off

A desconfianza de Sánchez

by

O Manual de resistencia (Ediciones Península, 2019) de Pedro Sánchez deberia intitularse «manual  de desconfianza» ou talvez «manual para unha viaxe a ningures». Un relatorio de banalidades emocionais e de incapacidades  para o acordo, agás a suma de esforzos na moción de censura contra Mariano Rajoy. Porén, «o renacido», segundo acaida alcuña de Rafael Cid, interpretou que o resultado do 28-A conlevaba a indiscutíbel formación dun goberno  monocolor do seu partido.Ao cabo,preguntabase Sánchez “para que serve unha esquerda que perde mesmo cando gaña?”, sen se decatar que tamén falaba de si mesmo ou é que non se considera esquerda. Con esa leitura dos resultados eleitorais non habia acordo posibel.

Pablo Iglesias saíu do Congreso escaldado e  con faciana de ferreiro despois de facer patente a fraxilidade da súa posición cunha ofrecida de última hora sobre as políticas activas de ocupación que só serviu para que o PSOE o acabase  de humillar. Foi a constatación de que Iglesias non tivera en conta  a correlación de forzas (saber en cada momento até onde podes chegar e quen tes diante.)

Enxergado con perspectiva fai o efecto que o PSOE argallou a cilada de ir cedendo de xeito calculado para, ao final, plantarse. E Iglesias, confiado porque até aquel momento conseguira axenlloar os socialistas  obrigàndoos a negociar un goberno de coalición, non a viu vir.

Pedro Sánchez colocou Iglesias onde o quería, certamente coa axuda do CIS, retratado como un ambicioso irresponsabel co cal é imposibel, e indesexable, chegar a un acordo para gobernar o Estado (as autonomías si, que non son poder de verdade). E por tanto xa ten o relato adecuado para ir a unhas novas eleicións.

O erro de Iglesias é non saber ver que o gaño para a súa formación era a entrada no goberno, con independencia do peso de cada ministerio e partillar o primeiro goberno de coalición de ámbito estatal desde 1977. Porque desta maneira, alén de ter ollos e orellas no consello de ministros, obrigaba o PSOE a negociar todas as súas iniciativas lexislativas con eles. A súa influencia no executivo non se tiña que medir tanto polo número de carteiras como pola capacidade de condicionar a acción de goberno como socio indispensabel. Isto é o que Sánchez, partidario da xeometría variable, pretendía evitar. Por iso o PSOE só negociou a última hora e con ofertas pensadas para ser rexeitadas. E non dubidou en escachar as negociacións filtrando o documento que achegara Podemos.

Todo este plan é o que puido rebentar Iglesias se aceptara a derradeira oferta. O PSOE ficaría descolocado e  Sánchez co aceno conxelado.

E agora, que? Un verao de tirapuxas en que Podemos tentará retomar as negociacións e o PSOE tentarao evitar. Agora mesmo as relacións están tan estragadas que se é difícil pensarmos nun acordo a curto prazo, e máis con agosto polo medio. En setembro prevese, nova subida de temperaturas.E a sentenza do TS aos presos politicos catalás.

Noentanto, en Madrid o debate serviu para escenificar a invisibilidade dos intereses galegos, a total inexistencia de Galiza esvaecida no mosaico de forzas estatais orientadas a gobernabilidade do estado e  o cambio de roles entre ERC e o espazo postconverxente. Gabriel Rufián apareceu como a voz asisada que reclama a Sánchez e Iglesias que se poñan de acordo, consciente que este discurso o fai conectar cunha maioría de eleitores de esquerdas da área metropolitana de Barcelona (e unha parte non despreciable de independentistas). E doutra banda, Laura Borràs, de JxCat, desvincúlase da gobernabilidade do Estado e non ve con especial inquietude unha posibel chegada da tripla dereita.

Dous discursos contrapostos que, evidenciada a distancia estratexica no Congreso, mais cedo ou mais tarde, competirán pola Generalitat.

Sánchez fracasa e alarga o distanciamento con Iglesias.Por diante, eleicións españolas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off