off
América, Opinião, Politica espanhola, Politica internacional — 6 Febreiro, 2019 at 8:16 p.m.

O outro trío dos Azores

by

Pedro Sánchez guindouse á piscina avalando ao autoproclamado presidente de Venezuela Juan Guaidó sen saber se o nivel da auga permitía nadar ou só salpicar. Seguramente porque Alemaña, Gran Bretaña e Francia, coñecedores da complexidade do conflito permitiron que a súa tradicional imprudencia fungiera como liderado. Á fin e ao cabo, estes países non defrontan as responsabilidades históricas que soporta España en Venezuela, en canto á inxente colonia de oriúndos alí residentes e intereses económicos. Acaba pois en sainete a farsa que tivo turbado nas últimas xornadas ao cada vez máis patético ministro de Exteriores. Dá grima lembrar que até a véspera Josep Borrell ensarillaba como baremo de autoridade que “non queremos mudar o réxime”. En liña coa doutrina de só recoñecer Estados que adoita rexer o punto cínico do Dereito Internacional. En realidade un despropósito para ocultar a docilidade de Moncloa coa doutrina de pau e tenche teso de Donald Trump.

Con iso, Sánchez alíñase con esa dereita á que, xa metidos en precampaña electoral, adoita denunciar por paifoca e reaccionaria. Pero as soflamas de Pablo Casado e Albert Rivera neste preciso sentido, ben miradas, resultan lóxicas en opcións ideolóxicas que representan troqueles do conservadurismo e o tradicionalismo político. Como comulgar con todo o que ordene o Tío Sam, que é o que acaba de abrazar o secretario xeral do PSOE e xefe do executivo español. Por non falar da carga de profundidade que esa actitude leva de portas adentro. Sánchez fixo casus belli co tema de Venezuela nun asunto similar ao que retrousa aos seus agora compañeiros de viaxe respecto ao contencioso catalán. Entrometerse naquel niño tomando partido descaradamente por un presidente da Asemblea Nacional ex aequo sublevado contra os restantes poderes do Estado, é exactamente o oposto a tender pontes cos dirixentes do procés encarcerados por algo equivalente que di promover.
Lembremos que aquí está a piques de comezar un macroxuízo contra representantes eleitos da soberanía popular (entre outros, a presidenta do Parlament, Carme Forcadell) precisamente por “desacato” constitucional. O mesmo que Maduro imputa a Guaidó e os seus. A diferenza a favor do dirixente chavista é que alí o líder opositor está libre (de momento) e pode vender a súa mercadoría urbi et orbi, e aquí, os seus “homólogos” do dereito a decidir sentan en ristra no banco do Tribunal Supremo. Porque o artigo 155 que activou Mariano Rajoy contou co respaldo pechado do PSOE e Cidadáns, a formación coa que compite para secundar as arengas supremacistas de Trump. Mesmo cando Sánchez non pensaba de ningunha maneira nunha moción de censura vitoriosa, propuxo agravar o tipo do código penal para que o delito de rebelión non necesitase o concurso da violencia.

Apoiar a Guaidó e facelo en nome da esixencia de pluralidade, respecto aos dereitos humanos e eleicións libres, como expuxo Sánchez na súa impostada declaración na segunda-feira 4 de febreiro, é un brinde ao sol que revela a súa condición de monaguillo do inquilino da Casa Branca. Ou é que o goberno español, obrando en consecuencia, vai rachar relacións diplomáticas con países que como Irán ou Arabia Saudita, por non citar a Cuba ou Corea do Norte, incumpren reiteradamente eses requisitos? Non, é non. Mesmo se lles premia con vendas de armamento para as súas operacións de castigo na guerra do Iemen abeirando a legalidade vixente, caso dos sátrapas que mandaron secuestrar, torturar e descortizar ao xornalista Jamal Khashoggi. Entón, a que atribuír este ardoroso disciplinamento do goberno socialista con Trump que fracturou unha vez máis á Unión Europea?

Se non fóra pola fonte de procedencia, diría que porque Pedro Sánchez é un ?insensato sen escrúpulos?. Aínda que se pode enunciar noutros termos: porque o líder do PSOE é dos que pensan que se fale de min aínda que sexa mal. E creu que o de Venezuela brindáballe unha oportunidade para ampliar o seu espazo electoral na perspectiva de que en maio tamén se abran as urnas para as xerais. O oportunismo de Sánchez non ten patria. Primeiro, e para quedar como referente simbólico da falsaria esquerda, magnificou o perigo de Vox nas eleccións andaluzas, coas consecuencias de exhibición ecuménica coñecidas. E agora, visto que as alianzas Frankenstein que lle levantaron ao poder pon un prezo inasumible ao seu sostemento, utiliza a cruzada antimadurista para tentar seducir a esa franxa de votantes da dereita que estrañan o Día da Raza. O perexil de todas as simplezas. Porque Unidos Podemos, cos seus 71 escanos, quere ou non pode.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off