off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 20 Maio, 2019 at 7:20 a.m.

Vox é unha desova do pacto de esquecimento e renúncia da Transición

by

O invento do “tripartito”  (pásao incluído) tivo un efecto taumatúrxico determinante. Serviu para centrifugar á dereita, mas tamén para concentrar o voto da esquerda no PSOE. Aínda que este segundo elemento viuse na sorrateira  pola desfeita sen paliativos do PP casadista, o certo é que o segundo gran damnificado do 28-A foi Unidas-Podemos, en condición de dano colateral. A coalición electoral de Iglesias e a Esquerda Unida (EU) de Alberto Garzón, deixouse na estacada 1.316.809 votos respecto dos comicios de 2016 (tic-tac; tic-tac). Porén, de non funcionar a “alerta antifascista”,  podía ser un auténtico desastre para UP (quedou o penúltimo de cinco, sorpassado por Cidadáns). Pleno para Pedro Sánchez e malleira para os seus flancos.
Agora hai que facer política con todos os paus da baralla. Manter sen máis que Vox é un apéndice do Partido Popular cando precisamente constituíuse após seren os seus promotores teimudamente  marxinados polo equipo de Mariano Rajoy, ao que acusaban de demasiado brando e moderado, supón deslocalizar a racionalidade no beirado dos prexuízos. En Galiza, a aldea gala do marianismo, Vox non conseguiu ningún escano, a pesar da maioría absoluta do PP de Feixóo. Tamén ten o seu aquel incluír a Ciudadanos no estigmatizado grupo, cando o PSOE gobernou a última lexislatura en Andalucía grazas ao apoio dos de Rivera. Sobre todo porque en diante, o PSOE terá que chegar a pactos e acordos (aínda que sexa baixo corda) con algún deles. Trifachito ou fake-news?
Os analistas do Réxime do 78 xa empezaron a desandar ese camiño de demonización indiscriminada pret a porter. E fixérono improvisando unha xustificación a eses 2.635.728 votos logrados por Santiago Abascal. Da mesma maneira que non era crible que en España houbese 11 millóns de “fachas” (o total dos votos de PP, C’s e Vox en números redondos), faise moi costa arriba para o partido que leva o  “O” de obreiro nas súas siglas aceptar que Vox conta con dous millóns e medio de traballadores ao seu lado. A solución para resolver esa anomalía foi tirar pola rúa do medio. Segundo eses magos do escrutinio, a Vox non lle votaron nen os desempregados nen as rendas baixas. Como é.
Entón a pregunta sería sabermos de onde é que saíu esa nova extrema dereita institucional que, con todo, durante corenta e dous anos só nunha única ocasión conseguiu un escano, e para iso tiveron que unirse todos os grupos “fachas” existentes baixo palio do líder de Fuerza Nueva Blas Piñar. A non ser que se pretenda insinuar que a canteira de Abascal está maioritariamente entre as vapuleadas clases medias. Entón sería peor o remedio que a enfermidade. Se pola contra o que ese discurso tenta suxerir é que Vox non ten o arraizamento popular que Salvini ou Le Pen, din ben, mas  apenas en parte.
O rumbo xenófobo de Vox, do mesmo xeito que ocorre coa italiana Liga ou o francés Reagrupamento Nacional, deixou pegada indelebel nas pasadas eleccións xerais. Os ultras foron con avaricia os máis votados en localidades con notoria presenza de inmigrantes como El Ejido e Nijar, na comarca dos invernadoiros de Almería. E na cidade autónoma de Ceuta, de parecidas características demográficas, foi o segundo partido en número de votos, por diante do PP, Cidadáns e Unidas-Podemos. Mas a causa do subidón da extrema dereita desde a súa rampa de lanzamento no latifundio socialista andaluz, tras décadas sen pillar, ten unha lóxica máis doméstica que a do contaxio populista. O seu vórtice é fundamentalmente endóxeno antes que exóxeno.
Vox é neo-franquismo sen complexos, un froito serodio do pacto de esquecemento e renuncia da Transición. Ese legado consensuado de todo pola patria! que abrazaron os últimos da ditadura e os primeiros da democracia sobre a base de amnistiar o pasado criminal, facendo que a lei de ponto final atinxira tanto a vítimas como a verdugos, a partes iguais, para que en diante imperase a desigualdade. Sen posibilidade de xustiza transicional futura, amarrado e ben amarrado. Impunidade que fixo posibel a pervivencia na sociedade española dun franquismo sociolóxico do que agora se nutre un partido como Vox encarnado no humus reaccionario da cultura dominante. Voceiros da tradición (procesións, touros, caza, etc.) e de canto se identifique coa “España eterna” nacionalcatolicista (centralismo, unitarismo, confesionalismo, casticismo, autoritarismo, machismo, clasismo, trazas de antisemitismo e mentalidade casa-cuartel). Unha en esencia e trino en persoa (Deus, Patria, Rei!).
Vox é o máis parecido ao que en épocas pasadas os historiadores chamaban “partido militar”, até o ponto de levar catro xerais e mandos do Exército como cabezas de lista o 28-A (práctica inaugurada por Podemos coa fichaxe do ex JEMAD Julio Rodríguez). E se houber algunha dúbida sobre seu arraigamento castrense, esa extrema dereita foi a máis votada en destacamentos e centros de Defensa de todo o país (Dirección Xeral da Garda Civil e Campamento do El Goloso en Madrid, este último de onde saíu a Acoirazada Brunete o 23-F; o Centro Nacional de Adestramento San Gregorio en Zaragoza; a Base Militar Cid Campeador en Burgos ou o Campamento de Paracaidistas en Alcalá de Henares, entre outras moitas demarcacións onde impera o espírito de milicia, que privilexiando a Vox anovaron a espada de Damocles do A por ellos!).É a cultura do franquismo revisitada que o Réxime do 78 puxo en valor ao aceptar o continuísmo da Segunda Restauración borbónica botando pola borda as constantes laicas, federais, progresistas e democráticas da etapa republicana. O pacto de silencio e renuncia argallado na Transición pola mesma esquerda institucional que agora nos mobiliza ao berro “que veñen os fachas!.
O viveiro intelectual de Vox é a fundación DENAES (Defensa da Nación Española), fundada en 2006 Gustavo Bueno Sánchez e Santiago Abascal, da que este último é secretario. Ambos son autores do libro “En defensa de España”. Razóns do patriotismo español, obra na que reflicten a posición do filósofo xa falecido Gustavo Bueno Martínez, pai do primeiro citado, un curioso caso de sabio marxista obsesionado coa ameaza de “quebra de España”, que segue unha liña de pensamento político de confluencia entre marxismo e ultranacionalismo. Bueno senior (o noso verdadeiro Steve Bannon), en liña coas ideas do seu mestre e preceptor Santiago Monteno Díaz, que fixo carreira-vaivén entre o PCE e as JONS, esixira a “inmediata supresión das autonomías”, e como Abascal hoxe opuña o concepto de “nación” ao de “pobo”. Tese que pretende sintetizar un totalitarismo de dereitas e de esquerdas nun só rexistro. Nesa senda de afinidade rojiparda hai que situar a presenza á fronte da manifestación de Sociedad Civil Catalana contra o Procés do ex secretario xeral do PCE, Francisco Frutos, e a declaración a favor do Decreto Dignidade de Matteo Salvini do ex coordinador xeral de EU Julio Anguita e o ideólogo comunista de cabeceira de Pablo Iglesias, Manuel Monereo.
Como colofón, aí van varias perlas da impúdica colleita que legou unha transición sen ética nin estética. Baseada no pedestrismo moral e no gongoriano ande yo caliente:

-Valeriano Gómez, un dos dirixentes da Unión Xeral de Traballadores (UXT) que encabezou a folga xeral do 2010 contra a regresiva reforma laboral do PSOE de Rodríguez Zapatero para pasar unha semana despois a ocupar a carteira de ministro de Traballo no mesmo goberno antes repudiado, acaba de ser nomeado asesor executivo da patronal catalá Foment del Treball.
-Julio Segura, expresidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e autor no seu día do programa económico do VIII Congreso do PCE de Santiago Carrillo, declarou ante a comisión de investigación que trata de esclarecer o ocorrido na antiga Cajamadrid “que a CNMV autorice un folleto (de saída a bolsa da entidade financeira) non quere dicir que sexa correcto”. O “caso Bankia” custou máis de 26.000 millóns de euros a todos os españois para o seu resgate.
-Dores Delgado, ministra de Xustiza e notaria xeral do Reino, deu a espantada nun acto en recordo dos republicanos españois asasinados o campo de exterminio nazi de Mauthausem (Austria) porque a delegación catalá mencionou aos presos do Procés. A perrencha da colega do comisario Villarejo (esmorgou co ex xuíz Baltasar Garzón e El Gordo a concesión dunha medalla pensionada ao policía e figura na tangentopole da peza Pit do caso Tándem) non ten límites nen decencia. Non só emprega o acto como auto-eloxio  e promoción persoal (montou o balbordo con publicidade do seu ministerio na imprensa a véspera de coñecerse a detención dos empresarios da causa de marras), senón que insulta á intelixencia dos cidadáns con memoria. O parlamento catalán aprobou unha declaración derrogando os xuízos da ditadura, cousa que nien o seu ministerio nen o seu goberno fixeron. Máis aló de marear mediáticamente a perdiz coa lata do traslado dos restos de Franco e a reversión dos galóns concedidos ao torturador Billy El Niño.
Vox veu e ninguén sabe como foi.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: