off
Cedeira, Educação, Galiza, Opinião, Poesía — 5 Abril, 2019 at 8:53 a.m.

Prexudicar a necedade

by

Falar de censura refere algo antigo e vergoñento que acreditabamos ter superado. Preocupación acrescentada se callar coa ‘lei mordaza’ e a percepción, talvez errada, do devalo do pensamento crítico na sociedade. Noentanto, a maioría concordaria en que a liberdade de expresión ten sido razoábel ainda que hai tempo, non apenas aqui, percebemos un certo aperto. Velaí os procesamentos de  tweets,  letras de rap, exposicións, vídeos… A ‘lei mordaza’ é un exemplo de regresión que torna posíbel estabelecer limites que non eran aceptábeis hai pouco.

Unha profesora da escola de A Pontenova, acaba de receber unha séria advertencia administrativa do goberno galego por ter explicado a matemática en galego. De nada serviu que 100% dos seus alunos falasen galego, pois a instrución da Consellaria de Educación é clara: un decreto aprobado en 2010 obriga a ter aulas en español ou en inglés. Na Galiza, o Partido Popular, que se considera o mais moderado da dereita española e seu presidente é Alberto Núñez Feijóo, o arquétipo, segundo Madrid, do centrismo español. Con mais ou menos pulo hai un intento de iren eliminando as cualidades identitarias dos territorios con personalidade de seu. É óbvio que a expresión nas diferentes linguas e culturas do Estado teñen motivos para se preocupar.

En tempos de negrume, todo acontece como planexado. Cando ainda non reaxíramos do escándalo, do que é mais unha  mostra de degradación do modelo da España das autonomias, soubemos que no IES Punta Candieira de Cedeira hai quen non quere espazo para a poesía. Algunhas docentes e alumnas do IES cedeirense, centro educativo que a miña xeración loitou a comezo dos noventa – a asociación cultural Chirlateira e a revista Ollaparo naceran daquela goldria- denunciaran o autoritarismo da Consellaria e da direción do IES por ter aceptado e executado a retirada de poemas escritos polos estudantes nun obradoiro impartido por Carlos Negro e distribuidos en diferentes espazos do IES para que non foran  esquecidos nun cartafol calquer e poideran ser lidos devagar todos os días.

Poesía secuestrada na súa totalidade. Non apenas 2, 10 ou 30 palabras. Caen os verbos e os adverbios, diminui a posibilidade de expresarse. Unha censura dura, mas tamén arbitraria. Acción desproporcionada que sen dúbida deriva de vários prexuizos. Paradoxalmente, o delator acreditando no efeito beatífico da poesía e, en xeral, da literatura no mundo, dispondo a mordaza para tapar unha boca,  acabou saindo polas outras. Reaxiran a imprensa e as redes, algúns comentaristas apresaranse a relatar o estado de censura do momento, sen parar a asisar que tamén foran profesores quen alertaran da censura, compañeiros daqueles outros  que se callar se autocensuran ao falar nas aulas sobre relixión, política, sexo ou xustiza  porque se sinten coaxidos e optan por obviar a realidade que os arrodea. Mais unha vez, a educación ficou presa no labirinto social e político do momento, en meio de falsos debates. Alén de falar sobre calquer tópico, a escola ensina a pensar? Queremos que sirva para iso ou para  a produción en cadea? Que sirva para aprender a expresar o que se pensa e a pensar expresándose? En que parte do  infeliz currículo  ou da didáctica razoábel está planexado asisar e  razonar? Poesía e filosofia poden mellorar a experiencia educacional dos alunos?

Son gravísimos os discursos  e os acenos adicados a atentar contra a liberdade  de expresión no espazo educativo. Manipúlase a noción  democracia, para insistir despois que a escola ten de preparar para ela. Mas, como Matthew Lipman di, trátase de preparar a democracia para a infancia e a adolescencia. Lipman, o criador de Philosphy for Children, apresentaba nos setenta  un excelente proxecto subestimado pola administración educacional.  Destacarmos apenas algúns aspectos: a escola é o lugar onde aumentarmos o interesse do aluno en entender o mundo (descobrir a si mesmo, outros, adultos diferentes; o profesor incentiva o aluno a se cuestionar, comezando a tentar descobrir que tipo de persoa quer ser;  o profesor aprende dos seus alunos, non fala sobre a realidade, observa, escoita, pergunta e recolle a vida real que tran á aula;  é o grupo, a comunidade de clase ou a escola, que fan perguntas e construen respostas; por controversa que for a realidade, a sua función é criar o clima de diálogo. Entendemos que o pensamento crítico é un xulgamento proposital e autorregulador que resulta en interpretación, análise, avaliación e inferencia, ben como explicación das consideracións evidenciais, conceituais, metodolóxicas, criteriolóxicas ou contextuais sobre as cales ese xulgamento se basea. O pensamento crítico ideal adoita ser inquisitivo, ben informado, confiante na razón, de mente aberta, flexíbel, imparcial na avaliación, honesto en enfrentar preconceitos persoais, prudente en facer xulgamentos, disposto a reconsiderar,  nídios sobre as cuestións, ordenado nas cuestións complexas, dilixente na procura de informacións relevantes, razoábel ​​na seleçción de critérios, enfocado na pesquisa e teimudo na procura de resultados tan precisos canto o asunto e as circunstancias da pesquisa permitiren.

Sempre encontrei moi perturbadoras as persoas  que teñen unha dieta ideolóxica ben balanceada e se preocupan coa vida quer moral quer sexual de seus compañeiros no planeta, até a delación (que é tanto ou máis preocupante que o propio actor censor) como se ambas as cousas prolongasen suas vidas ou, o que é moito pior, que as levarian diretamente ao ceu. Persoas que se senten lexitimadas para dicer o que é normal e o que non é, mutando a súa ascendencia, calquer que for,  en posición de poder belixerante contra os outros. A acubillo do anonimato, alimentan o troll lanzando o seu xuizo inapelabel, pois só eles son testamenteiros das paixóns.

Hai unha primeira responsabilidade nos docentes que é fuxir do falso debate sobre doutrinación para debruzaren  en que significa, de maneira planexada e permanente,  aprenderlle a crianzas e adolescentes a pensar. Aprenderlle algo alguén comenza sempre pola escoita activa. Que caste de xordeira fomenta o aceno autoritario a instancia da abstracta e impersonal administración educativa? Debe ser moi frustrante, ao saberse inxénuo, que un membro anónimo da comunidade educativa axira para que a poesía fose retirada, mas tamén que a direción do centro o aceptara.

A denúncia anónima é un instrumento indispensábel para o funcionamento de todos os reximes disciplinares e autoritários. Esa é a escola que queremos? Unha escola autoritaria para unha democracia autoritaria?

Hai un ano, o PP de Catalunya e o País Valencià propós a criación de caixas de correo anónimas para reclamar de supostos casos de doutrinación as escolas, de modo que quen quiser podese reclamar sen dar seu nome ou a cara de casos alegados de doutrinación e  ou intimidación. Repárese que o verso chave no caso do IES Punta Candieira é aquel onde se di “odio España”, o significado do resto de versos que deitan luz sobre o sentido de todo o poema e que a falta de descodificador automático o renegado delator optara pola codificada delación. Mas é asín que axe a poesia e a arte, coa sua gramática e suas convencións. É por iso que quen ignora as condicións de existencia de un texto ou de unha produción artística tórnaselle impensábel, imposíbel, entender seu significado e escopo. Debeu pensar que o poema incitaba ao odio. Español, claro. Porque o poema afirma odiar outras moitas cousas, en primeira persoa e alomenos 25 veces, nunha especie de bucle que comeza dicindo “odio que todo empece por “odio que”.

Que coñecimento se quer descualificar ao falar desde o lugar da denuncia anónima? Desde o tensionamento descarnado das relacións de poder, da autoridade, de quen preferindo a legalidade á moralidade non respeita a dignidade nen concede elementar proteción  da identidade e subxetividade de estudantes  e profesores.

Hai que aprender a lingua, porque o poema debruza nela,  quer para dicir, quer para suxerir. O feito é que o leitor, o intérprete, non nace, faise construindo xuizo e  manufaturando a sensibilidade e o gosto. E iso é alcanzado así que aceitamos que debemos aprender a xulgar, quer unha pintura ou un poema, quer un texto de filosofía. A arquitectura do siso leva tempo, precisa da perífrase e do erro. A escola debería desempeñar ese papel devagariño. A delación, pola contra,  axe coa celeridade e urxencia de quen acredita ter alcanzado a verdade, inoculando, aliás, a crenza na autoridade superior na casa, no tribunal, na escola, no Estado….base do princípio do comportamento esperado polo método de recompensa e punición.

No eido do dereito penal, a denuncia dun acto criminoso por parte de calquer cidadá xa é unha posibilidade e, para algúns, unha obriga cívica. Cousa ben diferente é que non só se denuncien feitos criminosos mas irregularidades administrativas. Agás algunha excepción, como os crimes ecolóxicos,  é cuestionabel a eficiencia deses procesos delirantes. Cando iso acontecer, a partir do momento en que é necesario que sexan os cidadás que sinalen os comportamentos irregulares, é que o sistema de control do poder executivo fallou. E estaríamos embarcando nunha cultura de denúncia, que está aumentando e que xera relacións de desconfianza, como se houber presunción de culpa e non de inocencia. A “ineficiencia” das autoridades para enfrentar suas responsabilidades ten o seu correlato nos centros educativos en forma do que Foucault denominaba dispositivos de control social, institucións punitivas. Porque non se trata de arrogarse apenas dereitos ou unha liberdade integral que desleixe todo compromiso de deber. O autoritario só ten dereitos, o escravo apenas deberes. Por iso, para reactivar as virtudes democráticas cómpre reactivar o diálogo concertado das partes sen ter que pagar o alto prezo de que a administración se arrogue todos os dereitos.

Cidadás espias ou cidadás colaboradores? Coa proliferación e aceptación de mecanismos para denunciar ou divulgar desacordors e infracións estase a xerar unha “cultura da delación” que non ten  nada que ver coa manifestación de desacordo ou con dicir non, e moito coa simples pulsión disciplinaria-mesmo coa comenencia persoal- que só sirve para manter caladiños. Afinal, non temos medo de que os adolescentes pensen, mas que pensando, lembrarnos aos adultos que perdemos  o siso.

En  calquer caso, a escola non pode alicerzar a súa tarefa no “control” mas na escoita e no diálogo confiante, ben informado e crítico.  Nen é  edificante apelar para os piores instintos que os seres humanos poden ter: a delación. Dar información anónima á “autoridade” sobre a forma na que os alumnos e profesores se expresaran nun obradoiro de poesía é en si mesma indefendibel e reclama da conciencia o dereito moral de se rebelar se a censura que non escollemos nos parece inxusta e desproporcionada. Porque é mesquiño  e perturbador utilizar a dica anónima para da cabo desa cousa inútil e non mesurabel que é a poesía. Porén, como todo delator sabe, a poesia é a boca da linguaxe, e a linguaxe ten un valor semántico, que é precisamente o que é mais traducíbel. Ficou clara a mensaxe intimidatoria do denunciante. Mas tamén da insubornábel lección dos estudantes  que perseveran na que, para Nietzsche, é a tarefa do pensamento: prexudicar a necedade. Que lección de dignidade!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off