off

Doutrina do shock (á española)

by

Atribúese ao toureiro “El Gallo” a sentenza “o que non pode ser, non pode ser e tamén é imposibel”. Trabucábase. Hai sobranceiras excepcións. Por exemplo, en política española. Acábase de comprobar cos resultados das últimas eleicións xerais do pasado 28 de abril. E se non, vexamos.
O 26 de xuño do 2016, o PSOE liderado por Pedro Sánchez obtivo os peores resultados da súa historia. Esborrallouse até os 85 escanos (22,66%). Mentres o PP de Mariano Rajoy sacaba 137 asentos (33,03%). A vantaxe a favor dos de Xénova 13 foi entón de 52 escanos.
Rajoy gobernou así algo máis de ano e medio. Foi investido o 29 de outubro, coa abstención de todos os deputados do PSOE menos quince. Até que, recuperada a secretaria xeral do PSOE por Sánchez en maio de 2017, unha moción de censura socialista co resto de partidos agás Ciudadanos UPN e Foro Asturias, levou a Sánchez á Moncloa.
Entre ese primeiro xuño de 2018 até os recentes comicios do 28-A non chega ao ano de mandato socialista. E con todo, o envorco institucional é de xeito extraordinario. Agora é o Partido Popular de Pablo Casado é o que se afundiu baixo mínimos á conta do PSOE do renacido Sánchez. Baixa a 66 escanos (16,7%) fronte aos 123 (28,7%) aos que rube o seu adversario. Unha diferenza positiva para Ferraz de 56 escanos. Cinco máis que en 2016.
A pregunta, entón, sería: é posibel que en tan pouco tempo os españois  teñan mudado radicalmente de idea? Como poden modificar os seus criterios políticos, económicos e sociais, para pasar do onde dixen digo a dicir Diego, dando a volta como un calcetín ao modelo político? Existe unha lóxica nesa revolta?
Para nada. Só cumpriuse un rito. O PSOE adoita reconquistar (non revalidar, ollo) o poder cando aparece un acontecemento brusco que motiva (ou desmotiva, segundo mírese) aos votantes sorpresivamente. Así sucedeu en 1982, cando unha abafadora maioría social deu a vitoria a Felipe González baixo os efectos da resaca do golpe de estado do 23-F do ano anterior. Repetiuse en 2004, catro días despois do traumatizante atentado terrorista do 11-M, cuxa autoría trato de manipular o goberno de Aznar.
E como non hai dous sen tres, acaba de ocorrer outro tanto o 28-A. Neste lance, o factor impactante chamouse “alerta antifascista”. Quero dicerf, a aparición nas autonómicas andaluzas do partido ultra de Santiago Abascal. O mesmo presidente de goberno, Pedro Sánchez, tentou até o último momento condicionar o único debate cos demais cabezas de lista á presenza do representante de Vox no estudio de Antena 3 TV. E cando se viu obrigado a realizalo na oficial TVE sen Abascal, non por iso deixou de mencionar á bicha ausente. No entanto, un “dano colateral” desa estratexia “que veñen os fachas” foi potenciar tamén unha importante mobilización no bloque prol dereito a decidir (autodeterminación e internacionalismo foron tradicionalmente patrimonio da esquerda emancipadora fronte á mística da Estado-nación monolítico, centralista e uniformador).
Alguén podía argumentar, con algunha base certamente, que xustamente o PP pagou caro os casos de corrupción, o caso das chamadas “sumidoiros do Estado” e a perversa xudicialización do procés. Pero iso esixe unha ponderación. O espazo de tempo en que se produciu este revés electoral non rexistrou precisamente un dos picos da corrupción. Ademais, o PSOE tiña o seu propio viacrucis no xuízo dos ERE de Andalucía, o presunto desfalco máis grande producido en España desde a transición. Mesmo, o asunto Villarejo atrapallaba por igual a PP e PSOE, por iso ambos vetaron unha comisión de investigación no Congreso sobre o tema. E a aplicación en Catalunya do artigo 155 da Constitución, causa da causa do proceso aos políticos partidarios do dereito a decidir, contou co previo acordo expreso de Rivera e Sánchez. Por certo, cando estaba na oposición, o secretario xeral socialista foi máis duro que Rajoy ao chegar a propor que se modificase o delito de rebelión no código penal para que non precisase o concurso da violencia.
Copio o que figura na Wikipedia sobre a tese do famoso libro da activista Noami Klein: “O libro “A doutrina do shock” propón que as políticas económicas do Premio Nobel Milton Friedman e da Escola de Economía de Chicago alcanzaron importancia en países con modelos de libre mercado non porque fosen populares, senón a través de impactos na psicoloxía social a partir de desastres ou continxencias, provocando que, ante a conmoción e confusión, se poidan facer reformas impopulares”.
Haz que pase.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off