off
Cedeira, Historia, Ortegal — 20 Abril, 2019 at 4:24 p.m.

Cedeira asina convenio de cofinanciamento do Centro Interpretativo do Sarridal

by
O goberno de Cedeira vén de asinar un convenio coa Deputación da Coruña polo que esta se compromete a financiar o 80% do proxecto que converterá o castelo da Concepción no Centro Interpretativo do Xacemento Arqueolóxico do Sarridal. O acordo foi asinado esta semana e no seu texto recóllese que a axuda provincial ascenderá a 31.638 euros e o gasto total previsto polo Concello superará os 39.500 euros. O convenio estará vixente até outubro do 2020.
Con cargo a ese orzamento, o executivo local proxecta a renovación do conxunto da instalación eléctrica, o cambio de luminarias, a colocación de luces de emerxencia e de tomas de luz para as audioguías, así como a instalación dun mostrador para recibir aos visitantes e dun total de nove vitrinas envidrazadas nas que expor os achados recuperados nas escavacións levadas a cabo na zona de Sarridal. De feito, na segunda-feira dará comezo a unha nova campaña.
A área expositiva completarase cun sofá e unhas mesas e asentos pensados para que os pícaros poidan descubrir o mundo da arqueoloxía a través dos seus propios debuxos. A finalidade do proxecto, tal e como consta no convenio, é achegar a historia local a todo o público en xeral e incrementar, no caso do castelo, o atractivo que xa ten de seu o   Castelo da Concepción en relación directa coa súa contorna.
O  goberno de Cedeira entende que contribuirá á posta en valor do patrimonio arqueolóxico local. Pola súa banda, a Deputación destaca o interese público, social e económico do proxecto a desenvolver.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off