off
Galiza, Historia, Movementos sociais, Política — 14 Agosto, 2019 at 8:49 a.m.

O BNG pide institucionalizar o 17 de agosto, “Día da Galiza Mártir para honrar a Alexandre Bóveda e as vitimas do franquismo en Galiza

by

O BNG rexistra unha proposición non de lei para Institucionalizar o 17 de agosto como “Día da Galiza Mártir” para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo en Galiza.


“A derradeira leición do mestre”: Castelao dedicáballe a estampa número seis do álbum Galiza Mártir (1937) a Alexandre Bóveda, Que ele iria re-criar mais tarde, en 1945, en óleo

Luís Bará afirma que: “Ignorar esta data supón un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza” ( autogoberno de Galiza e  aprobación do Estatuto de 1936). Demanda  do  goberno do Estado a anulación  das sentenzas ditadas por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenzas e reclama organizar anualmente un acto institucional  e crear os Premios da “Galiza Mártir” co obxecto de recoñecer a entidades e persoas con unha traxectoria destacada na recuperación da memoria histórica democrática galega así como, desenvolver anualmente un programa de actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda e dos compañeiros e compañeiras de xeración que foron perseguidos e asasinados polo franquismo en Galiza.

 

Nos últimos anos, varias entidades e institucións demandaron a institucionalización do Día da Galiza Mártir. En 2013, a Fundación Alexandre Bóveda iniciou unha campaña neste sentido que se concretou na presentación dunha Proposición non de lei a través da Comisión de Peticións do parlamento galego. 

 

Tamén pide que o Estado promova  as iniciativas necesarias para a rehabilitación de Alexandre Bóveda e a anulación da sentenza que o condenou a morte,  a anulación de todas as sentenzas, e os  expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura contra cidadáns e cidadás galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou diversidade sexual. 

 O concello de Poio, o concello de Pontevedra e a Deputación de Ourense, aprobaron acordos plenarios demandando a oficialización da data e a organización de actos encamiñados á rehabilitación pública e política de Alexandre Bóveda e de todas as vítimas galegas da Ditadura franquista.

A proposión pon en destaque a existencia dun acordo aprobado no  Parlamento galego, na sesión do 26 de decembro de 2006 encamiñado ao  recoñecemento da figura de Alexandre Bóveda pola súa participación na elaboración e aprobación do Estatuto de 1936, acordo que incluía, entre outras propostas: Promover iniciativas que teñan por obxecto dar a coñecer e divulgar na sociedade galega os valores éticos e políticos encarnados por Alexandre Bóveda e polos demais compatriotas asasinados e represaliados polo franquismo, promover diante do goberno español a rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e a de todas as persoas que foron asasinadas e represaliadas por defenderen a legalidade democrática, as aspiracións de autogoberno de Galiza e a xustiza social, e a iniciar as xestións necesarias para anular os consellos de guerra a que foron sometidos.

 

A conmemoración do Día da Galiza Mártir foi instaurada en agosto de 1942 en Buenos Aires pola Galiza do exilio, que escolleu o día do asasinato de Alexandre Bóveda para simbolizar nel as arelas dunha “xeración única e irrepetíble ”, así como a devastación do fascismo en en Galiza en forma de asasinatos, cárcere, exilio, tortura, exclusión, depuración, vexacións, espolio, violacións e outras manifestacións do terror. Durante moitos anos, engade Bará a conmemoración do Día da Galiza Mártir estivo prohibida en Galiza. Só a finais da década de 1970 se comezou a celebrar en Pontevedra. Na actualidade ten lugar un acto institucional e cívico en Poio, diante do monumento á Galiza Mártir, organizado polo concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off