off
Galiza, Movementos sociais, Política — 5 Xullo, 2019 at 12:29 p.m.

O BNG denuncia que a presentación do barómetro do CIS impide visibilizar o seu incremento electoral

by

Pide ao organismo publique os datos desagregados recollidos na categoría “outros” correspondentes a Galiza, oculta baixo esa denominación xenérica e impide visibilizar o incremento do apoio electoral á formación que lidera Ana Pontón.

Por segunda vez consecutiva, a forza nacionalista traslada a súa petición á dirección do CIS, tras facer esta solicitude en relación ao barómetro de maio publicado o 9 de abril, en vésperas das eleccións xerais do 28A, pois considera que a publicación destes estudos teñen un evidente interese informativo e unha clara influencia que mesmo pode condicionar o sentido do voto.

O Bloque remitiu entón un escrito ao presidente do CIS, apelando os propios obxectivos da institución, -“afondar no coñecemento dos comportamentos da sociedade española en canto a opinións e actitudes políticas”-, que fai necesario a desagregación máis ampla posible en aras da transparencia. Pese a que na súa contestación a entidade avanzou que tomaría en conta a demanda do BNG, o barómetro de xuño segue invisibilizando os resultados da formación nacionalista, que volve remitir un escrito de reclamación.

Luís Bará

O deputado Luís Bará considera que este proceder “supón unha falta de respecto e unha ocultación dos datos de apoio electoral dunha forza política que é un actos político principal en Galiza, por iso volvemos pedimos a publicación dos datos desagregados por cuestións de transparencia e pola influencia que ten esta información”, explicou en rolda de prensa.

A non desagregación, subliña, “silencia, oculta e invisibiliza o importante incremento do voto ao BNG”, xa que no epígrafe de outros partidos o barómetro de febreiro daba unha intención directa de voto do 2,6%, en marzo do 2,5% e neste último de xuño o 5,7%, “un dato moi relevante que non se pode ocultar, que non se pode agochar e que confirma a tendencia á alza do Bloque”, subliña Bará.

De feito, esa intención de voto directo do 5,7% que recolle o barómetro de xuño duplica á porcentaxe de voto directo que se rexistraba no estudo de xullo de 2011. Cabe lembrar que Bloque obtivo dúas actas no Congreso nas eleccións xerais de novembro dese ano.

A conclusión é clara: o BNG ten un importante incremento no voto directo confirmando a súa tendencia á alza, que mesmo lle permitiría obter representación en Madrid de celebrarse hoxe eleccións xerais, pero é unha información que queda oculta pola maneira que ten o CIS de presentar os datos.

Segundo explica o Centro de Investigacións Sociolóxicas, a desagregación dos datos faise con aquelas forzas que ou ben teñen representación no Congreso ou ben son forzas representativas no territorio analizado.

Sen embargo, ignora ao BNG pero si desagrega nos datos correspondentes a Galiza os correspondentes ao PACMA, -que nin ten representación no Congreso nin é representativo neste país-, ao que lle outorga o 1% de intención directa de voto, fronte ao citado 5,7% do BNG incluído no xenérico “outros”. Tamén diferencia os datos a VOX, irrelevante en Galiza, cun 1,5% de intención directa de voto, polo que resulta inxustificable que non desagregue os datos do Bloque

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off