off

Candidato Like

by
Hai quen presentándose ás eleicións municipais, mesmo despois de ter sido concelleiro  ou alcalde, teima considerar a cidadanía como eternamente embridada. Critícanse a eito as seitas relixiosas mais somos indulxentes coas que apelan á política malia tratarse de candidaturas que teñen milleiros de afiliados, votantes e profesionais que viven dela ou teñen feito dela unha pasarela profesional. Nos preámbulos do rexime do 78 moitos foron os concellos nos que  alcalde foi posto a dedo, logo veu un certo consenso (que ainda é unha forma de coerción), en moitos continuou sen alternancia durante anos o mesmo prefeito, despois veu o bipartidarismo hexemónico e, por veces, un consenso un bocadiño máis largo. A democracia ten diminuído e, recentemente, os cidadás comezaran a facer ouvir a sua voz para exixir mais e mellor representación.
Imaxinades un  exalcalde e candidato alemán da CDU de Merkel dicíndolle a un cidadá que non se signifique políticamente? É vox populi que así axen determinados candidatos a alcaldes en simultánea campaña ás eleicións municipais e europeas.  O interesante agora é que esas “recomendacións” propias dunha dereita nada liberal,  fanse en conversas non de todo privadas, nas multiplataformas de mensaxeria instantánia e nas redes sociais. Pois son os “like”, os rechouchíos  e  “corazóns do Twitter” os auténticos McGuffin’s da  nosa experiencia relacional actual, excusas argumentais que axiña dan paso á trama real:  a vixilancia e o control. Na política municipal non é que se precise trocar o filtro porque esté mais suxo ou entupido que no resto de ámbitos da política institucional, mas por que os seus buracos son ben máis pequenos.
Con certeza, malia adoptar o tono amigabel  dunha conversa  entre veciños coñecidos, nos Candidatos Like  que reactivaran as súas redes sociais por mor das eleicións, hai un aquel de maldade pueril, de aviso a navegantes malia estar ciente de que o estan a ler/ver. A vertixe do poder tornaos arrogantes, insolentes.O sorprendente é que esta caste de admonicions paternalistas eran practicadas polo Candidato Like baixo os tapetes e non nos escaparates ou a berros na praza pública do pobo, mas nas redes sociais.
O Candidato  Like censura significarse por un “eu gosto” da candidatura antagonista  (a fobia atàvica contra “os do non” bloquéaos do discernimento), porque disque terá repercusións económicas no cidadá que libremente exerce o seu dereito a expresarse, mas non se priva de pedir o “like” para a súa. O perverso é que moitos candidatos teñen negocios privados con relacións contractuais, laborais e de servizo con moitos cidadás e non dubidan repreender e mesmo facer apelos emocionais consciente da asimetría  e do abuso de poder paternalista e protector que só por ele pode ser exposto sen pudor como pasarela de pagamento. Like censura  a quen se “significa” na direción oposta ao que ele quer e non dubida en apontar co dedo nunha sociedade que ele mesmo denomina aberta e democrática. Puro cinismo dialéctico propio da dereita extrema, sen mencionar que, en seguida, é quen de espetarlle  ao seu concidadán e veciño, a quen pide o voto sen remorso e cunha palmadiña no ombro, que «as ideas non serven» no municipalismo porque para o Candidato Like o que conta é a “persoa” -quer dicer, ele é só ele- disociando así o contido ideoloxico do factor humano, dos actos e das consecuencias, do programas e das políticas que o voto referenda e despois serán aplicadas. Emerxe así  a politica de culto á personalidade, como práctica privada e como credo relixioso sectario. Restos de franquismo sociolóxico que teima en querer todo o espazo público para os de sempre: a caste dos que mandan e se confunden coa paisaxe. Significarse,  non a escoitaba desde que a miña avoa finou, mas nesta outra variante: “mellor non falar senon todo se sabe”, dicía. O vellos da tribu utilizábana para falar dos crimes da Guerra Civil. Sig-ni-fi-car-se.
Pídovos licenza para unha nota persoal: meu pai, nado o ano 37, que nos daba de comer barbeando e rapando cabezas, nunca pedira a quen isto escribe que non se “significara” malia o ter feito abertamente, nunha vila pequena e conservadora, polo soberanismo de esquerdas: non quería para os seus a sociedade medoña e apoucada que ele viveu. Foi o seu legado. A  miseria comeza cando nos amputamos.
Dime un amigo que no seu grupo xeracional de whatsapp ocorreuselle escribir  “aqui podedes ver quen son os que realmente votades e van exercer a nosa soberania por delegación”  e que un dos parceiros reaccionou irado non podendo evitar apelar  ao mito da amizade (aquilo de “prohibido destruir amizades por causa da política” e que algúns refrendaran de imediato con eses emoticons que procuran unha emocionalidade acrítica). Mandaba calar. Non demostres o que pensas, viña dicir. Sobretodo non te signifiques porque é mellor unha amizade sen atributos do que unha amizade baseada na escoita do outro sen censuras. A  vida é que se te escape unha risada nun funeral. Non sempre é posibel atoparse cómodo. Afinal a xente aprende a comunicarse. Tampouco se trata de sobreanalizar as cousas, mas de compartir  palabras e o silencios, sen mandar calar. Que caste de amizade e de vida en común se poden ensarillar con estes vímbios tan febles?  Quen ten o poder? O medo non lle acae ben ao corpo. Xera persoas encolleitas, que falan baixiño ou non falan, que nunca puxan o peito. Desmemoria: identificados, presentados, rexistrados e axonlleados. Os vellos da tribu non falaban de todo, porque podian desaparecer. Porque pasou, pasaba, era certo.Tiñan o medo metido no corpo porque llo meteran a hostias.
Que acontece se te significas nunha vila? Ven buscarte este ou aqueloutro? Do emprego,  da corrupción, do futbol e do Brexit, do soberanismo e do españolismo falamos cada dia entre nós, os uns cos outros. Significarse? Cada dia os compañeiros de grupo dos whatsapp e os coñecidos se significan. No choio, no bar e no ximnasio significámonos. É feo mostrar o que se pensa? Alguén virá por nós? Queremos vivir con medo e levar unha vida domesticada?
O rexime supostamente exemplar de 1978 mudou  leis mas non fixo nada para modificar mentalidades, apagar preconceitos, corrixir os atavismos relacionais. Temos uns medios públicos que malia non teren abondado en mostrarnos os desastres da ditadura de Franco, as súas secuelas e   de que xeito os seus tentáculos perxudicaran ámbitos impensables da sociedade e vida de moita xente.  Entanto nas ETB e Tv3 foi un tema recorrente, na TVG  e as televisións españolas as reportaxes de pescuda e de denuncia  sobre o franquismo – mesmo de debate aberto entre a cidadanía- foron sempre escasos e tentaran buscar un equilibrio hipócrita e ridículo entre os dous bandos en conflito.
A democracia é un widget delicado que, baseado en liberdades públicas fundamentais, tenta redirecionar e dominar o próprio conflito da sociedade e evitar o abuso de poder. A democracia representativa non pode consistir en escoller entre azuis, o que está acontecendo na medida en que a social-democracia acabou coa cor de seus adversários. O direito de votar non é apenas un direito obxetivo de todos os cidadás, é tamén un mecanismo de integracion, participacion e concretizacón da democracia, por iso non podemos falar sobre iso, nen dunha integración xenuína, se é coaptada a expresión e os mecanismos de participación  que facilitan a implicación cidadá os 365 dias do ano en diferentes ámbitos de acción e non apenas no periodo eleitoral. O que significa a participación democrática verdadeira? Que o dereito á cidadanía é máis do que o dereito de voto.
Como todos os sistemas políticos, a democracia é un mecanismo de control social, mas unha das cousas que a distingue é a capacidade de dar espazo ao que é posibel. Nós levamos tempo nunha democracia restrita  na que se pode dicer case de todo, mas unha grande parte do que é dito é arrombado. No ámbito local é unha democracia que ten os atributos de marcación do familiarismo.  Filtrar, selecionar e reducir a ruído todo o que atrapalla é a tarefa do poder (político, mas tamén económico e mediático). Mas iso está mudando. E a política institucional percebeu cando, inesperadamente, alguns movimentos sociais, nomeadamente mulleres, decidiran entrar na política institucional. Pánico: a axenda é ampliada e os grandes partidos temen perder o control para determinar o que están tocando e o que non toca, o que pode facer parte do debate político e o que debe ser deixado de fora. A cualidade da democracia depende do que o tramallo deixa pasar: a capacidade de recoñecer problemas, conflitos, ideas e persoas. Quer en nome da gobernabilidade -mito das democracias amordazadas-, quer en nome de non prexudicar  o modus vivendi e o próprio desempeño persoal, quérese mudar a lei para volver restrinxir o espazo que se está a abrir ( só é necesário enfitar o número de mulleres que compoñen as candidaturas, algo inédito até recentemente) e ir inoculando o temor e a autocensura.  Soa a pór cancelos ao campo. Porén, persisten prácticas que non mudaran de peneira e de filtro, que está emporcado e entullado. Gobernaran moito tempo  e o Candidato Like teima en exercer poder externo á política porque ten medo á cidadanía. E é moi perceptibel en relación á irrupción de mulleres empoderadas na política en todos os seus niveis, desde a política local á europea. E seria hora de perdelo medo levando en conta todo o que a cidadania aturou. Nomeadamente elas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off