off
América, Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 6 Febreiro, 2019 at 6:41 p.m.

Declarando guerra á alternativa sudamericana

by

O grande problema da esquerda é non saber ser alternativa de si mesma. En Venezuela, como no Brasil, a iniciativa da oposición ficou nas maos da extrema dereita asumindo así a hexemonia opositora do goberno, tornandose interlocutora simultania e por veces até a voz, quer da acción exterior do país, quer das camadas que sofren os efeitos dunha economia dependente do prezo do petróleo (a queda de 2014) que non lle permiteu ao chavismo continuar desenvolvendo os ambiciosos programas de saúde e educación. É preciso contornar o que está pasar na Venezuela, non sexa que as dificuldades económicas enfrentadas polo goberno chavista de Maduro (falta de produtos e eletricidade etc.)  resulten suficiente proba para incautos da inepcia da  súa política económica para alén do estigma que o tornou unha “ditadura” porque hai detencions arbitrárias, clausura de meios comunicación e violencia represiva. Ocultando de pasaxe que quen   promove a violencia é a extrema dereita, incendiando loxas da Mision Mercal que vende ao pobo mercadorias a prezos reducidos, quen saquea supermercado (no Estado de Táchira, grupos terroristas paramilitares vindos da Colombia) é esa oposición neofascista que se apresenta como “democrática” a Occidente a que sabota a economia e organiza a retención de productos esenciais. Por outras palabras, desfeita económica e caos. É permitido dubidar das imaxes e das descricións que se impoñen? Ben poderiamos facer o esforzo de estarmos atentos á “estrutura rizomática da realidade” a que nos convida o sempre estimulante Slavoj Žižek, non tanto por unha arela de entendimento totalizador que nos conduza irresistíbel e mecanicamente à emancipación, mas pola humilde condición posmetafísica de non contribuir alimentando o que representan séculos de colonialismo opresor. Comezando por non esquecer alomenos dous aspectos do que está a acontecer e que ao meu ver non nos fan inconscentes servidores da descrición que serve aos poderes políticos dominantes.

Por unha banda, cómpre  termos presente que o rexime anterior colapsou nas maos do amigo de Felipe González, presunto socialdemócrata Carlos Andrés Pérez, o da corrupción rampante.  Mas na altura, perante un país no que pobres son lexión e as desigualdades enormes, nen foran emitidos ultimatums nen as roupas nen as palabras foran quebradas polos gobernos das democracias emprazadas,  nas que como é sabido, nomeadamente na zona mediterránea, non hai lugar para fallas económicas, ineficiencias, prácticas de corrupción, despoxos, presos políticos,etc.

Por outra, é preciso lembrarmos a inequívoca formulación da política norteamericana fronte ao chavismo nas palabras que deitaba hai dez anos o ex-secretario dos EUA Lawrence Eagleburger por ocasión da entrevista no programa de negocios de Neil Cavuto diante dun gráfico que dicia “Declaring War?” E abondaba nos aspectos neocoloniais da doutrina Monroe: “se a revolución bolivariana funciona cando as persoas albiscaren algun horizonte de padrón de vida, e en algun momento a economia realmente piorar, a popularidade de Chávez no país certamente irá cair. E esta é a única arma que temos contra ele por encanto, e debemos estar usando ela. Isto é: as ferramentas económicas de tentar facer a economia ficar ainda pior para que sua popularidade no país e na rexión devale. Calquera cousa que podermos facer para tornar a economia mais difícil para eles neste momento é positivo, mas fagamos iso en formas que non nos impliquen en conflito dereito coa Venezuela, se o pudermos evitar.”(Fox News).

Declaracións obviamente realizadas após tentativa de golpe de Estado en 2002 e protagonizada pola oposición co apoio activo dos Estados Unidos   e da reiterada consideración de Venezuela por Obama en 2015, e novamente en 2017, como unha “ameaza á seguranza nacional dos Estados Unidos”. John Bolton vén de afimar sen rubor que se trata de derrubar o rexime bolivariano nunha operación de longo prazo para acabar cos gobernos do Cono Sul que non obedecen á administración Trump e favorecen a entrada de compañías de petróleo dos EUA.

É ben coñecido o revés para Washington cando Chavez foi restituido no poder secundado por masivas protestas na rúa e sucesivas vitorias democráticas en referendos e eleicións desde 1998, nun sistema mediático no que a maioría dos meios continuan en maos da oposición. Porén,  que os meios de comunicación  describan a Maduro coma un ditador non é novo.  Xa o facian con Chávez – e con Correa e Morales-  cando a revolución bolivariana decidiu coutar as imposicións neoliberais dos EUA  e enfrontarse a unha oposición en maos da dereita e conducida polos magnates da globalización, mandos militares contrarios ás nacionalizacións e aos proxectos comunitarios, como explica Nicolás Kozloff no seu fundamental estudo sobre a América Latina.

A alternativa sudamericana -a revolución bolivariana non se limita a Venezuela-  emerxeu no que vai de século como un límite crítico incontornabel entanto EUA impuña un goberno neoliberal no Iraque e sumia Libia nunha guerra civil, por moito que o devalo despótico de Maduro esté a ser impugnado por quen en Europa representa o proceso de degradación da esquerda até facela irrecoñecibel para os seus proprios parceiros. Os sucesos relativos do reformismo de esquerda non oculta que a súa asunción do capitalismo armado existente acatou docilmente e sen emenda algunha o sistema bancario e financieiro a costa das achegas fiscais da cidadanía máis vulnerábel, alén de defraudar aos contribuintes cos resgates, conservando o cerne do capitalismo e as corporacións globais e minguando e destruindo asín a posibilidade dunha mudanza substancial. Ao cabo, non é posibel esperar mudanza ningunha da esquerda falsaria que paira nos estados europeos se non conta cos movimentos de disidencia global que teñen nas experiencias democráticas populares de Venezuela, Bolivia,Brasil e o Ecuador, desde o miolo das cidades miseria, os elos principais dunha cadea que cinga  o excesivo poder capitalista das multinacionais. O rumbo conservador de dereitas das democracias industriais no mundo occidental está a submeter os Estados a un desenvolvimento en beneficio do PIB  a costa da maioría da poboación. O paradoxo é que constatada a desfeita na crise de 2008,esa mesma esquerda reformista prefire teimar en non admitir as consecuencias do capitalismo até o ponto de que non admite a alternativa sudamericana nen cando esta acontece no marco das regras formais das democracias emprazadas. O que Gianni Vattimo e Santiago Zabala denominan “comunismo debole” ou alternativa politica ás imposicións neoliberais das democracias emprazadas. Quilómetro cero dunha mudanza radical que non é aceita, como vimos de comprobar de xeito diverso no Brasil e en Venezuela, nen utilizando os mesmos procedimentos democráticos que Occidente afirma profesar. Nomeadamente, porque é en America Latina onde se deu máis rexa oposición á reestruturación neoliberal da nosa época. Porén, o cinismo de Pedro Sánchez é tal que declara ilexítimo o goberno constituido na Venezuela e recoñece como presidente “certo”  o líder da oposición, con só 84 deputados e sen debate “de estado” .  Sánchez, por voz do seu amo, dita e declara que goberno é ou non é lexitimo noutro continente e nun país que hai 200 anos que non fai parte do imperio español de ultramar.  Non é absurdo, é simples servilismo a Trump  (que non pasou inadvertido a Lopez Obrador) e a Davos (esa reunión á que Lula preferiu non acudir en 2009 para asistir ao Foro Social Mundial de Belem) quen o leva a recoñecer un goberno cando de entrada -seguindo a doutrina Estrada- o que se recoñecen son estados. Porque a continuación, afirma que ten de ser o pobo venezolano quen decida.

O  alegado artigo 233 da Constitución venezolana para xustificar a operación de derrocamento dun goberno non permite en calquer caso facer o que está sendo feito, xa que non é incorrido en nengún dos casos de “falta total” que xustificaria que a presidencia cairia no presidente do Parlamento. Primeiro, afírmase que o que está sendo feito é “constitucional”, e entón os Estados Unidos lanza unha nova bateria de sancións que o goberno Trump calculou ter un efeito no valor de 11.000 millóns de dólares para a economia venezuelana(o que importa nun só ano). Encanto a ONU advirte que a verdadeira crise humanitaria a xerarían precisamente as sancions de Trump, os estados europeos corren a oferecer axuda humanitaria “cando as condicións sexan as acaidas”. Cinismo, coerción e inxerencia para a existencia continuada dun  prepotente sistema-mundo de dominación que persegue a “verdade” ( o paradigma existente ) en forma de imposición e realismo (conservación do statu quo) e trunfo sobre os máis febles para que fiquen sen alternativa no continente americano, mas tamén para que outros continentes fiquen sen referentes de procura dun sistema político, económico e ecolóxico diferente.

O que acontecer na Venezuela non son precisamente os efeitos autorregulatorios da mao invisibel de Adam Smith nen o equivalente da fantasía de Fukuyama, mas unha estratéxia elaborada lonxe de ser unha consecuencia mécanica e necesaria da condición , consciente planexada e executada por determinados axentes co alvo de decretar o fin da revolución bolivariana e impor as receitas neoliberais. O que parece importar pouco á socialdemocracia canalla, ao ventrílocuo  Pedro Sánchez e a deficitaria “Comisión Europea”, é a dificultade de superar a economia capitalista ensaiando novas formas de organización da produción co alvo de superar a dicotomia entre propriedade privada ou propriedade estatal(cooperativas de labregos e obreiros con participación directa dos traballadores,  organización da produción, hibridación entre propriedade privada e control e organización social, etc.).

Se a esquerda non sabe ser alternativa de si mesma é porque non sabe que facer co Estado. A insuficiente distancia do Estado acaba coaptando a realización emancipatoria. É probabel que a desfeita teña orixe na insuficiente institucionalización da autoorganización ensaiada  xa que unha vez transformadas moitas das relacións sociais, ficaba  por ver se os novos marcos non facian mais do que materializar ainda máis o Estado. Os aparatos burocráticos do Goberno secuestraran o impulso participativo das clases populares, o obxectivo da Asemblea Constituinte de alargar democráticamente a forza política da base social de apoio á revolución estará frustrado.De aí tamén a hexemonia estatal da dereita na oposición ainda que fose unha dereita dividida que uniu o taumatúrxico Guaidó convocando o espectro do neoliberalismo en todo o mundo, mas  fiando todo á  intervención internacional cando o goberno de Maduro conserva o apoio da cidadanía que o votou. O que tamén fica nídio é que a talla de estadista de Sánchez está á altura das súas renuncias e silencios, comezando por desbaldar a mediación do compañero Zapatero e ofrecer ultimatums a Venezuela cando cala diante da Arabia Saudita.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off