off
Opinião, Politica espanhola, Politica internacional — 21 Marzo, 2019 at 8:30 a.m.

Nen Flick nen flock: VOX

by
"A loita polo dereito é poesía do carácter"
(Rudolf Von Ihering)

El País, que xunto a La Vanguardia é un dos poucos medios que aínda se poden seguir sen abafar (descontando o seu rol como voceiro do PSOE e da Monarquía do 18 de Xullo), acaba de revelar que Vox financiouse con diñeiro do exilio iraniano. En concreto un crowdfunding do Consello Nacional de Resistencia de Irán (CNRI), “grupo de raiceiras islamo-marxistas ao que durante anos a UE e Estados Unidos consideraron terrorista”. Un aparente oxímoro ideolóxico, salvo para os adictos á teoría da conspiración como avatar indubitable. A icona de extrema dereita que quixo trasladar o Día de Andalucía ao 2 de xaneiro para conmemorar a reconquista de Granada polos Reis Católicos, arrolado por unha franquía político-teolóxica do Corán e O Capital. Abala, non si?
O que acontece é que a información fornecida polo autodenominado “xornal global” ten truco. A súa imprecisa criminalización do doante fai sospeitosa esa confluencia islamo-marxista/católico-ultranacionalista. A cuestión é que xa no afastado 2008, o 11 de novembro exactamente, o parlamento europeo recibía oficialmente na súa sede de Bruxelas a Maryam Rajavi, a presidenta do CNRI. A Unión Europea pondo alfombra vermella a unha dirixente terrorista? Vai ser que non. Aínda que a inxección económica que sinala o rotativo sucedese no tracto constituínte de Vox. Cando o entón eurodeputado do PP Afasto Vidal-Quadras, cos seus altruístas patrocinadores incluídos, optou pola marca de Santiago Abascal para concorrer ás eleccións europeas de 2014. Tamén Nicolás Maduro entregou medio millón de dólares para a investidura de Donald Trump a través da filial estadounidense da petroleira estatal PDVSA.

Cousas mais estrañas que xa vimos. Os cartos non teñen patria, e un partido político é por definición un bulímico ente crematístico. Ademais, de caste vénlle ao galgo. Se a desmemoria institucionalizada non anulase a experiencia racional, medios, analistas e cidadanía en xeral lembrarían que o réxime vixente fundouse sobre esa falla tectónica. A destra e sinistra. Primeiro con Unión de Centro Democrático (UCD), o partido liderado por Adolfo Suárez, o último secretario xeral do Movimiento Nacional. Cando o 1977, só dous anos despois de colgar os hábitos no partido único franquista, o dirixente centrista gañaba as “primeiras eleicións libres”, poucos coñecían quen eran realmente os seus mecenas. A clave veu da difusión anos despois dunha carta do xefe de Estado designado polo ditador, o rei Xan Carlos de Borbón, dirixida ao xa de Persia Reza Pahlevi (“o meu caro irmao”). Na misiva real solicitábase unha contribución de dez millóns de dólares para frear o avance dos “partidos marxistas”. Ou sexa, da cruz á raia, o diñeiro de Irán estivo sufragando a democracia á española e de paso os petos dos seus estandartes. Unhas veces axudando aos tardofranquistas (caso UCD) para conter ao comunismo e outras en alianza cos vermellos para apoiar aos postfranquistas (caso Vox). Ao Tierno Galván (PSP) das primeiras eleicións democráticas financiouno a Libia de Gadafi.
Mas na beira esquerda a filigrana resulta igualmente lasciva. Alí topámonos con inversionistas nazis detrás do primeiro PSOE para desprazar ao flanco republicano en favor de Felipe González e a súa restauración monárquica. Revelouno en 1990 a revista alemá Der Spiegel tras saberse que o consorcio militar de Friedrich Karl Flick, que fora o principal subministrador de armamento de Hitler, tecera unha rede de subornos a políticos e partidos con representación no Bundestag. Tirando dese fío, a publicación avanzou que os servizos secretos daquel país utilizaron varias fundacións para entregar inxentes mordidas a nivel internacional sen levantar sospeitas. Unha destas institucións, a Friedrich Ebert ligada á socialdemocracia xermana, foi a encargada de facer chegar varios millóns de marcos aos seus camaradas no sur de Europa. Resultado, un empresario cuxo pai fora condenado a sete anos de cárcere polo Tribunal de Núremberg que xulgaba os crimes nazis aparecía apostando a fondo perdido polos socialistas españois, algo que tampouco figura na nómina do politicamente correcto. Mas os feitos son túzaros. Na súa comparecencia ante a comisión de investigación habilitada no Congreso dos Deputados, Von Brauchitsch, o representante de Flick no caso, deixouno moi claro: “Tratabamos de pechar o paso ao comunismo e o partido mellor situado para facelo era o PSOE”. O que, segundo contan as crónicas, sería contrastado polo propio González ao afirmar que o diñeiro recibido de Alemaña “era para unha causa nobre”. Nen Flick nen flock.
Os casos de financiamento descritos pertencen á categoría de corrupcións ex ante, porque serviron para consolidar partidos políticos emerxentes, mas non atinxian concesións polos favores recibidos. Distinto foi coas corrupcións ex post, as que se produciron cando estas formacións alcanzaron o poder, que tiveron contrapartidas constantes e sonantes. Aquí a lista é contundente e non deixa monicreque con cabeza. Reducindo a nómina só aos dous partidos que se alternaron no goberno desde o inicio da transición, temos entre os casos máis soados: polo PP (Gürtel, Lezo, Púnica, máis o que teñen denominación de orixe: Rato, Bárcenas, Cotino, etc.) e polo PSOE (Filesa, Malesa, Time-Export, Fondos Reservado, ERE, a máis de Roldán, Fernández Vila, Narcís Serra, etc.).
Mesmo hoxe, cando o fedor da corrupción pasoulles factura reducindo a súa representación política a mínimos históricos, se se observa con perspicacia poden descubrirse novas e inquietantes vetas da súa cleptocracia. Só que agora a técnica é máis depurada e fronte á simpleza de cartas pedigoñas e fundacións pret a porter impúxose a tangentópolis, unha confabulación de ventres de alugueiro entre clase política, financeira, mediática e as cloacas do Estado. A espionaxe masiva do ex comisario Villarejo para o BBVA veu precedido por un extenso e eloxioso reportaxe sobre o seu presidente, Francisco González, polo dominical do diario El País, agora presidido por Javier Monzón, que tamén ostenta idéntico cargo en Openbank, a banca online do Santander. Dáse a circunstancia de que Monzón foi durante 22 anos o home forte do Grupo Indra, unha das compañías armamentistas máis importantes de Europa, e que o BBVA é o maior inversionista no sector militar.
E aquí non hai ideoloxías que vallan, a dereita e a esquerda falsaria nisto están a partir un piñón. Onde Mariano Rajoy aproba a exportación de compoñentes para carros blindados a Venezuela saltándose o veto do Consello Europeo, o seu sucesor socialista Pedro Sánchez avala a venda de 400 bombas laser a Arabia Saudita en plena guerra do Iemen, a maior crise humanitaria do mundo segundo a ONU. Con semellantes mostras de exemplaridade desde o máis alto non é estraño que os traballadores destas industrias, en situacións de risco laboral, escúdense en que de algo hai que vivir. Sobre todo se se ten en conta que Unidos Podemos, a opción radical, tampouco alenta o optimismo. Igrexas fichou para a súa escuadra de notables ao JEMAD que fose Director Xeneral de Armamento e Material de Defensa en 2006, agora fervente “pacifista e antimilitarista”.
O mar sempre devolve aos afogados.

(Nota. Este artigo publicouse no Blog de El Salto)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off