off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 23 Maio, 2019 at 07:52

A viraxe xudiciaria do estado

por

 “O princípio que funciona e nos sustenta coa sua ineficácia

é o mesmo que nos consumiria e destruiria coa sua eficácia”

F. W. J. Schelling

Entanto na última xeira de testemuños, dous sociólogos afirman que o 20-S foi unha manifestación non-violenta e o 1-O, un acto de desobediencia civil,  vimos de asistir mais vez á mutación do que mostrándose como estado de dereito non é máis do que un estado xudiciario.  Afirmaran  que se podian defender todas as ideas e realizar todos os ideais, desde que non tivesen violencia. E hai ideas que son consideradas crimes, propostas políticas que son tratadas como se fosen crimes e persoas presas por queren realizar seus ideais pacificamente. De feito, a lei dí que cando un cidadá obtén acta de deputado imediatamente goza de imunidade parlamentar e, portanto, para ser suspendido é preciso que a cámara vote o que chama un suplicatorio (un tipo de permiso para que o deputado deixe de selo e poida ser xulgado). Non pasara un dia e a nova presidenta do Congreso dos Deputados Meritxell Batet consultaba a suspensión dos presos políticos eleitos e immediatamente reaxiran os fiscais Cadena e Zaragoza pedindo aplicación da súa suspensión. Na(s) Corte(s) veñen de descobrir a cor cinzenta e que o poder xudiciario gostar de fuchicar no lexislativo ( o próximo capítulo verémolo no  Parlamento Europeu, cando saian eleitos  Oriol Junqueras e Carles Puigdemont). O caso é que a resposta irada do Supremo a aclaración reclamada por Batet proba mais unha vez que o poder xudiciario  non quer enlamarse.De acordo con alguns xuristas, o Supremo deberia ter pedido ao Congreso este pedido antes de continuar o xulgamento do Procés. Mas o Tribunal Supremo, na sua orden de 14 de maio, negou que o pedido fose necesario e instou diretamente as cámaras a suspender os catro deputados e o senador independentistas que están sendo xulgados. Quer dicer, unha inconsistencia, porque sen unha solicitacion a cámara non está autorizada a suspender ninguén. É por iso que Batet reclamou ao Supremo  que  deberia suspender diretamente os deputados, xa que se a Mesa do Parlamento  o ficer con unha votación ficará claro que é unha decisión política e non xurídica (que é o mesmo argumento da Fiscalía).  Podemos xa anunciou que seus dous representantes na mesa do Congreso poderian votar contra. Confusión maior.

Xogo de apariencias para que pareza xurídico e non político, mas desde que o poder xudiciario foi convidado a entrar ás ducias no lexislativo deturpando asín maiorías  xurdidas dunhas eleicións e privando a deputados eleitos os seus dereitos. Para ser congruente coa defensa da separación de poderes que  alegou no seu discurso  presidenta do Congreso, deberia defender agora a imunidade parlamentar  e forzar, en contra do que afirma Marchena, unha votación na cámara.

Na escola fomos informados de que o voto libre dos cidadás é primeira fonte de toda lexitimidade política. Porén, nos escritórios os mandatos e representacion que saen das urnas son alterados e desnaturados. Padecemos obscena tutela porque o que prevalece é a idea da política como loita entre grupos sociais que defenden os seus intereses ou posicións e non aqueloutra dunha actividade colectiva orientada ao que Castoriadis visaba como institución da sociedade como tal. Unha tutela que os políticos españois reclaman para si con naturalidade cando non deixan que se reuna a Mesa do Congreso e decida ou cando invocan a verdade revelada da Constitución. Renunciando, portanto, a dar cumprimento ao mandato da cidadanía, que non é outro que deixar aberta a pre-condición de obrar e de pensar. E iso só é posibel se o que hai non está totalmente ordenado, se as lei non son herdadas dos devanceiros ou veñen dadas polos deuses ou por unha única Constitución verdadeira. Se for así non habería lugar para o pensamento político, nen haberia campo aberto á acción política ou á acción instituinte. Apenas para o profesional da política se tornar unha máquina de repetir ideas precociñadas polos gurús da comunicación que reducen o debate político a un tacticismo pueril no que o poder é unha fin en si mesma.

Tamén nos dixeran que hai cousas que non poden ser explícitamente votadas, que non poden ser mudadas en nengún caso, pensen o que pensen os cidadáns.  Con que violencia se merca a benevolencia? Coa aceptación acrítica da participación reducida ao momento eleitoral. Porque a igual participación  na actividade e no poder, lémbranos o dereito ateniense, non se reduce a ser simples igualdade perante a lei (isonomia) mas no activo arrombamento co conceito de “representación” por ser alleo á democracia, quer dicer, na conscente aversión do ateniense a tornarse en atimos:  aquel que perde os seus dereitos políticos por negarse  a tomar partido nas disputas cívís. Mas iso acontecía apenas na Atenas de Tucídides.

Na sesión constitutiva do Congreso todo virou arredor da fórmula para xurar a Constitución dos presos eleitos. Tamén nos dixeran que os cidadás deberiamos ter a derradeira palabra en todo aquilo que nos atinxe. E que os Parlamentos eran os lugares para conversar. Porén, nesa sesión constitutiva do Parlamento  español houbo persoas que silenciaran a outras. Nas institucións democráticas sempre se poderian ouvir todas a voces, iso dixeran. Mas todo ficou na legalidade ou non dos termos dun xuramento con outras palabras. Todo iso é legalismo ideolóxico: a idea de que hai “representantes” permanentes e “expertos”.  Fomos informados que as leis e a xustiza serian as mesmas para todos. Mas o que para algúns é permitido a outros é impedido por obra e graza do manifesto divorcio enre o cimo do poder e a aptitude para gobernar.

A diferencia entre o estado xudiciario, a súa reprodución exhibida no xuizo ao Procés e  horas despois da sesión constitutiva do Congreso é que a substancia da democracia é pre-política e non reside na total perda de todo sentido do pasado mas na re-lembranza. Como teimosamene nos lembra Arendt, a República é unha estructura mnémica, baseada no dictum “lémbrense”, quer dicer, nunha inovación  de fasquía benjaminiana ( de compromiso ético coas xeracións pasadas). No estado español non houbo  outro recoñecemento da traxedia da guerra civil mais que do lado dos vencidos. O que revela a persistencia dunha corrupción do político cuxo pathos expresaba onte Suso de Toro: “Da igual quen goberne, a cultura política española é o odio”. Sucedáneo ou deslocamento face un realismo de pantalla na que acaba prevalecendo a unificación xudiciaaria, unha política camp ou histérica conducida por unha “transición existosa” concluida antes de comezar. En consecuencia, persiste despudoradamente o  que Sartre chamaba o “soño do colono”, a esperanza que sempre anima ao colonizador a eliminar ao colonizado ( o “¡a por ellos!”). Iso supón repor unha  cultura do  cinismo transicional baixo ameaza do medo e unha soberania baixo prenda que testemuña unha desonfianza fulcral na democracia.  Neste caso pulsión/ilusión de expurgar da “patria” aos “malos españoles”. Os fiscais coa carauta de Casado, Rivera e Abascal  afirman que a presenza dos presos políticos infiren unha “humillación a España”. A decadencia sempre é pensada como esquecimento.

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: