off
Agro, Editorial, Incendios, Medio ambiente, Sen categorizar — 6 Setembro, 2019 at 4:42 p.m.

Galiza tamén ten incendios

by

Din que Galiza  está en risco extremo de incendios.Porén, Galiza é un extremo en risco de desaparición. O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, afirmou esta quinta feira, na comparecencia após o Consello da Xunta, que o seu goberno está “preocupado” polo incendio en Porto do Son. Porque Galiza non é un ben de interese accidental mas interesado. Un risco extremo interesado. No que o estado da biomasa forestal e da masa humana é inversamente proporcional e no que o presidente no canto de estar ocupado está nun permanente estado de pre-ocupación. Alén diso, nada novo,señor presidente, o teimoso nordés e a «pertinaz sequia».

O incendio orixinado na parroquia de Seoane (Monforte) obrigou cortar vías de comunicación e evacuar varias persoas de Vide. En pouco máis de 4 horas queimou 350 hectáreas. A Xunta solicitou a intervención da UME, Unidade Militar de Emerxencias, para facer fronte ao de Porto do Son. Varios medios aéreos combaten o lume na Barbanza, en Boiro e Noia

Logo dun verao de queimadas nas florestas amazónicas e na Siberia,os incendios semellaban teren desaparecido dos nosos miolos en plena sindrome pos-ferias. A Xunta non informa aos medios de comunicación dos incendios inferiores a 20 hectáreas.Seica que menos do 4% dos lumes contabilizados superan as 25 hectáreas,portanto a Xunta de Galiza só informa públicamente de menos do 4% os fogos que se rexistran.

Tamén entre Monforte e Panton  hai un incendio preocupado en que xerar preocupación. Orixinouse na parroquia de Seoane,próxima ao núcleo urbano e  visíbel desde quilómetros de distancia pola grande columna de fume que parece emitir unha mensaxe preocupada.Galiza tamen ten incedios.E paisaxes culturais.

Paisaxes culturais

Os riscos ambientais de base antròpica, como é o caso da maioria dos incendios forestais que estes días de setembro, cando xa pensabamos que este verán safáramos o lume, lembra moitas cousas. En primeiro lugar, como foi que chegamos a sermos tan zopeiros na xestión do noso territorio e, especialmente, da superfície ocupada por plantacións que non son fraga nen bosque, que neste intre só o eucalipto xa representa  máis de medio millon de hectáreas de superficie forestal arborada do territorio. Lémbranos, tamén , a fraxilidade dos nosos ecosistemas e o grande empobrecemento das nosas paisaxes culturais cando acontece, mais unha vez, unha catàstrofe destas dimensións. Non arde apenas o mato e o monte botado a  eucalipto ou piñeiro: lémbrannos que houbo unha paisaxe cultural milenaria as trazas da cal emerxe das cinsas o día após do desastre. Porque o que se estingue non é apenas o lume. Os camiños e serventias, as cercas dos castros e  petroglifos, as fontes e mananciais, os eidos e leiras, os socalcos, a antiga estrutura parcelaria, tantos e tantos signos e sinais que escreben a paisaxe cultural amostranse agora de xeito evidente, como un libro aberto. Xa estaban, mas non os viamos, ou non queriamos velos,talvez por unha concepción hexemònica e oficial do territorio e do patrimonio cultural-natural que só debruza na rendabilidade a minimo custo, e se esta ou aqueloutra estructura ou elemento està catalogado ou non. O valor patrimonial desta caste de paisaxes é de excepción e non semella ter presenza no àmbito das políticas públicas, e nomeadamente nas de caràcter territorial e cultural, independentmente administración ter recoñecido oficialmente o seu interese nalgunha categoria. O incendio amazónico ou da catedral de Notre-Dame son fracasos civilizatorios, mas tamén o son os incendios de paisaxes culturais de noso  que cada vez  nos asolan con mais frecuencia, ergueitas durante séculos xeración após xeración por labregos anonimos.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: