off
Cedeira, Feminismo, Galiza, Movementos sociais, Política — 8 Marzo, 2019 at 12:21

Manifesto 8M en Cedeira: ‘Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista’

por

O manifesto de Galegas 8M foi lido por Maria Xosé Rodríguez, concelleira de cultura, ao remate da concentración convocada  en Cedeira este mediodía na Praza da Laranxeira. O texto, titulado ‘Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista’, lema da convocatoria, e comeza salientando que “hoxe é unha xornada de loita, unha mostra da nosa forza e determinación para conquistarmos un futuro digno para todas. Porque todas temos voz e todas somos necesarias! Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga”.

O manifesto demanda “un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas”

O manifesto debulla algunhas das demandas que o movemento feminista pon enriba da mesa e que motivan a convocatoria da folga do 8M. Esixe, por exemplo, “un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas, e que esté dotado de recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e eficaces”.

E reclama, igualmente, que “os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados”.

O texto reclama “orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados”

Igualmente, demanda, “unha reforma laboral con perspectiva social e de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza”. “Porque as dobres xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo”, engade o texto.

O documento incide tamén no ensino igualitario e no consumo sustentable e lembra a situación de que viven colectivos coma o das mulleres migradas, as mulleres xitanas, as mulleres con diversidade funcional ou as mulleres non heterosexuais.

Esixe erradicar a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero e o teito de cristal

“Seguiremos revoltándonos polas nosas vidas e polos nosos dereitos, até que todas sexamos libres”, conclúe o manifesto, que fai unha especial mención a aquelas mulleres “que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar”.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: