off
Cedeira, Editorial, Galiza, Movementos sociais, Política, Política local — 2 Marzo, 2019 at 7:24 a.m.

BNG de Cedeira presenta o cerne dunha candidatura aberta a toda a cidadanía

by

O BNG de Cedeira difunde na rede que está a traballar nunha candidatura aberta as diversas sensibilidades da esquerda nacionalista e na que xa se integraron Camilo Casal e Tiano Labraña até agora responsables por Anova de Medio Ambiente e Educación e Mocidade respectivamente, no actual goberno cedeirés.


Camilo, Manoli, Maria Xosé e Tiano

As dúas concelleiras do BNG, María Xosé Rodríguez e Manoli López, e os dous ex-Anova, Camilo Casal e Tiano Labraña, mostran así a boa sintonía, o traballo en común  encamiñado ao obxectivo de procurar sempre a mellora da vida da veciñanza cedeirense tendo como epicentro de toma de decisións aos propios veciños e veciñas. Na nota difundida no Facebook  explícase que esta lexislatura de goberno compartido serviu para que os dous concelleiros de Anova e as dúas do Bloque se animaran a sumar apoio á candidatura do BNG encabezada por María Xosé Rodríguez, xa que entenden que a enerxía acumulada debe de se acabar de abrir a toda a sociedade cedeirense, en perspectiva de país  e desde abaixo e coa que intentarán buscar o maior apoio posible.

Con esta iniciativa o Bloque continua afondando na perspectiva lanzada hai catro anos de avanzar na construción dunha sociedade radicalmente libre e autónoma desde o local, traballando para que non se desbalden as enerxías acumuladas, para que non esvaezan as complicidades establecidas coas persoas na defensa de dereitos sociais e liberdades e contra a precaridade laboral e a desfeita da sanidade pública,  e para que non murchen as ilusións compartidas. Con este paso aberto á sociedade, a formación da esquerda nacionalista non parte de cero, mas utiliza o feito para proseguir noutro “facer” que evite a diáspora das persoas da política. En chave feminista e ecolóxica, avanzando cara unha sociedade máis xusta e máis libre, con atributos próprios de democracia participativa.

A transformación e emancipación de clase, feminista e ecoloxista non virá de brazo dado dunhas eleicións. 

Mas da mobilización colectiva – centro de maiores, sanidade, plana de gas, praia – e as loitas de clase, feministas e ecoloxistas, e tamén de brazo dado do antiautoritarismo e a emancipación libertària, contra as cadeas de dominación. Cómpre non esquecermos que tamén no local a institución electoral na nosa sociedade capitalista patriarcal funcionou históricamente e traballa, con mecanismos ao servizo dos grupos dominantes sociais e pouca marxe deixan á clase traballadora. As forzas políticas galegas levan enfrontándose a unha financiamento das campañas moi desigual, un dominio dos medios de comunicación e unha hexemonía ideolóxica traballada polos poderes políticos e económicos durante décadas a sangue e lume, mas tamén na  tv e na fibra óptica.

Non esquecer de onde vimos: as cidades e vilas continuadas polo réxime de 1978 foran unha fraude enorme, co obxectivo de manter o xogo capitalista e superar a reorganización traballadora. Paralelamente, mantivose un dos estados centralistas e opresores de Europa e, ao tempo, preténdese afastar das nosas representacións e arelas a forma máis natural de reorganización colectiva dun pobo, o que coincide co territorio colonizado, Galiza. Producíronse procesos longos de privatización  por todo o país dos servizos públicos municipais en beneficio dunha minoría social, así como para romper conquistas sociais e dereitos sociais consolidados. Neste contexto, os  inimigos de clase queren  o grau cero. O municipalismo é a ferramenta de enfrontamento contra un capital que, agora máis que nunca, aspira a unha maior concentración da riqueza e do poder de decisión. É por iso que o  proxecto de esquerda debe comezar co obxectivo de remunicipalizalo todo: o que privatizaron, con erros próprios e alleos, mas tamén o privatizado que nunca debería ter sido.

Acreditarmos rexamente nunha sociedade e nunha administración pública construída a partir de abaixo, de municipios e veciños, e suxeita a unha democracia directa e totalmente desenvolvida que nos faga recuperar as prácticas colectivas e colaborativas ao servizo da maioría social traballando é o mellor xeito de facer cidadanía e de facer país. Unha vila e terra de Cedeira construída desde abaixo, rúa a rúa, barrio a barrio, lugar a lugar, parroquia a parroquia. Non se pode delegar a democracia, debe exercerse. E este exercicio só é posible desde a proximidade. Os veciños  e vciñas deben controlar democráticamente os seus barrios e parroquias (servizos, instalacións, infraestruturas …) e a súa planificación.

Recompor forzas non é doado se non se practica todo o anterior, mas para acadalo é preciso asisar sobre os erros cometidos e sobre todo, non autoenganarse magnificando o conseguido e sobrevalorando só os aspectos positivos xa que hai moito por avanzar na municipalización e para o total arrombamento de inercias e opacidades.  Cedeira e Galiza teñen retos que non poden continuar esquivando fronte os ataques de gobernos dereitistas e autoritarios dun PP corrupto e empeñado en curtar dereitos fundamentais de brazo dado da ultra dereita españolista e dun programa neoliberal presente no devalo das condicions de vida, de precarización laboral, privatizacións de dereitos sociais e de servizos públicos, perda de liberdades e perda de renda a favor das elites capitalistas. Que se continue sumando e unindo desde abaixo é bó sempre que non leve cuñas argalladas desde arriba. Porque alén do curto prazo eleitoral tamén hai que poder decidir o presente e o futuro.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off