off

Alén da molestia

by

Desaparecer do parlamento valenciano e da Comunidade de Castela A Mancha, despois de vangloriar unha vicepresidencia primeira; estar ben abaixo da extrema dereita de Vox na Asemblea de Madrid (ao fío da navalla de incumprir Unidas Podemos o 5% regulamentario) e deixar 5 asentos no europarlamento respecto do obtido en 2014 por UP e Esquerda Unida por separado (xuntos e amasados nesta última convocatoria), non son maus resultados, é unha desfeita. Mais se a iso engadimos que as confluencias inicialmente comprometidas co “efecto Iglesias” víronse arroiadas polos seus competidores por toda parte (Barcelona en Comú por ERC; Marea Atlántica da Coruña e Ferrol en Común polo PP, e Compostela Aberta polo PSOE: en parte, probabelmente, pola paifocada de “linchar” publicamente a Amancio Ortega na súa terra de promisión) e  os seus habelenciosos adversarios políticos e ideolóxicos no concello de Cádiz e Madrid (Kichi e Errejón) , o diagnóstico pasa de “reservado” a “crítico”. Hoxe a marca Pablo Iglesias – Alberto Garzón está na UVI, despois de levar por diante á parte ensarillada de EU e ao EQUO de López Uralde, os seus desconsolados compañeiros de viaxe. Porque o partido morado está a tornarse tóxico.
Os dados están aí e os feitos son túzaros. Agora virán os burócratas e alcoviteiras en persoal e tratarán de facer crer que a cousa non é para tanto, que son decisivos en moitos sitios, e que o que de verdade toca é acordar un “non pasarán” ante a acometida seareira de Santiago Abascal. Sublime parvada, porque de comprar o argumento habería que facer un monumento a Núñez Feijóo, dado que a Galiza do Partido Popular (un parceiro do “trifachito”) foi unha das poucas comunidades onde Vox non logrou un só concelleiro nos seus 313 consistorios, igualando en proeza a Canarias, Navarra e Euskadi. Así que menos lobos. E por tanto vaiamos ao miolo da cuestión. En 2016 Pedro Sánchez dimitiu como secretario xeral do PSOE tras a rifa levantada polos malos resultados electorais. Rajoy fixo o propio en 2108 cando foi desbancado da presidencia de goberno por unha moción de censura. Outro tanto acaba de suceder coa alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, ao non cumprirse as expectativas que ela mesma aventurara. Contodo, Pablo Iglesias, que ten o callo de someter a consulta doméstica a compra da súa mansión familiar, chámase rebusca e acusas as súas coitas á división da esquerda e as pelexas internas no seu patio de veciños. A nova política envelleceu a fume de carozo.
O lamentabel é que Podemos na súa versión orixinal pretendía romper co infame pedigree dos partidos do Réxime do 78. O seu, mal que nos pese e ante boa parte da cidadanía, prefiguraba unha incursión institucional co aval daquel 15-M de “os nosos soños non caben nas vosas urnas”. E agora que foi sorpassado con fartura polo emerxente Vox na mesma cidade que fixo bulir o movemento dos indignados, os seus males teñen consecuencias máis aló do territorio político das súas siglas. Co descrédito popular (iso é nin máis nin menos supón perder reiteradamente a confianza dos votantes) que os resultados eleitorais reflicten é posto en debandada o modelo “municipalista” que no seu día lle serviu de rampa de lanzamento. Unha aposta de orgullosa democracia de proximidade, participativa, deliberativa e rupturista que, caso contrario, nunca figurou na placenta dun Podemos verticalista, xerárquico e plebiscitario estruturado a maior gloria do patrón. A implosión das cidades do cambio ten un epicentro exóxeno. Chámase Pablo Iglesias, o number one.
Nesa tesitura, e dado que pola súa propia idiosincrasia constitutiva calquera indicio de refundación esixe o harakiri imposible do seu fundador, o máis probable é que o partido acepte teimar á sombra do PSOE sanchista, en posicións de escaso fuste e cun ideario cada vez máis acomodaticio. De seu, desde o pasado 28-A Iglesias apetrechou na Constitución coma se fosen as arras que abrisen as portas da Moncloa en termos confortábeis. A mesma norma suprema imperante que padece a secuela de carecer do respaldo de máis do 60 por 100 da poboación, menor de idade legal en 1978 ao someterse a referendo a Carta Magna. Por non falar das dificultades económicas que pronto axexarán á devaluada formación, o que porá en risco ese innovador sistema de microcréditos á marxe dos circuítos financeiros que foi unha das súas bitolas. Pasos contados, en fin, que antes ou despois levasen a UP (se no vieiro do pacto non interpor Ciudadanos) a repetir a opa doce que no início da transición, trouxo moitos cadros do PCE ao PSOE filipista, tras socializarse nos méis do suceso daquelas municipais tándem que levou á esquerda ao goberno das principais cidades corenta anos atrás. Será entón, cumprido o trámite de semellante viaxe equinoccial, cando fique oficialmente inaugurada a Segunda Transición. E santas pascuas!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off