off
Cedeira, Editorial, Política local — 5 Xullo, 2019 at 7:25 a.m.

Canto debe gañar o meu alcalde?

by

O cotidiano da vida política é moi rápido e parar e repescar é sempre bon. A maioría absoluta do PsG-PSOE máis gravosa da historia municipal de Cedeira? 90.440 euros anuais repartidos en catro adicacións: unha exclusiva de 43.400 euros de salario bruto  e dúas do 50% de 16.800 e mais unha do 40% de 13.400. Ainda que a lei o permita, u-la a racionalización e sustentabilidade da administracion local? Semellan salarios de gran cidade para unha vila en devalo. As tornas mudaran, sobre todo nos concellos onde outrora o equipo de goberno houbo de sair do pacto porque ningunha forza tiña maioría, agora atópase con maioría absoluta. O BNG, anterior parceiro de goberno de Pablo Moreda, votou en contra non polas adicacións mas polo reparto e contía. Segundo fontes consultadas do BNG, a maioría absoluta de Moreda parécese en discrecionalidade e autoritarismo a calquera das de Leopoldo Rubido (PP) xa que para a esquerda nacionalista crea un precedente perigoso toda vez que debería ser o pleno en consenso quen acordara os termos do reparto xa que se trata de catro adicacións.

Cousas da democracia autoritaria  é cando se impoñen maiorias absolutas abrindo camiño a unha paseniña ocupación da administración que, a falta de contrapeso interno que equilibre proxectos e esferas ideolóxicas, acaba por prevalecer o concurso de personalismo e de comparsas. Serviu o segundo pleno de lexislatura para que Moreda tirara a máscara mostrando que, a falta de contrapeso, o que prevalece é a  prepotencia  e discrecionalidade das maiorias absolutas? Moreda ten de saber que non pode comezar a lexislatura escudándose no goberno de Luis Rubido (PP) porque os modos e decisións desta lexislatura son os seus e por eles será valorado.

Certamente, o alcalde debe ter un salario digno acorde coa sua adicación e coa economia da vila e do país. Mas tamén é de obrigado cumprimento que a administración pública e un  suposto goberno de esquerdas deba definir tendencia. No qué, no como e no canto. Canta xente hai na vila e na contorna con 13.440€ do 40% de salario?

O vello problema da política é a profesionalización e a creación de dependencias que conduzan a presevar postos e non o ben común (uns soldos excesivamente altos, poden levar a situacions non desexadas, o das vellas glorias preguiceiras e alavancadas). Nese sentido, non podemos deixar a política en maos apenas dos ricos, ou daqueles que están procurando un bon salário ou, ainda, apenas un salário.Embora sexa verdade que, a priori, é sempre bon liberar o máximo de recursos en favor das políticas municipais, tamén é necesário que esa cuestión sexa abordada sen ser levada polo populismo. Todos merecen unha recompensa digna de acordo co traballo que fan e  os nosos gobernantes tamén. Por iso tamén é necesario que o goberno dun município estexa nas maos de persoas capaces, sen condicionar a remuneración que é oferecida polo cargo. Cuestión aberta é o número de concelleiros que en concellos de menos de 20.000 habitantes teñan que estar a xornada do 50%, mesmo se é necesaria a completa do alcalde. Debería ser complementaria e os ingresos principais os da súa profesión? Seria un xeito de que os representantes públicos non se aferren a un cargo debido as dificultades de re-incorporacion ao mercado laboral após 4 ou 8 anos fora?

O diñeiro público é ben investido se for usado para compensar adecuadamente os xestores responsábeis de xerencialos e, se for constatado que eles son incompetentes,  seren recusados democráticamente. Agora, esta cuestión debe ser tratada coa máxima transparencia. A cidadania merece saber exatamente a cada ano que nosos políticos municipais gañan, porque o que moitos non saben é que alén de seu salário de alcalde ou concelleiro, alguns tamén poden receber xenerosas recompensas por “outros medios”. Tafefa é da oposición e da cidadanía velar de todo iso. Unha cuestión separada é se o municipalismo galego quer que o estado determine a remuneración dos alcaldes ( se ben o PsG-PSOE non lle pareceu importar na altura que a reforma da administració local supuxera unha invasión “bestial” ás competencias do Estatuto, que Montoro removera competencias das cámaras municipais e reducira persoal e organismos autónomos).

Hoxe tamén vén de ser actualizada a web do concello de Cedeira – a primicia levouna 24h antes La Voz en comunicado de imprensa direccionado –  e ao parecer, Pablo Moreda, xestionará directamente “Urbanismo, Medio Ambiente, Sanidade e Mar” (o concello non ten competencia en “mar”) porén na distribución de delegacións “praias” van co “deporte”.

 

Ao mellor tamén che interesa

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off