off

Con alcaldesas e concelleiras, as mulleres contan

by
Maria Xosé Rodriguez

No outono do 1967 na vila e terra de Cedeira naceu a filla de Madalena, a Maria Xosé; casualmente nacera un mesmo 22 de setembro ainda que dezaseis anos despois que seu irmao Xoan Xosé, quen fora primeiro alcalde da esquerda galega e sen complexos eleito polo pobo cedeirense desde que a Frente Popular gobernara a alcaldia do Concello de Cedeira durante apenas tres meses o ano 1936. A irmá pequena daquel profesor de historia, de familia humilde e pai mariñeiro, recolle o testemuño e responsabilidade pola esquerda no goberno local, por segunda vez en convocatoria de eleicións municipais. Asi foi acordado elixir a Maria Xosé como candidata as eleicións municipais de 2019 en asemblea aberta do BNG o dia 12 de xullo de 2018, após ponderar o traballo realizado á fronte de duas concellarias e como voceira cedeirense do Bloque nestes anos de mudanza de tendencia no consistorio malia non facelo desde o pleno poder da alcaldía mas demostrando a súa capacidade para o diálogo e o acordo e nun contexto galego no que a paridade está lonxe de ser acadada (a proporción de concelleiras rolda na actualidade o 40% fixado pola Lei de Igualdade)

A filla de Madalena licenciouse con grao na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de prehistoria e arqueoloxía e ampliando estudos de doutoramento de arqueoloxía romana na Galiza.  Actualmente compaxina traballo na Xunta de Galiza en Santiago de Compostela coas responsabilidades do goberno municipal de Cedeira como tenenta de alcalde e concelleira de Cultura e Turismo. Manoli López (1971), algo máis nova, é concelleira en funcións de Servizos Sociais e mestra de profesión. Ambas as dúas mulleres  simbolizan o poder manifesto da feminilidade  cedeirense e galega no patamar dos asuntos públicos e do Concello.

Manoli López

Maria Xosé, Manoli e mais os da miña xeración estudamos  bacharelato no comezo da súa implantación publica no edificio do Pósito Vello, cando as folgas activas a prol dun instituto novo para Cedeira, tempo e espacio que deron a luz a Asociación Cultural Chirlateira e o seu voceiro escrito, a primeira época da revista Ollaparo. Tamén vivin canda a Maria Xosé as manifestacións e acampadas antimilitaristas contra a base americana de Bares, xuntos percorrimos as ruas da Coruña protestando contra a primeira Guerra do Golfo ou soñamos o triunfo da revolucion salvadoreña das fillas erguidas de Farabundo Martí… mais ela sempre amosaba, xa desde finais dos anos oitenta, unha sensibilidade moi fonda a prol dos movemento feminista e LGTB que sempre defendeu con coraxe e absoluta coherencia.

Dicir verdade é que naquela altura non podia adiviñar que as mulleres que os anos e o ronsel amosarian, mais hoxe sei que alén do traballo por elas realizado o que me engaiola é a sua capacidade de traballo, o seu carácter e o seu  liderado no medio de institucións configuradas por e para os homes que teñen a vida familiar resolta e non teñen que atender a complexa conciliación entre vida política e persoal. A feminización das institucións é unha asignatura pendente en Galiza e no Estado desde o comezo da democracia, o que quere dicir que a nosa, entre outras cousas, é unha democracia insuficiente.

A irrupción do poder feminino na última lexislatura impulsou políticas con perspectiva de xénero. O seu pulo enlaza coa mellor tradición de feminilidade galega: das redeiras ás mestras de escola, das labregas ás  médicas, das mariscadoras e amas da casa onde todo  o traballo era feito por elas como nas fábricas de salgazón, nos traballos de coidado (care) non remunerado. Non é por acaso que a plataforma de información e recollida de signaturas contra a implantación dunha Planta de Gas en Saá-Esteiro  ou a defensa do Centro de Maiores fose liderado por veciñas de toda idade.  Cando os partidos tradicionais entraran en crise e foran aparecendo agromos organizativos desde abaixo, acharon unha mesma consciencia, sensibilidade e parceria feminista en organizacións coma o BNG, que foi quen de gañar espazos de poder nunha alcaldia tradicionalmente masculina, agresiva e competitiva, como a de Cedeira. Algo que ainda non sendo exclusivo de Cedeira non é por iso  menos real e problemático. Pola contra, ese contexto obra en contra da continuidade dos mandatos. A proba dese pulo  é que a maioria das persoas que integran as candidaturas do proxecto do BNG que lidera Ana Pontón no Parlamento e Ana Miranda en Europa son mulleres e independentes.  Non é por acaso, portanto, que a irrupción do poder femenino nos entes locais en apenas catro anos foran emerxendo proxectos transversais en igualdade e feminismo, en políticas inclusivas que levaron a loita polos dereitos das mulleres a primeira liña de calquera actuación política.

É chegado o tempo de que o xogo de tronos sexa cousa de mulleres. Non é por acaso que o BNG continue a ser o máximo expoñente dunha mudanza de tendencia en todo o territorio galego.  O pulo da loita das mulleres  é o camiño ao que pido vos sumedes co voso voto, veciños e veciñas de Cedeira,  para introducirmos outro tipo de mecánica de acción, fora da loxica da explotación do capital ainda que a marxe de maniobra sexan limitado para as concelleiras e alcaldesas. Porque a premisa é clara: sen mulleres non hai políticas feministas nen cambio social. Sen consistorios feminizados non hai posibilidade de políticas de xustiza social xa que non hai argumento democrático que xustifique por máis tempo a infrarepresentación das mulleres malia o seu evidente pulo social, laboral e intelectual. Maria Xosé e Manoli e o equipo de mulleres e de homes que lideran na canditura do BNG precisan tempo para consolidar o xa realizado, para iso queremos o poder, para que se impregne o concello das novas concepcións feministas e galeguistas, para fomentar a igualdade xénero a través da memoria histórica das mulleres de noso,  para dar resposta á violencia de xénero e para desenvolver, de brazo dado da veciñanza, políticas de xustiza social.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: