off

Voto inútil: Vox populi?

by

“Por su mal le nacieron alas a las hormigas”

(Miguel de Cervantes. O Quixote)

Non coñezo mellor metáfora da democracia que o verso de Antonio Machado que empeza “Camiñante, son as túas pegadas o camiño e nada máis. Camiñante, non hai camiño, faise camiño ao andar”. A democracia como dereito a decidir, experiencia vivida, é un itinerario persoal, a miúdo duro e sempre conflitivo, mas ourive do noso destino. Un compromiso que nega a delegación e a irresponsabilidade que tal suplantación leva. Niso reside a raíz da democracia. O “goberno de si mesmo”, dito en palabras de Michel Foucault. Un eu auténtico e libremente asumido que xunto a outros eu equivalentes fan un nós común e plural. Como na lendaria canción Grándola Vila Morena, “Terra da fraternidade / O povo é quem mais ordena / Dentro de ti, ó cidade?.

O Borbón olla a Suárez prometendo o cargo. A dereita, Torcuato Fernández-Miranda

Os que non fixemos a guerra mas  socializamos na ditadura, percebemos o 25 de Abril portugués de 1974 cunha ilusión parecida á que moito despois supuxo o 15-M (deses momentos únicos en que un sente participar en algo superior a el mesmo). O país veciño logradra o que na lúgubre España antollábase unha utopía. Un exército colonial, cruel e desapiadado durante a guerra contra os movementos independentistas, púñase ao servizo do pobo contra a tiranía. Era o “Movimento Dos Capitães”. Xentes de toda condición e clase pondo cravos na boca dos fusís ao paso daqueles soldados. Un ousado grupo de militares que aos acordes de Grándola Vila Morena saíra dos seus cuarteis en Caldas de Rainha face a Lisboa para acabar co Estado Novo instaurado por Oliveira Salazar e a sinistra PIDE, herdado con parecida saña por Marcelo Caetano (o Arias Navarro luso). Menos mal que nos quedaba Portugal!
Era unha imaxe motivadora que alén da raia causaba pánico entre os franquistas. Por iso se ensarillou unha trama sucesoria chamada transición. Había que evitar o contaxio portugués custe o que custe. Así se inventou a teoría do consenso. Unha insólita alianza entre unha dereita crepuscular e unha esquerda emerxente para negociar a democracia coa escusa dunha “correlación de debilidades” que máis semellaba un episodio da “síndrome de Estocolmo”. Puro futuro primitivo. Alén diso, a oportuna acción criminal duns pistoleiros “incontrolados” contribuiría á capitulación fronte ao tardofranquismo. Unha carta que en principio non estaba na baralla. Así o Réxime do 78, consagrado na Constitución do mesmo ano, trouxo partidos políticos, sindicatos, liberdades reguladas e dereitos proclamados, pero deixou intactas as claves da ditadura. A monarquía deseñada por Franco co Rei por el designado como Xefe de Estado e das Forzas Armadas (co seu carácter vitalicio e herdábel engadido que renega da separación de poderes) e a inquebrantable unidade do home e as terras de España, mutatis mutandis, ficaran garantidas na Carta Magna. Xogo de patriotas.
Aceptados os fundamentos do Alzamento Nacional, o resto vén enrolado por ese obsceno amancebamento entre o pasado resistente e o futuro percusivo. Os preconstitucionais Pactos da Moncloa; o abandono do dereito de autodeterminación que até entón figuraba no programa da esquerda; a persecución e encarceramento dos membros da Unión Militar Democrática (UMD) afíns á “Revolução dos Cravos”; a deshonrosa entrega a Marrocos e Mauritania do Sahara Occidental nos Acordos de Madrid; a amnistía para os executores do aparello da ditadura (responsables da policía política; cúpula xudicial; mandos do Exército; altos funcionarios da Administración); a continuidade nos seus cargos de todos aqueles que desde as institucións franquistas  colaboraran activamente coa represión; a aceptación no corpus xurídico da democracia dos xuízos sumarísimos do franquismo; a renovación dos Acordos coa Santa Sé que o nacionalcatolicismo asinou en 1953; o segredo con que medio século despois protéxense os arquivos da transición; e unha infinidade de cesións que facían da Constitución do 78 unha especie de última edición dos Principos Fundamentales del Movimiento. Todo iso  foi pactado e selado. O éxito desa transición sen ruptura coa ditadura foi tal que o primeiro xefe de Goberno da nova etapa foi Adolfo Suarez, o último secretario xeral do partido único franquista, e a súa formación, a Unión de Centro Democrático (UCD), resultou vencedora nas primeiras “eleicións libres”. O pobo falara elixindo o malo coñecido. Os acenos de identidade da ditadura quedaron impunes, sen reproche moral, e os seus servidores puideron culminar as súas carreiras nas flamantes fileiras do Réxime do 78. Á fin e ao cabo “limitáronse a cumprir ordes”. Aquela impostura da “obediencia debida” que o Tribunal de Núremberg desbaratou ao xulgar e condenar ás xerarcas nazis. Unha iniquidade hoxe renovada cando desde o poder presúmese de exumar a Franco do Val dos Caídos e retirar as medallas ao torturador Billy El Niño. Coma se ao personificar neles toda a miseria daquel Estado terrorista a historia empezase de cero, en penitencia redentora, como expiación. Non consiste tamén nisto a banalidade do mal?
O legado así enredado foi unha Segunda Transición. Un Estado de leis que chaman de dereito sen que exista unha sociedade civil adulta. Un marco legal sen lexitimidade de orixe. Vectores todos eles que confluíron na aberrante irrupción este 28-A de un partido criptofascista, de tinguiduras xenófobas e homófobos, que se reclama orgulloso do infame réxime de Franco que a transición trocou. Pouco importa en realidade se gañou Sánchez, descendido Iglesias, caido Casado ou freado Rivera. Os millóns de españois que votaron a Vox (unha avultada representación parlamentaria que lle aproxima a UP, desde o nada, sen contar co “prestixio” quincemaista dos morados) non se volveron tolos da noite para a mañá nin son uns bárbaros sen conciencia. Aínda que non sexa a única causa (a última crise económica e o desencanto con outras opcións alternativas tamén contan), son as vítimas propiciatorias dunha clase representativa corrupta, cínica e retórica que abrazou o poder sen moral que o franquismo lle esixía para prosperar en política. Persoas sen atributos ás que se convenceu de que en democracia todo redúcese a votar disciplinadamente cada x anos (denunciado no berro dos indignados “os nosos soños non caben nas vosas urnas”). Sen facer camiño nen comprometerse éticamente. O catalizador dun lento proceso subterráneo de anulación individual e colectiva, aculturación, desarraigamento e alienación. Pouco máis dun 40% dos eleitores deste 28-A votou na altura o referendo que aprobou a vixente Constitución. Estamos gobernados por mortos.
E agora, os mesmos benévolos que cebaron durante corenta anos o ovo da serpe laméntanse como inocentes aqueixosas do suicidio cívico de todo un pobo con tanta habelencia programado. Nen PSOE nen PP cando gobernaron trataron de ilegalizar ás formacións ultras nen de reverter “o amarrado e ben amarrado” franquista. Daqueles ventos procede o voto inútil dunha democracia sen demócratas.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: