off
Cedeira, Eleccións 26-M 2019, Galiza, Meio ambiente, Política local — 3 Xullo, 2019 at 7:02 a.m.

U-lo Medio Ambiente e Sustentabilidade, Pablo?

by

Non é necesario apelarmos aos programas electorais para evidenciar que o reparto de áreas e de area de Pablo Moreda (PsG-PSOE), após ter acadado maioría absoluta o 26-M é, canto menos, cousa de pasmo: “praias e deporte”? Para aqueles que ainda non perderan a memória, o repartición irá lembrarlles a que facían os irmáns Rubido (PP): medio rural, obras, praias…U-lo Medio Ambiente e  Sustentabilidade, Pablo ?

Que nestes tempos onde a Axenda 21 Local e a Estratexia urbana 2020-2030 no contemplen unha concellaría de medio ambiente e sustentabilidade ( climatico, enerxía…) é preocupante. A axenda ambiental non é cousa das grandes cidades, tanto en termos de contaminación  a franxa ribeiriña galega é unha densa concentración de habitantes con características metropolitanas. No contexto actual, no que as cidades e vilas reais e vividas superan os límites municipais, é necesario falar do dereito á espazo comarcal e metropolitano. Sen esa dimensión, estas axendas limitaranse de novo á área administrativa municipal. E os problemas urbanos e sociais tamén son comarcais e metropolitanos. Neste sentido, é preciso que os concellos lancen e incorporen ese reto, malia os problemas, a dimensión urbana no seu plan de acción. Simples desleixo ou estratexia da avestruz?  De que serviu  a experiencia dos coletores para aceite, dos verquidos incontrolados da EDAR  e do devalo da praia da Madalena? E a Plataforma pola Defensa da Ría de Cedeira? Qué dicir das simbólicas e meritorias limpezas dos rios, os composteiros, a limpeza da desfeita de La Vuelta na Herbeira (u-lo aquel imenso retorno que ia haber?), a acaída instalación de leds, etc?

Un dos grandes retos das novas axendas és incorporar a dimensión metropolitana en liña coas directrices de tres documentos internacionais. En primeiro lugar, a Axenda 2030 aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015, que marca os 17 obxectivos de desenvolvemento sustentabel (os coñecidos ODS) e 169 obxectivos para mellorar a calidade de vida da poboación, garantir os dereitos humanos e protexer o planeta.Estes obxectivos especifícanse en 2016 a escala urbana coa aprobación dos estados da Nova Axenda Urbana na Conferencia Habitat III das Nacións Unidas e a nivel europeo a través da Axenda Urbana Europea. A motivación das novas axendas urbanas é promover o desenvolvemento de cidades inclusivas, compactas, sustentables, resistentes, seguras e participativas. Noutras palabras, facer das vilas e cidades a vangarda da transformación social. O obxectivo é, de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentabel, de acordar un plan con algunhas liñas e accións estratéxicas que posteriormente serán implementadas polos concellos. As accións centradas na maior sustentabilidade en todas as súas dimensións (social, ambiental, económica, política e de xestión) e territorializadas, é dicir, adaptadas aos territorios específicos. No estado español, a chamada “tributación verde” está mal explotada. Os impostos ambientais considerados representan só o 1,6% do PIB, a porcentaxe máis baixa de todos os países da UE-27, onde os impostos ambientais medios representan o 2,4% do PIB. Sabido é que Feijoó non ten sensibilidade nengunha nen achega os recursos necesarios (económicos, técnicos), as accións propostas difícilmente poden materializarse e as novas axendas seguirán en papel mollado. Por iso mesmo é preciso visibilizar dende o local a sensibilidade e a vontade de transformación incorporando de xeito específico e transversal a axenda medioambiental en todas as áreas de goberno e especialmente nunha vila onde a mudanza climática será notada polo mar. É un ben común que debemos actuar con determinación nesta área. Se cadrar é unha atribución de responsabilidade do alcalde que non merece ser publicada. Se for así, tamén deben ser definidas e publicadas.

Por iso mete medo a nula mención ao medio ambiente,  sustentabilidade, concienciación e sensibilización, abondou ter acadado maioría absoluta  para que Moreda esquecera o legado da acción de goberno do bipartito. Nestes tempos nos que a caverna tenta tumbar o Acordo de París, e onde as accións son a todas as escalas (think global, act local) que non haxa ningunha mención ao medio ambiente e á sustentabilidade  mostra que o PSOE  é un ventrílocuo do PP.

Que na distribución competencial haxa cero mencións ao uso asisado dos recursos ( paisaxe, lixo, reciclaxe, tratamento, reutilización, protección de espazos naturais… ) significa talvez que nesta lexislatura de goberno monocolor vai haber cero política de concienciación ambiental? O comportamento dos politicos con maioria absoluta, un indicador mediambiental. Abraiante.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off