off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 20 Xullo, 2019 at 9:15 a.m.

¡Non, meu ruliño, non!: admonición de Sánchez a Iglesias.

by

«Cada cal chama de barbárie aquilo que non é de seu costume»(Montaigne)

Manda carallo con Sánchez! Eríxese en presidente do Goberno grazas aos 71 escanos prestados por Unidas Podemos para a moción de censura Frankestein; asina un acordo orzamentario aos catro ventos con Pablo Iglesias na Moncloa, e á hora de render contas faille un corte de mangas e dille, «non, meu ruliño, contigo non». Que é tanto como vocear que necesita a Iglesias para que pague facturas mas o aborrece como persoa. Chamarlle «non demócrata» é a mesma escandaleira virtual que escenificou en TV en 2015 no debate con Mariano Rajoy. A estratexia de guerra híbrida do «vostede non é decente» que o seu feiticeiro de cabeceira, Iván Redondo, lle rosma todas as noites antes de ir ao envelope.

A medida que se experimenta  «o renacido», máis sentido hai naquela maldade dun editorial de El País, a de «un insensato sen escrúpulos». Aínda que investindo a carga da proba sobre o predicado «sen escrúpulos». Sánchez é un político de raza. Deses que se inspiran no Maquiavelo máis pelota e déspota, o que pontifica a mentira, a simulación e o engano como dons de todo gobernante que se prece. Non hai máis que ver a simbiose de Pedro Sánchez e Albert Rivera nas súas respectivas estratexias de poder. Do «non, é non» do primeiro ante a investidura de Rajoy pasamos a considerar un imperativo categórico para PP e C´ s votar a favor de Sánchez. A máis abundancia, o veto a divinis levantado contra Iglesias troca en algo execrabel cando Ferraz xulga o seu equivalente en Rivera sobre Sánchez (en ambos os casos, e por motivos distintos, dise que o problema radica no líder e non nas siglas).
Mas á randeira de idas e vindas poden quedarlle aínda unas cantas viradas se callase un goberno de coalición PSOE e Unidas Podemos sen Pablo Iglesias. Sería como a derradeira cea cos Doce Apóstolos mas con Xesucristo de convidado de pedra. Suporía vulnerar o xa sentenciado por órganos soberanos de ambos os partidos. Convén lembrar que o pasado 8 de xullo a Permanente da Executiva socialista aprobou por unanimidade que só houbese un goberno monocolor e, a fortiori, días despois as bases de UP apoiaban por xenerosa maioría a formación dun executivo de integración «sen vetos». Todo iso, á marxe de que hai poucos días o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) controlado polo socialista Tezanos publicase unha enquisa onde a maior parte da cidadanía decantábase por un goberno tándem PSOE-UP, sen maiores restricións.
Nese maremágnum non é estrano que os fidelizados retruquen por beban os ventos dos seus dirixentes. Mesmo nos territorios do agitprop mediático-cultural hai opinións para todos os gostos. É a guerra dos abaixoasinantes. Xente de sona con tan alta consideración de si mesma que chega a considerar a súa presenza nun comunicado a favor dunha opción política como irresistiblemente adictiva. E así temos ao dixital Público tutelando o manifesto de «personalidades da cultura por un goberno progresista» (Javier Barden, Icíar Bollain ou Luís García Montero, entre varios habituais nos escritos da Zeja), e enfronte ou á beira o dun grupo de «intelectuais contra o pacto con populismos e nacionalismos» (con Fernando Savater, Teo Uriarte e Fernando Aramburu e outros colaboradores habituais de El País á fronte). Mesmo 66 exdeputados socialistas que en 2015 apoiaron a investidura de Rajoy solicitaron publicamente que sexa agora o PP de Pablo Casado quen faga outro tanto con Sánchez, en xusta «reciprocidade». Soa a aquilo de Groucho Marx da parte contratante da primeira, e o que resta.

E aínda hai quen se laia de que o país-nación está paralizado. Falso de toda falsidade. Séguense perpetrando falcatruadas ocultas aos focos do oropel político-institucional. Os barcos de Salvamento Marítimo foron militarizados, seguindo a obsesión socialista polos uniformes (xa Zapatero militarizou aos controladores aéreos en folga e aos servizos de protección civil e bombeiros creando a Unión Militar de Emerxencia (UME) de tanto famoseo). Mantemos o ritmo de produción armamentista que nos colocou no cuarto posto mundial do sector, vendendo arsenais de todo tipo a petroditaduras como Arabia Saudita, á conta de vulnerar a prohibición de comerciar con países en guerra ou que non respecten os dereitos humanos. E a pé de obra, moitos cargos recentemente elixidos consideran case unha obriga aumentarse o soldo nada máis aterrar. O podio estatal ocúpao a alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rei, con máis dun suculento aumento respecto o que cobraba o seu predecesor de En Marea, Xulio Ferreiro (69.000 e 40.000 euros brutos anuais).

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: