off
Cedeira, Educação, Poesía — 1 Abril, 2019 at 7:06 a.m.

Consellería e IES Punta Candieira retiran poemas d@s alumn@s.Firen as palabras?

by

O grupo creativo da Biblioteca Escolar Punta Candieira de Cedeira vén de responsabilizar ao xefe territorial da Conselleria  de Educación e a propia dirección do IES Punta Candieira de Cedeira de ter censurado poemas escritos polos alumnos e alumnas, retirando os textos que foran pendurados libremente nos diferentes espazos do centro educativo. Poesía para eludir as servidumes de calquera forma de comercialización. Artesáns nun mundo de cópias. Poemas proprios a seren lidos polos próprios, partillando a alegria autosuficiente de producir escritos para as amigas e amigos, a acubillo  da brutalidade do mundo que as arrodea e da vulgaridade da autoexplotación e do éxito. E mesmo alí lles fora negado refuxio. Nada máis triste do ca iso.

Velaquí o post de denuncia publicado no Facebook:

“Nun post do 24 de febreiro compartíamos con vós a noticia do obradoiro de poesía que os alumnos de 4º da ESO fixeran con Carlos Negro. Un obradoiro creativo, que tomaba como punto de partida a proposta do escritor e os alumnos desenvolveron dende a súa propia imaxinación e orixinalidade literaria.

Para celebrar o Día Internacional da Poesía, o 21 de marzo, o equipo da Biblioteca Escolar Punta Candieira decidiu publicar eses poemas que os alumnos escribiron. Así, enchemos os corredores, as paredes, as escaleiras e mesmo o ar de palabras, de rimas, de sons e onomatopeias. Compartir e encher de cores o espazo común.

A creación literaria forma parte do sentir cultural dos pobos e debe ser protexida polo dereito á liberdade de expresión. Os profesores que forman equipo nesta biblioteca así o entenden e por iso traballan, todos os días, todo o curso. As autoridades académicas deben velar polo dereito de expresión dos alumnos, e de todos os seus administrados, segundo contemplan as leis educativas e tamén a propia Constitución.

A delación e a covardía en forma de denuncia por parte de membros anónimos do claustro, sen argumentos e sen dar réplica á argumentación, tiveron como resultado a PROHIBICIÓN da exposición.
Ante este acto de CENSURA explícita, este equipo quere dar a coñecer o rexeitamento das medidas adoptadas pola dirección do Ies Punta Candieira, así como do Sr. D. Indalecio Cabana Leira, Xefe Territorial da Consellería de Educación, que foi quen deu a orde de retirada da exposición con urxencia e inmediatez.
Firen as palabras?
A poesía segue a ser “un arma cargada de futuro”, como dicía Blas de Otero
Pola liberdade de expresión!
Pola creatividade do alumnado!
Pola poesía!”

O gato morto

Houbo un tempo en que a poesía era a lingua para eludir a censura. Hai pouco o poema Ode Triunfal, do grandisimo escritor Fernando Pessoa foi censurado do manual escolar do 12 curso da portuguesa editorial Porto Editora. O poema do autor dos mil heterónimos padeceu a censura por ter algunhas palabrotas e foran substituidas por liñas coma esta -.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-Tempos ruins para a poesía -a falta de calquer profundidade, liña punto liña punto.

A flexibilidade submisa como guia.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.punto liña punto liña

Dí o poeta romanés Mircea Cărtărescu que a poesía é o gato morto do mundo consumista, hedonista e mediático no que vivimos. Cărtărescu  evoca aquela escena na que o excombatente Seymor Glass (no relato de  J.D.Salinger) lle espeta aos pais da súa prometida, preocupados polo porvir do mozo despois da guerra, que o que quere ser é un gato morto. Quer dicir, un poeta. Nun mundo inzado de arribistas, poeta é quen sinte, pensa e expresa de seu.  Obsesionados polo éxito, as saídas profesionais, o suceso e a rendabilidade, escola, mestres e proxenitores fuxen da poesía como da peste. De teimarmos en expulsar a poesía e a libre expresión do pensamento da escola  produciremos unha escola sen cultura, apenas unha re-produción de saberes sen perspectiva para cidadáns pasivos e sen cualidades, como escribía Robert Musil.

A escola precisa sair dos límites da escola.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.Do contrario tórnase clerical rexime disciplinario e nada máis. As palabras poden ferir mas tamén abren os ollos. Se a escola só sirve para pechar os ollos máis vale prenderlle lume.

Cando hai docentes que denuncian poemas  que non gostan escritos polos seus alumnos é que non son docentes. Exala recendo a estulticia e a todo o que é contrario á educación ética e estética da humanidade. Que oportunidade perdida para ter dialogado na aula sobre a palabra poética e a liberdade a expresión!

O censor nunca é censor dabondo, mais cedo ou mais tarde pagará pola súa fraqueza. A escola da censura sempre devora aos seus fillos. Qué é o que lles proe? Que ese cadaver exquisito escrito afirme odiar España? Repararan que o poema comenza dicindo “odio que todo empece por odio que…” para acabar afirmando “odio odiar todo o que odio”?

Esperanza. Hai mestres, pais e nais que ainda escoitan, sinten a música, len libros.Aquí deixamos a mostra de un dos poemas da exposición recitado polo xestor cultural e actor cedeirense Quique, colaborador da Biblioteca Escolar Punta Candieira que se adire así á denuncia.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off