off
Cedeira, Galiza, Política local, Saúde — 23 Xaneiro, 2019 at 11:54 a.m.

A asemblea do BNG Cedeira apoia as mobilizacións contra os cortes na sanidade pública

by

A Asemblea Local do BNG Cedeira vén  emeter comunicado de apoio  a todo o movemento de folgas e protestas que se están a realizar por todo o país.

Un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega é o gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é o resultado dos graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.

A política sanitaria de Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: converten o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade.

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os cortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019 destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros.

As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite…todo isto levámolo sufrindo tanto as veciñas e veciños de Cedeira como os profesionais que traballan no centro de saúde do noso pobo.

O BNG apoia todo o movemento de folgas e protestas que se están a realizar por todo o país e presentaremos ao vindeiro pleno do Concello de Cedeira unha moción ao respecto porque non podemos permitir que o goberno da Xunta de Galicia acabe coa sanidade pública.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off