off
Cedeira, Ecoloxía, Editorial, Mar e Pesca, Meio ambiente, Política local — 10 Febreiro, 2019 at 1:57 p.m.

Licitan o proxecto construtivo e o estudo ambiental da praia. Necesario mas non suficiente

by
Fotografia: SomosCedeira
Fotografia: SomosCedeira

En nota de imprensa enviada aos medios, o goberno valora unha noticia “moi importante para a vila” e agradece o apoio de veciños, entidades e colectivos para chegar a este punto.En palabras do alcalde Moreda,  “os seus resultados dirannos a orixeo problema para así tamén poder darlle a solución que demanda”. O importe do contrato supera os 100.000 euros (91.675 euros + IVE) e a licitación do mesmo correspóndelle á Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar. O prazo de execución é de doce meses e o período para a recepción das ofertas remata o día 26 do presente mes de febreiro. O executivo destaca o importe do investimento e o cumprimento, por parte do Ministerio e da Demarcación de Costas de Galicia, do compromiso que no seu día adquiriron co goberno local de financiar uns informes  que foran postos derriba da mesa por Adega e Somos Cedeira e que son chaves para analizar, no seu conxunto, a deterioración e devalo que está a afectar á praia e á ria en conxunto. Unha noticia moi importante, segundo os responsables municipais, para o municipio e “mesmo” (sic) para a Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira, para as agrupacións políticas (PSOE, BNG, Anova e Cedeira pola Esquerda) e para os veciños e veciñas que veñen secundando a postura oficial do Concello de “abordar o problema de maneira global e definitiva”.

É obvio que é importante, porque houbo quen lle deu importancia. Con certeza, hai motivos para “estar contentos e esperanzados”, segundo apuntou ao rexedor municipal. Porén, non debería esquecer o alcalde Moreda que chegar a este punto foi en moi grande medida pola presión, apoio e seguimento realizado por Somos Cedeira e Adega. Da sensibilización á mobilización e, da labor pedagóxica realizada  para explicar o que é un Estudo de Impacto Ambiental e o (posterior) proxecto construtivo, á participación activa cando así  foi requerido. Non debería ser esquecido nen obviado que cando Moreda chega á alcadía co apoio de Anova e BNG para acadaren acordos de goberno, a iniciativa a favor da realización do EIA e do proxecto construtivo xa estaba a ser encamiñada e reivindicada en solitario por Somos Cedeira e Adega. Nen sequera a Confraría de Pescadores estaba a apoiar e exixir unha estratexia de recuperación da praia e ria de Cedeira, en concordancia co  Plan de Xestión Integral da Reserva mariña de interés pesqueiro Ría de Cedeira,  o que resulta abraiante.
Menos trunfalismo e máis memoria do común
A licitación chega a comezos de febreiro cando se prometeu que seria a fin de ano. Agora, felizmente, disque vai. Se ben fica sen clarexar porque non o fixeran antes ao non haber orzamentos e agora, que continua sen habelos, licitan. Quen axe por períodos eleitorais adoita non perceber o tempo que se precisa para dar comprimento a algúns proxectos que necesitan pactos de pobo que garantan a súa continuidade, alén do interese imediato e de réditos alleos ao obxectivo real de relocalizar para preservar o patrimonio ecolóxico e social do país. Patrimonio de todos que medios coma este e  colectivos como Somos Cedeira e Adega veñen defendendo.
Mobilización para salvar a praia da Madalena
Ninguén está en condicións  de “garantir unha praia para toda a vida”. E moito menos Eimil, responsabel de Demarcación de Costas que caneou canto puido. Que se faga o EIA non quer dicir que saia ben. Porque mesmo poden acabar aprobando un proxecto construtivo pior  que non facer nada. Fronte ao trunfalismo fanfurriñeiro propio dos períodos preeleitorais e as mostras excesivas de “gratitude” cunha administración central que ten competencias que deberian ser de noso e que adoitan ter sede central no mesmo sitio de sempre,  temos por diante a tarefa  imprescindibel  de seguimento que se presupón realizará esta administración e a que xurda das vindeiras eleición locais.
Teñan presente que imos estar ollo ao gato, ollo ao prato. Á espreita. Porque non imos tolerar unha volta as vellas prácticas do pasado. Así que, parabéns para todos. Non sexa  que o exceso de “gratitude”  a una instancia estatal que non fixo máis que canear o EIA se asemelle a servidão a quen administra os impostos que pagamos na Galiza para que  Madrid administre a comenencia as competencias costeiras que para o noso país non son competencias cuaisquer. Portanto agradecerllo como se fose unha esmola a administracion que pagamos entre todas e todos ben pode ser enxergado como un aceno evidente de sumision  ao que do EIA se derive.
Porque a defensa da praia e ría de Cedeira forma parte do proxecto de relocalizar e facer levedar espazos de benestar autoxestionados no alvo de mundializacion ecolóxica.  Se comeza por non ter memoria de algo tan recente,coa vista posta só na sua releicion, podese acabar producindo unha e outra vez o mesmo. Falamos de simultánea fertilidade ecolóxica e social, porque ambos e dous son facetas da mesma fornada de espazos de benestar, autoxestionados e autosuficientes (como a Plataforma a favor do Centro de Maiores  e a defensa do territorio fonte a ubicación da planta de Gas Galicia). Por iso é tan necesaria a memoria como transmisión de experiencia vivida e como valioso recurso a ser transmitido xeración após xeración.Para poñermos fin á anulación da memoria.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off