerxías renovables (biomasa, solar, xeotérmica …), aumentaría un 11% a creación de emprego se estivese na liña do cumprimento do obxectivo . No caso do sector industrial industrial o crecemento sería do 0,5% e do 1,7% para a construción. É dicir, crearían perto de catro millóns de empregos na industria e 9 millóns entre renovables e construción. En concreto, xeraría 2 millóns de empregos na industria de maquinaria eléctrica para a produción de vehículos eléctricos e a xeración desta enerxía. A OIT espera un cambio nos postos de traballo: desde a creación de 2,5 millóns de empregos en fontes de enerxía renovables até a perda neta de 400.000 na xeración de electricidade a través de recursos fósiles.

Galiza e, nomeadamente o carbón queimado nas Pontes que vén de África, é unha das maiores fontes de contaminación de xofre de Europa. O PsG-PSOE e PP saben – como o sabemos todos- que tiña que pechar xa que nen é viabel nen sustentábel. E tempo houbo para planificar alternativas, tendo en conta alén diso que o impacto de chamada “transición enerxética” non se sentiría igual en todas as rexións do planeta. Hai economías que dependen máis do modelo enerxético actual e que, polo tanto, ficarán máis prexudicadas. Niso, os hiperbólicos dirixentes do PSOE son cínicos a matenta  aderíndose sen rubor ao sumumm da contradición, como é o de apañar votos “contra” a xestión do seu partido en Madrid  para “exixir” logo “unha transición xusta e unha resposta clara” como se non fora con eles o de presentarse baixo esas siglas. Mas, unha transición a qué? Ao soberanismo enerxético sustentábel?

Ao cidadán gústalle pensar que hai solucións fáciles e sen custos, e hai quen alimenta esa idea dicíndolles apenas o que queren escoitar. De non atreverse a contradicir a opinión pública benpensante.

E a receita para loitar contra a demagoxia? Comezar por esixir ás persoas asunción de corresponsabilidade e compromiso. Ser cidadá significa participar na vida pública e ser responsable do que ocorre ao seu redor. Comezando por apañar o propio lixo.Xa o dicía Zapatero, “lo mejor está por venir”.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: