off
Cedeira, Eleccións 26-M 2019, Movementos sociais, Política — 13 Maio, 2019 at 12:22 p.m.

Maria Xosé Rodríguez reivindica o rol transformador do BNG Cedeira

by

Nun ateigado Auditorio municipal de Cedeira, destaca que a candidatura do BNG é “unha oportunidade” de cambio: “non lles vamos a fallar, só temos un pensamento, é que vimos traballar”.


Nun ambiente de xoldra e  música ao vivo do trio folque Airoa, a alcaldable do BNG Cedeira, Maria Xosé Rodríguez,  reivindicou diante de 200 veciños e veciñas a  “oportunidade no contexto actual” que representa a candidatura xa que sumou máis actores, nomeadamente mulleres, co obxectivo dun  “goberno transformador de esquerdas, feminista  e nacionalista”. O acto comezou co visionado un audiosivual que a ollo de paxaro vai percorrendo as terras de Cedeira, preámbulo dos parlamentos. Stilly  lembrou o carácter municipalista da candidatura xa que hai xente que quere traballar por Cedeira, desbordando as estructuras de partido. Nun discurso motivador lembrou a Rosa Parks, á primeira muller que correu unha maratón e á primeira xefa de estado muller, é dicir, apelou á necesidade de ensarillar  feminismo e ética na práctica política como na vida. Neste sentido, Tiano Labraña, que provén da formación  sobiranista Anova, parceiro de goberno na anterior lexislatura, promoveu  xunto con Camilo Casal a xestación desta candidatura  e celebrou que o BNG sexa casa de acollida e portas abertas. Labraña introduciu unha grande novidade no formato mitin xa que recitou en parceria  con Silvia Picos a misión e compromiso da  candidatura do BNG Cedeira: “señoras e señores non lles vamos a fallar, só temos un pensamento, é que vimos traballar”, repetiron  a coro.

Rodriguez destacou  estar “moi orgullosas e orgullosos de todo o que fixemos dende o goberno municipal, estes catro anos pasados supuxéronnos tanto un enorme traballo como unha intensa aprendizaxe, por iso e coa experiencia adquirida, o noso proxecto de futuro para Cedeira é realista, basado no feito e no coñecemento do funcionamento interno da entidade municipal, temos as ideas claras e os pés na terra e non imos facer promesas electorais que se queden só niso, o que propomos é factible e queremos traballar dende o goberno para facelo realidade”. De gobernarmos a candidata afirmou dar conta imediata dos proxectos xa en marcha até finalizalos: ampliación da escola infantil, ampliación do centro de saúde, primeira minidepuradora biolóxica nas Pontigas, apertura e posta en funcionamento do Centro para a mocidade, remodelación do espazo expositivo do Castelo, acabado mural da fachada nova da biblioteca despois de tela ampliado e facela accesible e  primeira fase das obras na estrada Valdoviño-Cedeira.

A continuación a candidata repasou as medidas incluídas no programa eleitoral de propostas en que destacan cuestións como: “frente á externalización do Servizo de Axuda no Fogar, modelo seguido en moitísimos Concellos, a defensa dun servizo público;continuaremos coas axudas para emerxencia social, co servizo de madrugadores cos cursos, co convenio con AFAL, crearemos un Banco de Tempo e faremos realidade o centro de día para Cedeira; facer un Plan Especial para o Casco Antigo de Cedeira, rehabilitar o Pazo de Moscoso ou Casa do Cura e consideramos necesaria a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal e ampliar o aparcamento no cemiterio municipal de Cedeira; continuaremos apostando por elas nos próximos catro anos para que continúen a dinamizar a vida social de toda a veciñanza; apostamos polo desenvolvemento do Proxecto do Estudo de Impacto Ambiental da Praia da Madalena, pola primeira mini depuradora biolóxica do noso municipio, polas enerxías renovábeis e por continuar coa recuperación do río Condomiñas, co reparto de composteiros, coa rede separativa de fecais e pluviais, coa posta en valor das fontes e lavadoiros, coa creación dunha microreserva botánica e por continuar coas campañas de reciclaxe e recollida selectiva do lixo; proxecto de posta en valor do Castro de Punta do Sarridal e continuar apostando polo desenvolvemento do mesmo con futuras intervencións arqueolóxicas no castro, remodelación do Castelo para poder contar cun Centro de Interpretación da nosa prehistoria, a das vellas cetáreas e queremos conseguir mais espazo público en toda a área para convertela nun referente cultural e turístico. Imos continuar traballando polo Proxecto do Xeoparque apostando polo desenvolvemento local e polo turismo sustentabel e  a creación dun roteiro arqueolóxico pola Capelada centrada na valorización das mámoas do noso territorio”. Avanzou que  “xa temos proxecto de construción da ponte vella do Puntal entre o noso Concello e o de Valdoviño para o que imos buscar financiamento pola súa importancia cultural e turística e  continuarmos traballando para darlle visibilidade a toda  creación e innovación que se faga no noso pobo”.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off