off

Queremos Galego sae á rúa nas principais cidades e vilas do país para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”

por

No estudo da RAG e do Consello da Cultura Galega “Lingua e sociedade en Galicia” -o máis actual até agora sobre o estado do idioma- recollían que ente o ano 1992 e 2013 a cifra de galegos que usaban o castelán como lingua habitual duplicárase ao pasar do 11 ó 24% mentres que os que máis usaban o galego como lingua habitual caían do 30 ao 22%.

 

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, sae á rúa este 17 de maio, Día das Letras, unha ducia de mobilizacións nas principais cidades e vilas do país para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”. Baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”, o colectivo quere recordar a importancia que os servizos municiais de normalización lingüística, as empresas concesionaras ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos. A cita é ás 12h do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela, na praza de Galiza da Coruña, na praza Maior de Lugo, na praza do Ferro de Ourense, na praza da Peregrina de Pontevedra, no cruzamento da Vía Norte coa rúa Urzáiz de Vigo, na praza Vella de Ferrol, na praza do Concello de Carballo, na praza da Mariña de Burela, na praza de España de Monforte, na praza do Mercado da Estrada e praza da Igrexa de Lalín.

“Máis que nunca, queremos galego”, recolle o manifesto deste 17 de maio, “porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos; porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo”.

En setembro, o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicará datos actualizados sobre o uso do galego, recollidos no 2018. O seretario da RAG, Henrique Monteagudo, agoira os resultados: “Estou case seguro de que van confirmar unha tendencia cara a caída na transmisión interxeneracional (de nais e pais aos fillos) do galego e do uso deste nas xeracións máis novas”.

“Máis que nunca, queremos galego”, continúa, “para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos; para que xuízas, fiscais ou avogadas entendan e empreguen o galego”. “Máis que nunca, queremos galego”, conclúe, “porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia”.

“A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza”, recorda o manifesto que se escoitará o vindeiro venres nas principais vilas e cidades de Galiza.

Hai uns días un chío no Tweeter do profesor Nel Vidal,  do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), recoñecía que “entre máis dos 600 alumnos, non hai ningún que fale habitualmente en galego”. Porén, propuxéronlles “probar a falar en galego durante 48 horas”. Nun principio, crían que poderían convencer a 30 como máximo previa sinatura dun ‘contrato’ co seguimento no Twitter vía o hashtag #Desafío48h. A realidade foi outra, acadaron os 200 e fíxose viral.

10 anos de Queremos Galego

A plataforma cidadá celebra o seu 10º aniversario publicando un vídeo no que recorda que foi, precisamente, en 2009 cando se produciu a primeira e única manifestación en contra do galego e mais cando o goberno da Xunta comezou a lexislar contra o galego. A sociedade galega respostou cunha manifestación na que participaron 100.000 persoas, a maior mobilización a favor dunha lingua en Europa. Concentracións e manifestacións dentro e fóra do país, manifestos, recollidas de sinaturas, unha folga xeral do ensino e mesmo o traballo no xulgados, que frutificou nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os principais artigos do decretazo contra o galego. O vídeo resumo fai un percorrido pola primeira década de vida de Queremos galego recorda que “as cousas só cambian se nos mobilizamos, porque as reivindicacións compartidas sempre dan froitos”.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: