off
Cedeira, Educación, Galiza — 19 Febreiro, 2019 at 20:09

Licitada a ampliación da Escola Infantil de Cedeira

por

O goberno de Cedeira valora que se estean a dar os pasos cara á execución dun proxecto que virá a solucionar as carencias do actual. A obra incrementará en 105 metros cadrados os que existen actualmente.

[Pingota Comunicación]O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de sacar a licitación a obra de ampliación da escola infantil de Cedeira, por un importe de 141.337 euros (IVE incluído).“Trátase dunha magnífica noticia para a veciñanza e mesmo para o equipo de goberno, que vén traballando desde o primeiro día pola consecución deste obxectivo”, di o executivo local, que engade que “agora o que convén e que a contratación se resolva axiña para tratar de axilizar ao máximo a execución dun proxecto que virá solucionar as carencias que presenta o servizo actual”.O goberno lembra así mesmo que o Concello colaborará economicamente no financiamento da obra, achegando tanto unha terceira parte do custo da ampliación como da redacción do proxecto executivo, ademais de dar por ben empregadas as moitas xestións realizadas para ofrecer un servizo que se axuste ás necesidades reais da veciñanza local.No apartado de agradecementos, o executivo local menciona de maneira especial aos traballadores da escola infantil, pola súa colaboración e axuda, aos pais e nais que cunha recollida de firmas impulsaron a realización dun proxecto do que se beneficirán todos os nenos de Cedeira, así como ao conxunto da veciñanza por secundar a iniciativa municipal. A ampliación da escola infantil suporá engadir un total de 105 metros cadrados máis ás actuais instalacións, coa ocupación dun segundo edificio de propiedade municipal e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas no seu día polo Consorcio. Así, no edificio en uso construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuidor e un acceso á primeira planta.Estas obras suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituíla por unha porta de características similares ás que xa existen.

O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xerando a construción dunha nova rampla de acceso e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.A matrícula actual do centro é de 60 alumnos e o seu plantel laboral está integrado por dez traballadores. A existencia dunha lista de garda con máis de vinte nomes foi o que motivou ao goberno a facerse eco da demanda e preocupación de pais e nais con fillos menores de tres anos e sen praza no centro escolar infantil. Como primeira medida, o goberno municipal modificou o uso da propiedade obxecto da ampliación para evitar calquera atranco e asumiu o financiamento da súa parte da obra con cargo ao orzamento municipal, mentres que a Xunta ten previsto facelo a través do Fondo Europeo de Desenvolmento Rexional (Feder).

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: