off
Arte, Cedeira, Galiza, Historia — 18 Abril, 2019 at 7:10 a.m.

3a excavación no xacemento arqueolóxico do Campo do Castro (Sarridal)

by

A campaña voltará na segunda-feira 22  e prolongarase  tres semanas

Esta nova fase, a terceira, está financiada polo Concello de Cedeira e que será executada pola empresa AXA Arqueoloxía SL. Tras a autorización de Patrimonio da Xunta, o goberno municipal volve a investir na recuperación e posta e valor da riqueza patrimonial atopada a raíz da localización, en decembro de 2017, da pedra formosa, tamén chamado monumento con forno.
Agora trátase de continuar coa limpeza da muralla que está máis próxima ao monumento e á ampliación da escavación para atopar novos tramos da canle de auga que fornecía unha sauna cuxa construción remóntase ao século III a.de C, segundo a cronoloxía da proba do Carbono 14 realizada en novembro de 2018.
Os traballos continuarán por tres semanas e o seu orzamento é en torno de 15.000 euros. Emilio Ramil, arqueólogo e director da empresa adxudicataria, destacou que se trata de traballar tanto en profundidade como en extensión coa intención de definir o mellor posibel a zona máis próxima ás cercas que limitan á construción castrexa.

Nesta xeira, os traballos que comezarán na segunda-feira e serán executados por dous arqueólogos e catro auxiliares, ademais da persoa que fará volar un dron para recoller en imaxes a evolución desta nova intervención, que será a quinta. A idea, segundo a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, “é seguir traballando ata completar a totalidade do xacemento, unha riqueza patrimonial moi importante non só para Cedeira senón para a cultura patrimonial en xeral”.

Apertura do Castelo da Concepción

A partir de mañá xoves e ata o próximo domingo estará aberto ao público o Castelo da Concepción de Cedeira. As persoas que desexen visitalo poden facelo en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A visita é gratuita.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off