off
Galiza, Movementos sociais, Saúde — 10 Febreiro, 2019 at 2:04 p.m.

A sanidade non se vende

by

Millares ateigan Compostela contra as eivas, os “cortes” e a “privatización” no sistema sanitario nunha marcha que xuntou todas as reivindicacións do sector e na que se aludiu cada pouco á presenza do presidente Nuñez Feixoo, á mesma hora, na mobilización da dereita e a ultradereita. “Co lío que hai aquí, e Feijóo está en Madrid”. Esa foi a consigna máis repetida dunha mobilización que coincidía en horario coa que en Madrid celebraban PP e Ciudadanos, xunto a Vox e outros grupos de extrema dereita.


Tras a pancarta que advertía de que a sanidade pública está “en perigo”, xente chegada de todos os puntos de Galiza, profesionais sanitarios, traballadores do sector e quince colectivos e plataformas secundaron unha marcha apoiada por toda a oposición e os sindicatos. “Defendámola”, reclaman. O manifesto lido alerta da “privatización a pasos axigantados” e puxo de exemplo o “resultado desastroso do Álvaro Cunqueiro de Vigo para favorecer o concerto ingular co hospital privado POVISA”.

 

Reclamáronse medidas urxentes abrindo un “diálogo” entre administración e implicados, un incremento orzamentario, cubrir todas as vacantes, rematar coa precarización e, sobre todo, elaborar “un novo plan de mellora da Atención Primaria en Galicia”. Tamén foi a Lei de Saúde outro dos obxectivos dunha marcha tras a que se criticou unha modificación lexislativa que pretende “consolidar a marxinación e o sometemento da Atención Primaria aos hospitais” ou “recentralizar o sistema acabando coa autonomía das áreas e hospitais comarcais” tras eliminarse catro áreas sanitarias.

“Feixoo, menos Madrid, escóitanos aquí”

 

No manifesto  lido por Quico Cadaval e Isabel Risco, a plataforma convocante SOS Sanidade Pública resumiu as reivindicacións dun dos “mellores sistemas sanitarios do mundo” que está a ser “derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado”. Segundo denuncia o colectivo, a política da Xunta baséase en “recortar, desmantelar e privatizar” e lembraron que co Goberno de Feijóo, e desde 2008, “reduciuse nun 20% o gasto sanitario e suprimíronse máis de 1.000 prazas de persoal ou 500 camas hospitalarias”.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off