off
Ciencia, Ecoloxía, Galiza, Mar e Pesca, Sen categorizar — 25 Xaneiro, 2019 at 5:50 p.m.

Un bo ano para a ostra xaponesa en Galiza

by

Fai anos que o mar galego está invadido por seres que veñen de lonxe, pero non se trata dun filme de ficción estilo “Independence day”, no que os alieníxenas teñen capacidade para viaxar de planeta en planeta, senón destes seres vivos que se colan en ecosistemas alleos, e que chamamos especies invasoras. É o caso duns seres absolutamente pacíficos que foron introducido polos humanos nos ecosistemas mariños galegos polo seu gran valor culinario. A ostra pacífica introduciuse en Galiza nos anos 80 para o seu cultivo, e actualmente existen poboacións naturalizadas na Ría do Barqueiro, e probablemente noutros puntos da costa lucense e coruñesa. Chámaselle ostra xaponesa ou ostra do pacífico porque a distribución natural de Crassostreagigas esténdese dende a illa Sakhalin e Primorskiy Kray (Rusia) ate a illa de Kyushu (Xapón) e a costa leste de China. Tamén se lle chama ostra rizada ou ostión en contraposición coa forma da ostra autóctona (Ostreaedulis) máis plana e pequena que a foránea. Noutras moitas zonas do mundo como Norte e Sur América, Europa, Asia, Africa e Oceanía tamén se poden atopar estes “aliens”; e como en Galiza, na maioría dos casos, foron introducidos polo seu valor comercial.

Ostra rizada na ría de Ribadeo. Foto de Enrique Sampedro Miranda baixo licencia Creative Commons Atribución-NoComercial 3.0 España, sacada de http://ria-de-ribadeo.blogspot.com.es/2017/01/invasion-de-ostra-rizada-na-ria-de.html

Un replicante exitoso

Como se da “Invasión dos ultracorpos” se tratase, hai anos que estas especies alleas veñen replicando con éxito unha estratexia que os leva a ser unha das especies invasoras  máis estendida polo planeta. A súa estratexia non é a de mudar o seu aspecto para confundirnos coma na ficción, senón que reúnen unhas características, que son comúns a outras especies invasoras:

  • Rápido crecemento
  • Pronta maduración sexual
  • Alta fecundidade
  • Habilidade para colonizar un multitude de hábitats.
  • Dieta variada
  • Tolerancia a amplos rangos de condicións climáticas.

Pero a principal causa do trunfo desta invasión, débese a que a presión dos depredadores é moito menor en Galiza que na zona de orixe. Así, os que poderían ser os seus depredadores aquí: o cangrexo común Carcinus maenas ou a estrela de mar Asteriasr ubens, prefiren alimentarse de mexillón en troques da ostra xaponesa. Tampouco dispoñemos de evidencias de que os seus depredadores no Océano Pacífico se alimenten da ostra rizada nas costas europeas (fóra das zonas de cultivo).

As ostras rizadas gostan de vivir todas xuntas, creando un arrecife, de forma que os individuos adultos serven de base para a fixación dos novos. Así, unha xeración tras outra, vaise formando unha gran estrutura tridimensional que modifica a contorna e que dá acubillo ás ostras pacíficas contra depredadores e fronte grandes cambios de temperatura e salinidade.

Consecuencias para os ecosistemas galegos

Táboa con algunhas diferencias entre as estructuras que forman Crassostrea gigas e Mytilus edulis

Os arrecifes da ostra xaponesa conteñen unha alta diversidade de macrofauna debido á complexidade estrutural (máis heteroxeneidade) que van adquirindo co paso das xeracións. As piñas de mexillón (Mytilus edulis no mar de Wadden, Mytilusgalloprovincialis en Galiza), forman tamén algo parecido a un arrecife, pero con menor complexidade que o da ostra rizada . Investigacións feitas no mar de Wadden (ao sur do Mar do Norte) demostran que os arrecifes das ostras rizadas conteñen maior diversidade que as piñas de mexillón.

Tamén demostraron os estudos citados, que a superficie ocupada polo mexillón decreceu ao tempo que aumentaba a da ostra rizada. Aínda que non necesariamente ten que desprazar unha especie a outra é obvio que compiten polo espazo, a fin de contas os arrecifes de ostra xaponesa son un hábitat diferente ao das piñas do mexillón.Táboa con algunhas diferencias entre as estructuras que forman Crassostrea gigas e Mytilus edulis

Capturas en Galiza

Evolución de capturas de Crassostrea gigas por lonxa consultados en pescadegalicia.gal o 13/09/2017

Dende o ano 1997 (dende que ten rexistros pescadegalicia.gal) ata o 2016 pasaron polas lonxas máis de 300.000 kg de ostra xaponesa extraídas polas confrarías galegas a golpe de cicel. Como se pode ver no gráfico ata o ano 2010 non comeza a extracción continuada deste bivalvo. Isto débese a que nese ano a Xunta autoriza por primeira vez a extracción deste bivalvo nás cofrarías do Barqueiro e do Vicedo. É dicir, ata o 2010 (dende os anos 80 que se introduciron) non hai unha poboación naturalizada suficientemente grande, e a xente que vive do mar non regulariza a súa comercialización.

A variación nas capturas despois do 2010 pode deberse a unha combinación entre as flutuacións naturais das poboacións de ostras rizadas en Galiza, e ao interese das confrarías por capturala. Este interese variará dependendo da cantidade de ostra rizada (naturalizada) que hai nas nosas costas e do valor de mercado, o cal depende dos quilos deste bivalvo que se producen en bateas en Galiza. Neste ano 2017 son 6 os pósitos que teñen no seu plano de explotación a ostra rizada, o supón un incremento con respecto ao 2016 no que só 3 confrarías tiñan permiso. Parece que o 2017 vai ser un bo ano para esta especie invasora no litoral galego, cando tant@s mariscadoras/es se preparan para súa recollida.

Bibliografía

Bañon Díaz, Rafael. 2013. Especies exóticas mariñas de Galiza. Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambienteNº. 70, 32-35.

López, A. A Mariña. 27/02/2013. Ostra rizada a golpe de martelo e cincel. El Progreso – GaliciaAE, consultado o 09/02/2017 http://elprogreso.galiciae.com/gl/noticia/151534/ostra-rizada-golpe-de-martillo-y-cincel

Sampedro Miranda, Enrique. 2017. Invasión de ostra rizada na Ría de Ribadeo. http://ria-de-ribadeo.blogspot.com.es/2017/01/invasion-de-ostra-rizada-na-ria-de.html, consultado o 10/02/2017

Troost, Karin. 2010. Causes and effects of a highly successful marine invasion: Case-study of the introduced Pacific oyster Crassostrea gigas in continental NW European estuaries. Journal of Sea Research, 64, 145–165.

Iglesias, D., Rodríguez , L., Montes, J., Conchas, R. F., Pérez, J. L., Fernández, M.,  & Guerra, A. 2005.Estudio de viabilidad del cultivo de ostra rizada Crassostrea gigas (Thunberg, 1793) en diferentes rías gallegas. Primeros resultados biológico-productivos. Bol. Inst. Esp. Oceanogr. 21 (1-4). 2005: 293-309


Este artigo foi publicado en marabaixo.gal, bitácora na que o colaborador de Ollaparo e biólogo mariño Xandro García reflexiona e fai acaída divulgación científica do seu campo de especialización, os invertebrados mariños, o ecoloxismo e outros eidos sempre relacionados co mar e a investigación mariña.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off