off

Polo triunfo da Confederación (Ibérica)

by

“A única forma de ser livre diante do poder é ter a dignidade de não serví-lo”
Miguel Torga

Non se trata de convocar “Ás barricadas”. Como enuncia o himno da CNT ao que puxo letra o anarquista vallisoletano Orobón Fernández sobre a música da canción polaca “A Varsoviana”. Non vai desas vellas xestas revolucionarias nin moito menos de absurdos ditirambos. Pola contra, o termo “confederación” saíu de novo a relucir nunha necrolóxica. A do filósofo Javier Muguerza, recentemente falecido. Segundo lembrou un dos seus biógrafos, o pensador que axudou a introducir en España a teoría analítica tiña a convicción de que o proxecto confederal era o modelo político que mellor se adapta á nosa idiosincrasia. E iso sempre no marco certo do iberismo, non en solitario, españois e lusos a partir un piñón. Un parentesco fraternal que, seguindo a pegada que vai desde Pi i Margall a Saramago, desde Unamuno a Miguel Torga, pasando polo proudhonista Antero de Quental, atinxa toda a frontaría atlántica peninsular. Porque, dicía Muguerza, o noso é “un país feito de farrapos” que deben permanecer cerzido Un patchwork que incorpore a eses veciños dos que nos separa unha “raia” e nos achega o resto. Cultura, idioma e xeografía, sen fenddas étnicas nen de relixión.
Aquí fálase moito e con solemnidade impostada de unidade (na verdade manifesta unicidade), algo de federalismo académico, e case nada de confederación, é proscrita. E con todo a confederal é unha perspectiva que sempre está a chamar á porta cando o monopolio centralista demostra a súa nulidade e o estereotipo federal utilízase de coartada para máis do mesmo pero en diferido. Como acontece nestes intres coa dramatización do conflito catalá e a consecuente demonización do xusto dereito a decidir, argumentado como pérfido desatino a destra e sinistra. A Primeira República, federal sen edulcorantes nen conservantes, foi destruída a galope polo bando militar, bastión do  unitarismo paifoco, cando despontaran os primeiros vestixios de experiencia cantonalista. A Segunda República foi incapaz de transcender a cartografía dalgúns territorios históricos. E o Réxime do 78 afirmouse territorialmente nunha descentralización administrativa en base ás Comunidades Autónomas uncida ao monolitismo da restauración monárquica parida pola ditadura franquista.
Estes proxectos políticos a recado pretenden acordar a diferenza conxugando a maximización centralista co sacro principio do contrato social. O Leviatán de Thomas Hobbes aderezado coas faiscas representativas de Jean Jacques Rousseau. Co primeiro, que trouxo a superación do “dereito divino”, instituiuse unha especie de supremo protector como medio de superar o estado de natureza (“a vida do home é solitaria, pobre, desagradabel, brutal e curta”) Co segundo, oficiouse un intento de lexitimar o consenso piramidal en base ao asentimento dos gobernados coma se coubese un tipo de individuo presocial. Mas nos dous casos, o que se entronizou foi a “invención” do Estado pantagruélico como fiel da balanza á que os “cidadáns” deben entregar cotas de autonomía para seren libres regulados dentro dunha orde (as “liberdades positivas” de Isaac Berlin).
O que se traduzac nunha claudicación das partes ante un todo sobrevindo. Soberanía expropiada que, como acontece na arquitectura supranacional da Unión Europea, conduce a un deseño de dominación heterónoma de acima-abaixo e de centro sobre periferia, (unha cousa leva á outra e viceversa), anulador das sensibilidades indentitarias anexas aos seus elementos constituíntes. Unha sorte de burocratismo democrático que solapa e posterga a vontade decisoria dos seus membros, a súa autodeterminación, converténdolles en combustible social (ninguén pediu o noso “si, quero” para integrarnos na Unión Europea en 1986). Fronte a iso a idea confederal esgrime, seguindo a Pi i Margall e a estirpe medieval dos concellos abertos, o principio das nacionalidades, as dinámicas da asociación voluntaria e o apoio mutuo como factor de evolución e progreso. Coa ferramenta do referendo como vórtice para afirmar unha democracia radical, participativa e deliberativa. A actual Confederación Helvética, a Suíza cantonal, multinacional e plurilingüe, sería a demostración da súa vitalidade a escala.
A reacción fósil, predicando o “todos para uns sen o un para todos”, tratou de poder couto a esa centrifugación do poder enarborando un  ¡A  por ellos! sen freo nen marcha atrás que se traduciu historicamente en golpes de estado, cuartelazos, asonadas, pronunciamientos, ruído de sabres, ditabrandas e ditaduras. Porqué o proxecto confederal inviste as categorías da dominación, devolvendo a autoridade e os recursos que xera a sociedade ás persoas. É o epítome da autodeterminación, xa que emite un mandato imperativo ao Estado e non ao revés. A aluminose que afecta o edificio da UE exemplifica a imposibilidade dun estándar democrático e representativo cos parámetros da Estado-nación. A medida que aumenta a distancia entre gobernante e gobernado o modelo pervírtese o modelo orixinando institucións zombi (que ninguén votou, tipo Banco central Europeo); cesións de soberanía incontroladas ou, no extremo oposto e como reacción, movementos de repregamento nacionalista.
Por iso é polo que a confederación, no seu despregamento de abaixo arriba autoxestionario, permita esbozar comunidades co máximo de democracia de proximidade, cosmopolitismo de afinidade e un mínimo de burocratismo estatalista (low cost), ao radicar o epicentro de decisión no ámbito local onde a xente interrelaciona. Desde esa conciencia de polis eríxese un ecosistema político teleolóxico que implica a toda a sociedade nunha mesma vontade xeral. Desta forma, a experiencia democrática cun mínimo de delegación, travado do seu tecido conxuntivo, radica nas persoas e non en ficcións xurídicas afastadas da realidade. Unha tarefa que favorece o seu rearmamento ético e eleva o imperativo categórico a norma de convivencia. É o que o filósofo norteamericano John Dewey chamaba “democracia creativa sempre por facer”, xa que, agora con Hanna Fenichel Pitkin, autora do concepto de representación, “lonxe de ser un inimigo da democracia, o conflito “manexado en modos democráticos, con espírito aberto e capacidade de argumentación e persuasión- é o que fai que a democracia funcione, o que somete a revisión mutua opinións e intereses”. Porque “as ideas xorden da acción e deben volver á acción”, como pensaba Proudhon.
Coas premisas aquí esbozadas, parece lóxico que o anarquismo, como ideoloxía da utopía que transcende a clásica división do poder de Montesquieu ao seu centrifugación mediante a necesaria subordinación do aparello do Estado á sociedade, sexa quen máis abrazou a salvaguarda confederal. Cun coñecemento experto (aí inscríbense actores sociais como a Confederación Nacional do Traballo e a Federación Anarquista Ibérica) que entrañaba levar a proposta alén das fronteiras convencionais, límites do estado-nación froito de conquistas e dominacións. Así a expuxo o libertario aragonés Felipe Alaiz nunha Federación de Autonomías Ibéricas e deixouno intuír o librepensador Muguerza no seu notabel Desde a perplexidade (Ensaios sobre a ética, a razón e o diálogo).
Reunificación. Ese debería ser o conceito insiro nos programas dos partidos realmente transformadores que se apresentan nestas eleccións do 2019, e non o seu rebuzado en caras loitas polo poder coas súas corrupcións varias. Empreender o camiño cara ao universal desde o local sen muros (Torga dixit). Abrir o dereito a decidir a dúas comunidades separadas polo capricho de reis venais e querelas de familia. Os pobos de España e Portugal camiñando xuntos, e dentro deles os distintos pobos e sensibilidades. Con iso daríase unha expectativa de democracia creativa ao conflito catalán e á hoxe cuestionada aposta europea. Sumadas persoas, economía e talento esa Iberia do século XXI converteríase nunha das comunidades máis prósperas e solidarias do continxente europeo, e serviría de espora para frear o devalo xenófobo. Por non falarmos do impacto que semellante aposta significaría en Latinoamérica, hispana e lusa, e o seu reflexo na Iberia europea. Sería a empresa dunha xeración en avanzada que non se resigna ao statu quo de mudar algo para que todo siga igual. Para iso non se precisan “estadistas” mas homes e mulleres consecuentes no exercicio dos seus dereitos, liberdades e dignidade, xentes sinxelas experimentadas en democracia.
Pensar local e actuar global. Esa reunificación, lóxicamente terá un custo económico,mas valía a pena. Se o fixo a Alemaña, adoptando un gravame social para o reencontro Este-Oeste, por que non poden converxer nunha mesma res pública os pobos ibéricos de España e Portugal que viron como os seus gobernantes lles impuñan un infamante resgate ditado pola Troika para salvar da quebra aos poderes económicos e financeiros causantes da crise? A outra acepción do termo “crise” é “oportunidade”. Demos unha auténtica oportunidade á crise entre libres, iguais e racionais.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off