Antonia Rodríguez Díaz vén de ser elixida Muller da Vila 2019, un recoñecemento público, por parte da Asociación de Amas de Casa de Cedeira, que a homenaxeada recibirá no transcurso da comida que a entidade promove para o domingo día 10 de marzo.
A presidenta da asociación, Ángeles Villar Fraquela, significou o traballo social e de acompañamento que Antonia Rodríguez Díaz levou a cabo entre os toxicómanos e as súas familias nos anos máis duros da droga na vila, un labor que tamén fixeron outras persoas pero na que “Antonia foi pioneira e se involucrou de maneira especial”, segundo Ángeles Villar. A homenaxeada recibirá unha figura da peixeira de Sargadelos, así como unha mantilla feita polas alumnas do obradoiro de encaixe.
A entrega do premio producirase durante a comida que, por segundo ano consecutivo, organizan as Amas de Casa con motivo do Día da Muller Traballadora (8M). A cafetería do auditorio municipal acollerá unha celebración que dará comezo ás 14.30 horas e a actuación do dúo feminino “Oasis”.
O Concello tamén participa nesta celebración coa conferencia que Carmen Avendaño Otero -coordinadora da Fundación Érguete-Integración- pronunciará ás 12.30 horas nas instalacións do auditorio. Carmen Avendaño fundou a Federación Provincial e a Federación Galega de Axuda aos Drogodependentes e destacou pola súa loita contra o narcotráfico, denunciando aos grandes traficantes e organizando plans de rehabilitación e reinserción. Recibiu moitos recoñecementos e distincións, entre os que destacan a Cruz de Prata da Orden Civil da Solidaridad Social (2010), o premio Galicia en Feminino da Xunta de Galicia (2002), o Nacional do PSOE Rosa Manzano e o de Xustiza e Sociedade(1993).
As persoas que poidan estar interesadas en asistir á comida xa poden apuntarse nos números de teléfono 636 787 265 e 649 703 998. A participación implica o pago dunha cota de 15 euros para as socias e de 20 para o público en xeral. Só se admitirá a presenza feminina. A primeira convocatoria reuniu a unhas 80 mulleres.