off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 20 Xaneiro, 2019 at 11:39 a.m.

Alguén voou sobre o niño de Vox

by

O discurso político é caprichoso, conmiserativo cos gobernados e compracente cos gobernantes. Unha randeeira da Ceca para Meca cando os meios de persuasión de masas aringleiran a favor do statu quo. Ao felipismo debémoslle o bon suceso do dese formato.

Durante a transición apadriñou o achegamento ao franquismo serodio para facilitar un Estado de dereito. O que envolvia menosprezar a importancia da pegada asasina da ditadura. Por iso é polo que nen a memoria histórica nen a ilegalización dos partidos que se reclamaban daquel sinistro pasado entrasen nunca nas súas previsións. Era a peaxe para optar ao númerus clausus do poder. Todo o contrario do que sucede agora co sanchismo. O actual PSOE está a tocar a rebato ante a ameaza dun revival da extrema dereita. O monstro, onte durmiñón sen maiores cautelas, hoxe vén vernos coas súas piores credenciais. Após 36 anos ininterrompidos de goberno socialista en Andalucía (os mesmos que durou o franquismo), a sobrexposición do Vox nas pasadas eleicións lembra, pola outra beira e virado do revés, a aquel inicio que instaurou a monarquía do 18 de Xullo á conta dunha auténtica refundación democrática. Onte improvisouse un populismo conservador que denominaron consenso, e hoxe ínstase un populismo progresista que algúns chaman “alerta antifascista”. A demanda das necesidades do réxime imperante.

Toca, pois, explicarmos como chegamos a isto. Porque o creacionismo esixe ter fe de carboeiros, que non é o noso caso. Alguén dirá que o ultranacionalismo non fai senón gañar posicións no mundo desenvolvido. Que mesmo chegou a gobernos, sendo o caso italiano o exemplo máis elocuente desta arremetida. Que estamos nun ciclo involucionista que apañou o relé ao anterior de fasquía contraria, o que dinamizou o 15-M, as primaveras árabes e Occupy Wall Street. E é certo, cunha diferenza substancial. O ciclo progresista foi precedido de amplas mobilizacións sociais, víase vir. O que nos preocupa agora non atende a nengún agregado social. Agás, talvez, no caso de Alemaña, que por iso mesmo aínda non foi a máis. De feito, a alarma que espertan os neonazis cando gañan a rúa serve de aviso a navegantes para xustificar un isolamento na sociedade civil que neutralice a súa escalada.

Por iso é polo que o acontecido con Vox en Andalucía precise unha atención microscópica. O prioritario é seguirlle a pegada no seu desdobramento eleitoral, polos seus feitos serán recoñecidos. Xa que nen o partido de Santiago Abascal, nen outros afíns, se tornarán favorecidos polo vento de popa dun proselitismo cidadán masivo. FE das JONS, que con algunha licenza podería considerarse unha precuela de Vox, obtivo 2.392 votos (0,06%) nas eleccións andaluzas de 2012. Nos comicios de 2015, xa con Vox na palestra, os de Abascal sacaron 18.017 votos (0,45%), case a metade que o Partido Animalista PACMA (31.735). E de aí, ás caladas, chegamos ao espectacular chupinazo de 2018, cando Vox multiplica por doce a súa anterior cota, arrincando 12 escanos e o apoio de 395.978 electores (10,97%). Para sorpresa do CIS, que lle anticipaba un único deputado e o 3,17% de votos. Tampouco se sostén como argumento de autoridade a tese dun desembarco de seguidores do Partido Popular en Vox, polo “miñaxoais” de Rajoy ante o conflito independentista. Nos dúas últimas consultas celebradas en Andalucía, o bloque conservador integrado por PP e Cidadáns só minguou en 24.250 votos (1.433.156 en 2015 e 1.408.906 en 2018), moi lonxe dos case catrocentos mil inopinadamente cultivados por Vox.
Descartados análises máis propias da ufoloxía que do sentido común, haberá que procurar indicios desa patoloxía sobre o terreo. Algunha clave existirá para que un antipático partido emerxente, de tinguiduras xenófobas e misóxinas, conquiste no seu debut (2018) case 30.000 votos máis que os logrados na súa primeira comparecencia andaluza (2015) por un veterano do parlamentarismo autonómico, como o liderado por Albert Rivera. Unha hipótese nada desdeñable apunta ao deseño de campaña feita polo presidente dá a Junta, Susana Díaz, que mal aconsellada ou por propia vontade enfocou a súa estratexia en orde a “potenciar” o perigo da nacente extrema dereita. O seu particular “alerta antifascista”, acusando ao PP e a Cidadáns de entregarse aos “neofranquistas” de Vox, puido situar á startup ultranacionalista no ollo do furacán no momento preciso e no lugar oportuno (unha das rexións de Europa onde o paro estrutural é un endemismo de esquerda). Desa guisa, un grupo case fantasmal (22 concelleiros dun total de 68.230 a nivel nacional), cun dirixente pouco menos que invisible para a percepción xeral, converteuse da noite para a mañá en escuro obxecto de desexo para os medios de comunicación e a dopada opinión pública. Grazas á estudada torpeza política de Díaz, a xente de Abascal resultou decisiva para conformar o novo goberno na comunidade e a marca Vox hoxe é coñecida até no último recuncho do país.
Con todo, a cebada ao rabo. A decepción sufrida por gañar as eleccións e á vez perder o poder fixo que Susana Díaz pensase que á segunda ía a vencida. Por iso aproveitou a xusta protesta feminista contra as paifocadas de Vox para tratar de porse a fronte a manifestación. O PSOE non só fretou autobuses gratuítos para asistir á concentración fronte ao parlamento andaluz senón que encargou a Canle Sur que promocionase nas súas coberturas informativas aos dirixentes socialistas que, situados en primeira liña, acirraban a repulsa da cidadanía ao expresado nas urnas. Nunca en todos os anos transcorridos desde a aprobación da Constitución un partido legal había promocionado unha acción pública contra o veredicto popular. Alí pululaban persoas como Rosa Aguilar, a ex alcaldesa de Córdoba por EU (sector PCE) fichada por Díaz para desempeñar distintas carteiras naquela Administración. Así, un membro do goberno aínda en funcións deslexitimaba de palabra e obra á oposición vitoriosa en enfrontamento limpo. Na mellor tradición da política concibida como un duelo amigo-inimigo, que proclamase o ideólogo filonazi Carl Schmitt.
A erótica do poder ás veces confunde o onanismo compulsivo co amour fou. Quizáis por iso, Sánchez terminou copiando á cuestionada Susana Díaz, na crenza de que o temperado tenebrismo de Vox pode operar como bálsamo de Fierabrás no seu beneficio. Permitiríalle erixirse no único referente antifascista (Somos a esquerda), desactivar á disidencia interna que pide unha reviravolta re-centralizadora no seu PSOE, e pasar pola esquerda a Unidos Podemos como competidor na mesma lonxitude de onda. O poder por encima de todo. Queda por ver se a apócima funciona nunha sociedade á que o mesmo PSOE adoutrinou na orixe dos tempos na amnesia e a confraternización cos esbirros da ditadura. Unha desmemoria cultivada a conciencia que acaba de demostrar a súa eficacia inhabilitante nos comicios celebrados Despeñaperros abaixo, máis aló da kermesse orquestrada por Moncloa coa exhumación da momia de Franco. Sería dramático que ao final o único que quedase claro é que foi a esquerda falsaria a primeira en estigmatizar o resultado dunhas eleiccións democráticas adversas?Cosas vereis, amigo Sancho, que harán hablar las pedras?.
Un  paxe de asneiradas e miserias que seguramente servirá de escusa para que, cando de verdade cheguen os bárbaros, fagan outro tanto e ainda peor. Porque Aladinos hai moitos, mas escasean os aprendices de bruxo que logo do experimento son capaces de facer volver á besta ao seu tobo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off