off
Cedeira, Galiza, Mar e Pesca — 9 Maio, 2019 at 10:09

Xornada de rapeta

por

Na primeira Xornada de Rapeta organizada polo Museo Mares de Cedeira e conducida polo experto mariñeiro Agustín do Mimo, os nenos e nenas das escolas de Cedeira e, en xeral, calquer persoa interesada no tema, poderán coñecer polo miúdo esta modesta arte de pesca, unha das máis populares entre as artes tradicionais de pesca na costa norte de Galicia.


Van ficando poucos informantes das artes tradicionais de pesca que alén de nos contar até cando perduraran, como se facian e largaban no mar, se houbo choque de técnica entre as artes de arrastro simples, das redes de cercar e varrer tirando por cabos desde a embarcación á costa,  calquer confrontación por uso de diferentes artes cando se trataba de capturar os mesmos peixes. E como se xestionaba todo iso en terra, como se viviu a nova cultura extractivista de fasquía  capitalista e a súa estructura empresarial (o conceito do barco de pesca como investimento no mar dun empresario que está en terra), o tránsito  de pescar para comer e traballar á partilla, face a mao de obra asalariada e proletarizada,  da modesta sustentabilidade autárquica face a máxima rentabilidade e mecanización. A nova estructura laboral acelerou a desintegración da cultura mariñeira tradicional mostrándose no abandono progresivo da relinga (o aparello do país)  pola vela latina, no arrombamento e esquecimento das embarcacións asociadas, na troca das artes de pesca tradicionais polas extractivas,  mesmo nao cabo.

A sobrepesca, o esgotamento progresivo das especies de peixes e a degradación dos ecosistemas  son alertas graves de abondo para considerarmos analizar críticamente o moito que podemos aprender ainda da xestión local tradicional de pesca cando servia para unha instrumentación sustentabel dos recursos naturais renovabeis, para conservarmos as poblacións de peixes e debullarmos como asignar os recursos de xeito eficaz e equitativo.

Segundo relatan Staffan Mörling e  Xosefa Otero Patiño (Identidades de grupo y de cultura en los marineros de bajura del noroesta de Galicia En:Antropoloxía mariñeria.Actas do Simposio Internacional. Pontevedra: 10-12 de xullo, 1997) foran devalando  desde mediados do século XVIII (trece activos en Cedeira en 1753). Ainda que en 1804  a única actividade mariñeira a cargo dos residentes xa era o transporte de leña en lanchas e trincados con destino A Coruña (Usero, 1984, 75), as tradicionais fóranse combinando co maior poder extractivo dos aparellos e  cos esquemas industrializados de privatización dos recursos que precisaban menores requisitos de mao de obra ao ditado de que o “tradicional”  carecía de futuro malia irmos comprobando que os recursos mariños foran administrados durante moito tempo de xeito sustentabel ficando á vista a desfeita de xestión da pesca en maos do Estado. Porén, termos no total esquecimento a súa voz non levou a moita xente a ficar sen traballo, acelerando así o proceso de inculturación e desmemoria, de destrución de tecido social  e mesmo esgotando os recursos?

 

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: