off

Conspiración, desencanto e xuristocracia

by

Como arranxar o feito de que toda lucidez – engadiría, toda inovación e clareza de raciocinio- se dá precisamente cando alguén logra cuestionar o paradigma dominante? Cando un poder – xudiciario, científico, etc- se enroca nun determinado paradigma, quizais para defender cotas de poder adquiridas, excluindo por tolo, sedicioso ou impío a quen o discute, non está a axir de xeito dogmático?

O  xulgamento do Procés encena unha variante de dogmatismo: a psicoloxía da conspiración. Karl Popper en “Conxeturas e refutacións” dá conta desta primitiva teoria da sociedade. Di:” provén da supresión de Deus, para despois preguntar:¿Quén está no seu lugar?. O seu lugar ocúpano entón diversos homes e grupos poderosos, grupos de presión sinistros que son os responsabeis de teren levantado a grande depresión e todos os males que sofremos…”

Unha cousa é a produción de verdade xudiciaria (… que “dá fé” mesmo até deturpar e terxiversar feitos) e outra ben diferente é o constructo conspirativo que xurde cando as explicacións máis evidentes dos feitos non nos gostan, e adoitan non gostar porque doe aceptalas.  Como é posibel- pregúntanse- que máis de 2 millóns de cataláns de toda caste e idade poideran votar e o fixeran pacífica e voluntariamente? Como a sociedade catalá foi quen de conceber unha acción cívicamente tan perfecta? Como é posibel que a intelixencia española fora burlada por grupiños de activistas informáticos e familias enteiras poñendo o móbil en modo avión para liberar largo de banda e así poder votar o referèndum? Como é posibel que após seren informados polos Mossos que o referendo non se podia celebrar se atriburan o dereito a pensar e expresar o dereito de autodeterminación e teimaran en votar sentando no chan, aplaudindo ou alzando as maos ao grito de “som gent pau”(“somos xente de paz”)? Como é posibel que xente que vai a protestar para reclamar o dereito a votar podia facer “claudicar” ao Estado? Tiña que haber un cerebro conspirador ávido de sedición. Sen asisar de onde é que viña aquela desafección e no por qué de aquel acto pacífico dedesobediencia e de que, naquel mesmo intre, outras persoas, talvez as mesmas, dirixan empresas, crian patentes ou articulan un imenso e fértil tecido asociativo cultural, deportivo e cívico. Porén, o problema para o poder político e xudiciario español  foi especular sobre a conspiración contra  “la unidad de España”. Acreditar na conspiración é como acreditar na cura milagreira. Ten dimensión cósmica e substitue as probas e casualidades polo deseño dunha confabulación levada en segredo, por suposto de inspiración catalá, encamiñado a acabar con España. Deste xeito, un acto de desobediencia civil substanciado en querer votar tórnase sedición e acto de violencia cando os feitos mostran ben o contrario, que foi a policia de choque quen  escachou portas e mobiliario escolar e empurrou e bateu na xente. O ” a por ellos” é a proclama unionista do rexime do 78, aquela  que nos fixo acreditar que “todos los españoles somos iguales” para pagarmos  impostos ao Estado, a tornarnos diglósicos e algúns mesmo a renunciar a falarlle aos fillos en galego, euscara ou catalá e facelo só en castelán en pro do seu progreso social…E mesmo asi moitos acreditaran seren españois.

Xa o dí Popper, o recurso está sempre nas intrigas dos deuses, o segredo, a conspiración, o compló,  a sedición, e finalmente, a rebelión e o alzamento. A escolla e utilización deste vocalubario confirma a imposibilidade de basear en razóns e probas a suposta violencia. Nada é máis nidio para a psicoloxía da conspiración que os actos da vida cotiá: todo se volve evidente porque todo é síntoma. Para os teóricos da conspiración os actos de protesta pacífica e de votación non se esgotan en si mesmos. Crea os seus próprios resultados. Fala de “clima insurreccional”. Por iso non precisa analisar os feitos e a súa conexión, tal é a sua frivolidade conceitual.  O pulo de quen anunciou que había compló non está en ocultar algo mas facer crer que hai un segredo. Por iso a fiscalía obviou  que no suposto alzamento tamén foran 300.000 mil a votar que non.

Coda. O xuizo non achegou probas de sedición e rebelión. E non haberá atrás da falsa conspiración o interese dun poder cómodamente instalado na Corte que ten todo o interese en presentárnola como verdadeira?Teiman en pór o estado-nación por diante da democracia e da xustiza. Quer dicer, que perante os dereitos fundamenatais o que prevalece é o todo por la patria.

Dito isto, porén, os cidadás catalás farian ben en non continuaren a pensar que están prontos e todos continuaran a finxir que estaban porque ninguén se atreveu a dicer que o rei ia nu (confiança cega nos partidos, lógica prolongada de acima para baixo, ) porque o que se foi desvelando apartires do 2 de outubro é o desencanto dun povo que durante unha década se dedicou ao  Procés a favor da independência e que ainda non receberan nengunha explicación sobre o significado de seu compromiso.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off