off
Língua, Literatura — 21 Xaneiro, 2019 at 1:20 p.m.

Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento!

by

A máis da lectura pública da obra de Rosalía de Castro do dia 24 de febreiro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino lanza unha proposta sob o lema, Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento!, co obxectivo de desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.

Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, proponse para o venres 22 de febreiro a realización dunha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de versos escollidos a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2019, elaborado pola escritora Ana Romaní, unindo unha Inxustiza cun Verso de Rosalía de Castro (evidentemente, poderán engadirse novas propostas a estas, extraídas do Manifesto, ou algún titular xornalístico que exemplifique como esas inxustizas continúan desde o século XIX até a actualidade). Pode consultarse aquí.

Será o profesorado de Primaria, Secundaria e Bacharelato quen decida os temas transversais da obra de Rosalía de Castro que se poden abordar en función dos respectivos niveis educativos. A partir de aí a AELG propón a elaboración de pancartas nas que se escriban os textos antes traballados para, a seguir, proceder á súa teatralización como se fose unha reivindicación social, que será gravada en vídeo ou fotografada.

A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #LibreOMeuPensamento_rdc_19. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podense comunicar a  intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2019, para a irmos facendo constar na nosa web.

Desde a AELG, convidase á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: