off
Galiza, Opinião, Política, Politica espanhola — 26 Abril, 2019 at 8:46 a.m.

A farsa da república federabel

by

Hai 150 anos Cataluña  era republicana, progresista e federalista fronte o carlismo agonizante  e a restauración borbónica  en España. Con certeza, os federalistas catalans teñen sido, desde o federalismo de inspiración socialista de Pi i Margall, os pioneiros no intento de mudar España durante século e medio. Esa arela sen suceso coincide cas  orixes do catalanismo político. A evidente influencia de Pi i Margall no pensamento de Castelao óbvia o acontecimento do  Proxecto de Constitución ou Pacto Fundamental para o futuro Estado Galego de 2 de xullo de 1887, no que se afirma que a rexión aspira á confederación ibérica,  porén, non é apenas un feito isolado da vontade  federal de Galiza. O republicanismo de fasquía popular,  federalista primeiro, despois catalanista e arestora independentista ten unha longa tradición na Cataluña, mas tamén non é inédito na  Galiza. O noso republicanismo federalizante desaba xa no tratado de federación entre Galiza e Castela, aberta ás comunidades beirantes, asinado en 1808 e no «Pacto galaico-asturiano» de 1869, na Asemblea popular de 22 de xullo de 1873, na que se decide exercer o direito de iniciativa para organizar política e administrativamente o território galego  unha vez asentada en España a fórmula federal de goberno,  nos princípios da ORGA, o pacto de Lestrove, o compromiso do Pazo de Barrantes de 1930, o proxeto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos e o proxeto de Estatuto da Federación Republicana Galega son vários dos acontecimentos alicerzados nesa idea. Seria inxusto non termos presente que a mediados do século XIX os federalistas catalás xa contaban co  apoio de partidos, obreiros e intelectuais doutras partes do Estado. De feito, contar co apoio de grupos políticos alén Cataluña permitiu que no Sexenio Democrático (1868-1875), dous federalistas catalás, Estanislau Figueras e  Francesc Pi i Margall, chegaran a ser o primeiro e o segundo presidente da Primera República Española. Como é sabido aquel laboratorio acabou coa restauración borbónica e a fin do sono federalista.Na altura, perante a imposibilidade de mudanza do Estado, a Mancomunitat foi a consecuencia práctica dun proxecto político que viraba autocentrado. Se na Cataluña  o conservadurismo do Centre Català e do Centre Escolar Catalanista dels Prat de la Riba, Cambó  e no Estado, foi arrombando a Pi i Margall, a súa recepción crítica en Castelao – frecuentemente citado no Sempre en Galiza- ao voluntarismo  pactual de aquel adire a idea fulcral de libre consentimento.Sempre  en Galiza,pp 62-63

Mapa-Múndi de Pirrus de Noha de 1414

O libre consentimento substancia a idea de soberania, de que non é posíbel “gobernar con normas únicas, como se España tivese sido algunha vez unha unidade étnica, idiomática, cultural, económica ou políticaSempre  en Galiza pp. 156.  Que a Constitución española  non fose federal nen federábel é porque o barraba o seu artigo 13, e, portanto, ficaran fanados os proxectos federalistas do período preconstituinte da II República.Sempre  en Galiza , p. 464. O falanxista Raimundo Fernández  afirmaba en xullo de 1939: “a existencia da nación española está acima de opinións, argumentos, votos e plebiscitos……”, retomando así o que xa proclamara o político conservador Antonio Cánovas del Castillo, en resposta as teses federalistas de Pi i Margall e Castelao:  “a España a é unha obra de Deus, ou da natureza”.  O artigo 2  da Constitución do 78  é proba desa inspiración esencialista escamente democrática:”indisolubel ” e ” indivisibel “. 

Xa no exilio, a noción de Castelao non coincide co marco estatutario da República de 1931, nen co rexionalismo more pimargalliano,  mas no libre consentimento das nacionalidades que forman España, unidas ou polo menos aliadas con Portugal” Sempre en Galiza,pp.58,  no marco dunha península reestructurada sobre o alicerce da súa diversidade nacional sen exclusións nen privilexios. A idea, que vén de lonxe tamén en Portugal, xa fora exposta en 1851 por José Félix Henriques Nogueira

O raciocinio dilemático que posiciona Castelao é o federalismo, enxergado como unión pactada entre iguais, ou o separatismo, inclinandose pola primeira alternativa se for viábel. É asín que o libre consentimento se contorna como princípio das nacións porque presupón o recoñecimento da personalidade prévia para poder pactar. “A federación é a resultante dun pacto, que non pode celebrarse cando as partes non teñen personalidade e liberdade para pactaren” …“como se fai necesária a federación internacional para salvar a economia e a paz do mundo”.Soberanía e federalismo van de brazo dado e nesta orde. Sen mecanismo que permita exercer o dereito a decidir non hai federalismo que mereza se imposto pola forza. Castelao vén dicir que con-vivencia non se pode impor, mas decidir.

Por conseguinte, non se trata só de federar a efeitos instrumentais descentralizadores do poder senón de que tamén as nacións, convertidas en órgaos do estado federal, sexan axentes do proceso. Mas isto implica a capacidade xurídica para pactar e por tanto, a soberania dos pactantes, a autonomia prévia e integral, xa que a realidade española só consinte unha unidade pactada e unha soberanía. Pi i Margall vén coincidir con Proudhom en que os pactantes deben reservar para si mais direitos, autoridade e liberdade da que ceden, co obxeto de evitar as extra-limitacións do poder do Estado. Frente aos socialistas, que ainda non superaran o federalismo rexionalista de Pi i Margall, inspirado no “pacto e que opuña ao critério da natureza e da história o da vontade na formación dos Estados” Sempre  en Galiza p. 205. e p. 323

O federalismo parte da noción de pacto, que supón renunciar a parte da própria soberania, dos próprios dereitos nacionais, en aras dun acordo mutuo, sempre que se preserven as aspiracións federalistas. O federalismo inclue un componente voluntário para formar un só Estado constituído polo libre consentimento. Castelao albiscaba así o contexto dunha democràcia plurinacional avanzada onde o federalismo non sexa unha coartada (federalismo de súbditos) para que nada mude. Porque “non hai homes libres en pobos que non gozan de liberdade, e están autorizados, pola sua própria consciencia, a recoñecerem a personalidade nacional de Galiza e o dereito que lle asiste para viver libremente confederada cos demais pobos da Ibéria ou do mundo. Non esquezamos que o federalismo é, para os libertários, a única fórmula de unión entre os homes, as institucións e os pobosSempre en Galiza,pp.57

Neste texto de 1937, como podemos enfitar, Castelao apela ao que deberian defender os anarquistas, aspectos non sempre coincidentes porque non sempre se impón a coerencia do discurso cos posicionamentos políticos reais. Ciente de que os anarquistas e sindicalistas revolucionarios de fasquía prodhoniana eran encarnadores do federalismo, precisamente porque arelaban a libertazón das nacións en base á libertazón do individuo e do concello, como unidade basilar, as súas conviccions federalistas non deberian ser inócuas, tendo acabado cumprimento práctico.

Protesta Castelao contra a patrioteirismo dos señoritos centralistas, seguidores da mellor tradición española de desprezaren canto ignoran, que descualifican aos que se declaran federalistas. “Os que cremos que o sistema federal pode resuscitar as mellores virtudes da tradición hispana, somos uns traidores”. Os señoritos defenden o sistema unitário e centralista non só para susteren os seus priviléxios anacrónicos senón para descarregaren sobre o resto dos pobos de España a fome dos seus escravos. Mas “se os povos hispanos teñen azos para rexurdiren e reclamaren a sua soberania, xa non nos conformaremos cun Estado endomingado con gorro frixio, mas esencialmente borbónico; reclamaremos unha República federal”Sempre en Galiza,p 29

Eu son federalista; mas convencido de que é necesario superar a doutrina rexionalista e anarquizante de Pi y Margall por unha concepción moderna das nacionalidades e da democracia. Son federalista porque creio que unha só lei non pode resolver os pavorosos e variados problemas que a morfoloxia social e económica de España ten posicionados”. Contrapón o de Rianxo unha federalización por acomodación a unha eventual secesión, mas refuga de todo federalismo retórico e inconsistente. Para evitar esa inconsistencia Castelao  debulla as causas históricas e económicas das demandas federais e dá alegados argumentos a favor de secesión se aquelas foran negadas ou deturpadas. Porén, Castelao non elide as causas políticas imediatas (o Sempre en Galiza non deixa de ser un texto de acción directa) e propón mecanismos federais concretos (distribución competencial, pacto entre unidades constituentes, Senado territorial, federalismo fiscal, etc…) e para dar consistencia á proposta “federal” refuga toda lóxica uninacional, ficando clara a vontade dun pacto entre iguais” e unha federalización plurinacional do nivel central (federal) de goberno e non unha especie de “tolerancia autonómica”. Do que Castelao fala é dunha proposta de poderes propios e poderes partillados que é a substancia do federalismo, ao cabo. De acordo com que  valores éticos, un goberno que se auto-denomina democrático e lexislativo, escollido polos cidadás, pode impor a subordinación nacional a un grupo que se afirma de maneira diferente porque se manifestou principalmente polas súas institucións democráticas?

Neste senso eu teño a seguranza de que os primeiros en entrar en España violentamente (doutro xeito non entraríamos nós) serian os bascos e os catalás para proclamaren a independencia dos seus países. E eu confio en que saberán cumprir os seus compromisos… A nós somente nos pode interesar unha República federal a base da unión pactada das catro nacións: Castela, Catalunya, Euskadi e Galiza. Ou isto ou o separatismo mais rabeado. Ou hai españois que comprendan esta necesidade ou necesitaremos arredarnos deles para traballar somente pola independencia de Galiza…  E se seguimos toleando mais chegaremos á esperanza de ver unha Europa dividida en nacións e ben disposta para realizar a federación. Eu sempre fun federalista; … mas agora son mais que nunca. … A cousa está na unión pactada. … Ou ven unha República federal ou nos arredaríamos dos españois para sempre” Carta a Sebastiám González García-Paz», en Castelao, Obras (OCA), Galaxia 

Castelo ten a esperanza dun diálogo civilizado entre iguais mas coa lucidez desesperanzada de que é imposibel toda intercolución con quen afirma que non hai mais identidade nacional ca súa.

Por outras palabras, no caso español, poderíamos dicer que non haberá federalismo plurinacional que estimule a secesión da Catalunya e do resto, mas si súa ausencia. Velaí como o Império Austríaco mantendo  a unión co reino da Hungria grazas a Ausgleich (compromiso) de 1867, mas non podendo reter a Bohemia e Moravia porque non federalizou a tempo. Na Primeira República da Tchecoslováquia pasou  o mesmo: o federalismo de urxencia de 1938 non impediu a anexación dos Sudetes ao Reich nen a subsequente independencia da Eslováquia. En teoría, unha das vantaxes do federalismo consiste en  nos permitir afrontar o problema da Confederación ibérica, na que Galiza xogaria un rol conciliador entre os dous estados peninsulares. Só o respeito dos Estatutos autonómicos nos permitiria pensar na Confederación dos dous Estados peninsulares, podendo a nosa Terra desempeñar un papel conciliador entre Portugal e Castela. Sempre  en Galiza pp. 90.

O ideal ibérico non pode ser proclamado sen que España “aceite a fórmula federalista, para articular as nacionalidades que a integranSempre  en Galiza pp. 359-360. O primeiro paso dos españois face a Portugal ten de ser dado  “abolindo o sistema unitário e recoñecendo o dereito de autodeterminación das nacionalidades, especialmente de Galiza” Sempre  en Galiza p. 226. Se os republicanos espanhóis non compreenden a necesidade dun rexime federativo, “para vencellar os dous Estados peninsulares -de cuxa unión Galiza é a chave- e vemos que o «perigo español» segue obrigando ao Estado portugués a hipotecar a sua soberania, en detrimento da nosa própria seguranza, podemos nós, os galegos, criar para o resto de España un «perigo portugués» con só arrimar-nos en espírito e en verdade a Portugal “ Sempre en Galiza, p. 362.

Hai cinco anos o PSOE, na xuntanza de Granada de 2013, aprobaba unha  declaración de consenso lonxe da declaración Zapatero-Maragall de Santillana del Mar de 2003,  na que se falaba de constitucionalizar “feitos diferenciais e singularidades” mas excluindo o dereito a decidir. O que na campaña eleitoral lembrou Pedro Sánchez tal como recolle o seu programa eleitoral. Quer dicer, para alén de xaculatorias e facianas preocupadas,  a súa alternativa refuga  todo o que teña a ver cunha partilla de soberanía. Portanto, en esencia, a do PSOE non é unha proposta federal porque exclue aquilo que Castelao reclamaba para o estados de fasquía plurinacional. O federalismo é outra cousa, e a de Granada é o mesmo “café para todos” (más rexional que federal e desde a lóxica da xurisprudencia constitucional) con alguns arranxos tan xerais como confusos ( clarificación de competencias, novo Senado, conferencias de presidentes, transparencia e eficacia do sistema, etc) que deixa clara a súa vontade de intervencionismo central en nome da “igualdade”, “pluralismo” e da “cohesión territorial”, madia-leva! Todo moi vello, moi estatalista e unitarista,  impermeabel á lóxica federal, cinguido ao “poder único e exclusivo do Estado” e no que non hai pegada ningunha do dereito a decidir. Porque nen o apelo ao  “pluralismo” serve para regular o caràcter plurilingüístico e  pluricultural do conxunto do Estado, nen as suas institucións e símbolos. O miolo da reivindicación maioritaria na Cataluña  e o contido substancial da noción de libre consentimento arredor do que Castelao vertebra todo auténtico federalismo. Alen do federalismo vertical de Pi y Margall, o de Castelao alicerza na libre adesión, na liña defendida por Almirall.

Castelao xa advertía dos riscos dun federalismo low cost ( o federal e o confederal ) que non alicerce no libre consentimento, en relacións entre iguais. E tiraba, entre outras fórmulas, do ideal ibérico con Portugal ao fondo. Porque xa era soberano. Portanto, do dereito de saída no que alicerzar a voluntariedade de pertenza dun sistema federal ou confederal. Por exemplo a Suiza defínese como confederación, mas deixou de selo a mediados do s.XIX seguindo o modelo dos EUA . Na actualidade, só Bòsnia e Hercegovina é un estado confederal. Eís un caso de confederalismo de base plurinacional que permitiría xunguir o federalismo co dereito de autodeterminación. Quer dicer, se hai un recoñecimento previo que a soberanía ( o libre consentimento) debruza nas nacións que libremente deciden federarse porque lles convén. Para iso callar, precísase unha cultura federal que é feble na España e que a irrupción da extrema dereita está a contornar como ineexistente. O nacionalismo de raíz castellana ficou ben á vista porque é o que soergue a idea esencialista dunha unidade indivisibel do Estado. O PP non é que non queira falar de reformas constitucionais senón reactivamente prefire aplicar o 155 e mesmo reducir competencias a eito a todas as autonomías. Lémbrese que non é un problema menor que para tirar adiante as reformiñasda Constitución propostas polo PSOE precísase como mínimo do acordo de PSOE e PP. Non costa maxinar que reforma federal poderian facer de porse de acordo mas espaventa ainda máis a regresión de señoritos que poida xurdir das eleicions do 28-A.

 “Saiban vostedes que se trata de anular o Estatuto galego para retrotrairnos ao centralismo e que a constitución non é o ponto legal de partida senón a muralla que impede o advento da República Federal” Carta a José Añóm em Montevideo», (10/04/1944), en OCA, T. 6, p. 418.

A perspectiva federal é unha miraxe alicerzada nun republicanismo saudoso que partillan por igual PSOE e Podemos. Chegado o caso non abonda defender un referendo, mas demostralo (ambas as partes non poden defender a plurinacionalidade do Estado se non son quen de a aplicar nos seus próprios partido). Alén diso, os orzamentos do PSOE que Podemos apoiou incluíran un aumento nos gastos de 2% para a Defensa e un aumento no orzamento para a Casa Real. O seu é un federalismo para súbditos. O estado español teima no xogo do todo ou nada: o estado autonómico non é máis do que unha versión e federalismo colonial non emancipador onde sen o consentimento e recoñecimento mútuo da nacións que o forman. A división provincial colonial, ‘divide et impera’, ficou ben nídia cando Filipe VI no seu primeiro discurso -expresado só en castelán- espetou: “unidad no es diversidad, señorías” (un aviso a navegantes que a mensaxe ameazadora de aplicacion do 155 confirmou).

75 anos despois da publicación do Sempre en Galiza, os cidadás galegos continuan a non dispor de mecanismos eficaces de proteción dos seus dereitos individuais e colectivos.  A recentralización é un feito que non fai outra cousa que destapar a xénese imperial do modelo e convida a revisitarmos aquela advertencia de Castelao  sobre as propostas federais que viran sen consentimento das unidades federadas, de fasquía “de cima para abaixo” e sen cuestionar a soberanía que a monaquía encarna ou a uninacionalidade española. Podemos tolerar a permanencia de princípios constitucionais impostos desa maneira? Como é posibel que partidos que aceitan nos seus estatutos a denominación de “nacionalidade” da Constitución, en seguida refugan o dereito de decidir dos cidadás?

En España non cabe todo o mundo. Algúns mesmo caben a vontade. Mas o federalismo é outra cousa. Non alicerza en preceitos que obrigan a unha certa identidade e que categoricamente negan que haxa outros tan aceitábeis ​​canto democráticos. O que acontece cando a nación oficial non é aceita como pròpria, como única e exclusiva para importantes setores da cidadania? Convén pois ficarmos alerta non sexa que as declaracións granadinas e outros “reformismos” (desde o sistema fiscal até a blindaxe de competencias) alén de nos manter como subditos outros corenta anos acaben cun federalismo de consentimento Real.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off