off

A eurodeputada Ana Miranda presenta mañá en Londres as candidaturas do Bloque para as vindeiras citas electorais

por

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presenta mañá en Londres as candidaturas do Bloque para as vindeiras citas electorais, -xerais, municipais e europeas-, nun acto que terá lugar ás 16 horas no Haggerston Community Centre. No encontro Miranda continuará establecendo pontes coa comunidade galega na diáspora, como vén facendo ao longo da súa traxectoria.

En concreto, no último ano a eurodeputada nacionalista xa participou en diversos encontros cos galegos residentes no Reino Unido en Alemaña e mesmo representantes da diáspora en Chequia, Suíza, Dinamarca e Bélxica, entre outros, reuníronse recentemente en Bruxelas a fin de intercambiar propostas de cara aos diversos procesos electorais.

Críticas á detención de Assange

Por outro lado, xa o luns a eurodeputada do BNG ofrecerá unha rolda de prensa -ás 10 horas-, diante da prisións de Belchmark, na que se atopa Julian Assange tras a súa detención o pasado xoves na embaixada de Ecuador da capital británica. Precisamente Miranda tiña previsto manter un encontro este luns con Assange e a vicepresidenta de Exteriores do Bundestag, a deputada alemana Heike Haensel, tal e como o luns 8 de abril lle confirmara a propia embaixada.

Ana Miranda considera “escandalosa” a retirada de asilo por parte de Ecuador e salienta que a detención do xornalista supón “implicacións moi perigosas para a liberdade de prensa se permitimos que as persoas sexan encarceradas por publicar información filtrada que expón as irregularidades dun goberno”. Ao seu xuízo “o arresto e a solicitude de extradición semella máis unha vinganza que xustiza”.

Informe sobre a falta de participación na elaboración do plan forestal galego

A eurodeputada vén de organizar un encontro dunha delegación galega co gabinete do Comisario de Medio Ambiente para analizar os datos contraditorios sobre a plantación de eucaliptos e a falta de participación na elaboración do plan forestal galego. “É imprescindible contar cun informe detallado que analice os diferentes aspectos da vulneración da normativa comunitaria”, salientou Miranda. Para a eurodeputada do Bloque é unha das principais conclusións que se tiran da reunión mantida entre unha delegación galega, encabezada por ela e integrada por portavoces de plataformas medioambientais e os alcaldes de As Neves, Baños de Molgas, Rianxo e Ribadeo, mantiveron un encontro co Xefe de Gabinete do Comisario de Medio Ambiente, a Directora de Coordinación Política da Dirección Xeral de Cambio Climático, así como con funcionarios das Dirección Xerais de Medio Ambiente.

É precisamente esta falta de participación cidadá o que foi criticado pola presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, e o Doutor Enxeñeiro de Montes, Xabier Bruña, quen acha que o criterio que utilizou a Xunta de Galiza, a través do Consello Forestal, é un proceso nesgado, xa que esa información pública, con inicio o 5 de xullo e remate o 5 de outubro, “non contempla a participación de forma activa de todas as persoas interesadas”.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: